Entre os días 8 e 13 de xaneiro de 1973 celebrouse a I Semán do Cine en Ourense, un evento que ata 1978 celebrou seis edicións con distintas denominacións (Mostra de Cine, Xornadas de Cine e, definitivamente, Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións) e que tivo unha importancia fundamental como espazo de encontro e difusión do nacente cine galego dos anos 70 do pasado século, do que constituíu un dos seus principais alicerces.
En 1973 un grupo de mozos e mozas de Ourense "apostaron por crear unhas xornadas de cine que reivindicaban un lugar ao audiovisual galego, lonxe dos estereotipos e folclorismos da época"
O encontro cinematográfico, impulsado inicialmente polo xornalista Luís Álvarez Pousa, estaba organizado polo Cine Clube Padre Feijóo (CCPF), que nacera tres anos antes -dependendo da escola de profesorado da cidade- e que dende entón mantén unha programación ininterrompida durante máis de cinco décadas e tamén pola Agrupación Cultural Auriense. Para conmemorar o 50 aniversario das primeiras Xornadas de Cine de Ourense, o CCPF celebra este sábado un acto na Casa da Cultura de Ourense (rúa Concello, 11), con asistencia aberta e gratuíta.
A Semán do Cine supuxo a primeira fiestra aberta á exhibición e á distribución cinematográfica en Galicia. Mantívose e creceu durante seis anos, pero a falta de apoio de Concello e Deputación a partir de 1978 impediu a súa continuidade
O acto comezará ás 11 da mañá cun coloquio no que participarán Luís Álvarez Pousa, Euloxio Ruibal, Enrique Rodríguez Baixeiras, Carlos Piñeiro, David Cortón, Maribel Outeiriño e representantes de CGAI, Cineclube Padre Feijoo e Agrupación Cultural Auriense. Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, proxectaranse tres filmes fundamentais na historia primeira do cine galego: O Documento (Grupo Enroba, 1974), Holocausto (Euloxio Ruibal - Equipo Lupa, 1972) e Illa (Carlos Piñeiro - Equipo Imaxe, 1975).
A Semán do Cine supuxo a primeira fiestra aberta á exhibición e á distribución cinematográfica en Galicia. Mantívose e creceu durante seis anos, pero a falta de apoio de Concello e Deputación a partir de 1978 impediu a súa continuidade. O profesor Xosé Paz relataba así o seu nacemento: “Luís Álvarez Pousa era un apaixonado do cine e un día chegou e díxonos: 'E por que non facemos unha semana de cine para promover que exista un cine galego?' A nós pareceunos unha idea excelente e apoiamos a iniciativa”.
Ademais das figuras de Luís Álvarez Pousa e de Xosé Paz, nas Xornadas cómpre destacar o papel do propio Emilio Losada, fundador do cineclube e mestre de Relixión, "unha figura que foi fundamental para que o cineclube superase os obstáculos do réxime", destaca Manuel Precedo en conversa con Praza.gal. Precedo explica que ademais dos obxectivos estritamente culturais e de fomento do cinema na cidade, "a medida que foron avanzando as edicións, estas foron cada vez máis políticas e reivindicativas". Ademais, salienta que as Xornadas supuxeron unha "loita contra as visións centralistas de que só importa o que se fai en Madrid" e tamén unha loita "contra eses estereotipos folclóricos que aínda existen, baseadas nesa idea de 'que fermosas paisaxes ten Galicia" e pouco máis".
Manuel Precedo salienta que as Xornadas supuxeron unha "loita contra as visións centralistas de que só importa o que se fai en Madrid" e tamén unha loita "contra eses estereotipos folclóricos que aínda existen, baseadas nesa idea de 'que fermosas paisaxes ten Galicia" e pouco máis"
Na primeira edición das Xornadas o compostelán Equipo Lupa presentou Catro por Catro, Mesturanza, Holocausto e A procesión das mortaxas e nos anos seguintes Ourense acolleu as estreas doutros pioneiros do cinema galego, coma o Grupo Enroba ou o Equipo Imaxe. O lema da segunda edición, 'As posibilidades dun cine galego. Camiños a seguir' era unha mostra deste carácter fundacional das Xornadas para o sector en Galicia, que neses anos comezaba a despegar con numerosas iniciativas, dende a creación de cineclubes, xornadas, filmes de afeccionados e mesmo o intento de crear a primeira distribuidora do país, Nós, proxecto ideado por Ana Fernández e Carlos Varela. Gran parte desta forza creadora esvaeu a partir de 1978, momento no que finaliza tamén a organización das Xornadas.
En 1977 impulsouse dende as Xornadas un manifesto que buscaba sentar as bases materiais e organizativas para unha produción cinematográfica en Galicia
En 1977 impulsouse dende as Xornadas un manifesto que buscaba sentar as bases materiais e organizativas para unha produción cinematográfica en Galicia. Tamén se reclama unha formación profesional, unha rede de distribución, unha televisión galega como saída natural de produción cinematográfica e que o cine fose un espazo de uso normal da lingua galega. "Obviamente a língoa e cultura galegas, como elementos do discurso fílmico, deberían ser completamente normalizadas pro desenvolvemento integral do noso cine", dicíase nun texto asinado por Manuel Abad, Enrique Baxeiras, Manuel Castelao, Miguel Castelo, Luis Gayol, Javier Iglesias, Cesar A. Molina, Maruchi Olmo, Modesto Pena, Carlos L. Piñeiro, Victor Ruppen, Francisco Taxes e Xavier Villaverde.
"Obviamente a língoa e cultura galegas, como elementos do discurso fílmico, deberían ser completamente normalizadas pro desenvolvemento integral do noso cine", dicíase no texto
A partir do terceiro ano gaña peso a participación de cineastas de Cataluña e de Portugal e as Xornadas adquiren máis conciencia socio-política e lingüística. De feito, o evento tomou o nome de Xornadas de Cine das Nacionalidades e as Rexións, abranguendo producións dos restantes territorios e nacións da Península. Por Ourense pasaron neses anos realizadores, ensaístas, xornalistas, críticos e estudosos do cine en xeral procedentes de todas as nacionalidades do Estado, ademais de todos os profesionais e afeccionados galegos no momento. Así, nos programas nas Xornadas figuran Elías Querejeta, José Luis Borau, Juan María Bandrés, X. Pérez Perucha ou Llorenç Soler e tamén Enrique Rodríguez Baixeras, Euloxio Rodríguez Ruibal, Carlos Piñeiro, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Carlos Velo, Miguel Castelo, Miguel Gato ou Eloy Lozano.
Ademais, a partir da morte do ditador, as Xornadas convertéronse nun nítido espazo de reivindicación cultural e política. Nese ano 1975, o Tribunal de Orden Público incautou as películas O documento, do Grupo Enroba, e A Tola, de Miguel Gato, trala súa exhibición no salón de actos dos Salesianos. Este segundo filme, A Tola, continúa desaparecida e nunca máis apareceu unha copia. Houbo tamén problemas coas autoridades coa proxección de Estado de Excepción, un filme que conta unha historia de torturas nunha comisaría do País Vasco e que foi censurado despois da súa estrea nas Xornadas, pola que os responsables da asociación cultural Auriense e do Cineclube tiveron que pasar polo xulgado. Durante a rodaxe da curtametraxe, varios membros do equipo, incluído o director, Iñaki Nuñez, foron detidos e encarcerados, acusados de tentar desprestixiar á policía.
A partir da morte do ditador, as Xornadas convertéronse nun nítido espazo de reivindicación cultural e política
Na presentación do acto previsto para este sábado, o Cine Clube Padre Feijóo destaca que "o compromiso claro das Xornadas era buscar unha conciencia e a procura pola independencia económica e política do cine". "Houbo un tempo de incerteza, de baleiro e soños coutados nos que o fundido a negro enchía todo. Foi aí cando un fato de mozos e mozas de Ourense apostaron por crear unhas xornadas de cine que reivindicaban un lugar ao audiovisual galego, lonxe dos estereotipos e folclorismos da época", salienta o Cineclube, que se pregunta: "Por que non se ía poder facer aquí o que se estaba a realizar noutros lugares?".