Curtocurcuito homenaxea a Euloxio Ruibal e o Equipo Lupa, pioneiros do cinema galego nos anos 70

Fotograma de 'O Corpiño' (1973), do Equipo Lupa © Curtocircuito

A comezos da década dos 70 o 'Equipo Lupa', formado ao redor da compostelá Asociación Cultural O Galo, rexistrou algúns filmes que marcaron as bases do cinema galego contemporáneo. Formado por Euloxio R. Ruibal, Félix Casado, Ana Antón, Roberto Vidal Bolaño, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Miguel Pérez Romero, Lucrecia Carril, Pablo Crespo ou Jesús Velasco, o proxecto dedicado á produción cinematográfica en Galicia e en galego tiña entre os seus obxectivos principais o de soster a valoración do cine como forma de expresión e como medio de comunicación entre a cidadanía, partindo dunha atención preferente á cultura tradicional. 

Poderán verse A rapa das bestas (1972), O Corpiño (1973), Peliqueiros (1973), O edificio Castromil (1975) e Holocausto (1972), a súa única peza de ficción

A 16ª edición de Curtocircuíto, que se celebrará en Santiago do 28 de setembro ao 6 de outubro, proxectará por primeira vez estes filmes, en colaboración co Cineclube de Compostela. Poderán verse os documentais A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); O Corpiño (1973), rexistro da popular romaría lalinense; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; e O edificio Castromil (1975), que contén as imaxes do derrubamento deste emblemático inmoble compostelán que ocupaba o centro da actual Praza de Galicia. Tamén se proxectará Holocausto (1972), a única ficción realizada polo grupo. Nesta película Roberto Vidal Bolaño comezou como axudante de realización e acabou, de forma "accidental", como actor.

E despois? “E despois o grupo foi esmorecendo co paso do tempo e creamos un grupo de teatro Obradoiro, co que traballamos un texto de Eduardo Blanco Amor, co que tiña eu moi boa relación”, explicaba Euloxio R. Ruibal nesta reportaxe.

Derruba do Edificio Castromil (1975), rexistrada polo Equipo Lupa © Curtocircuito

“Interesábanos a temática etnográfica, eramos conscientes da urxencia de recoller certas manifestacións que non tardarían moito en perderse ou evoluír cara a espectáculos para turistas ou cidadáns galegos transculturizados”

Os xornais da época, sen saber aínda a relevancia historiográfica que tería ese grupo, fixéronse eco dos primeiros pasos dese equipo. “Lupa naceu coa fin de realizar películas sobre Galicia, non só de temas culturais, paisaxístico, senón tamén pequenos filmes con argumentos. Os proxectos de Lupa son ambiciosos. Co obxectivo de lograr unha maior perfección técnica e artística, pretenden adquirir un aparato de 16 milímetros. Mais os mozos de Lupa non teñen diñeiro para levar adiante a súa obra cinematográfica. Por iso, piden a todos os galegos colaboración económica, aínda que sexa pequena, para poder seguir adiante con esta interesante tarefa de un posible cine galego”. Este fragmento pertence a unha reportaxe que o xornalista e escritor Xosé Fernández Ferreiro publicaba en 1972 no diario ABC no que resumía as esencias dun proxecto que xeraría unha feixe de pezas audiovisuais.

Esta retrospectiva servirá como homenaxe ao Equipo Lupa e Euloxio R. Ruibal , director da maior parte das pezas. En palabras do propio Ruibal, “interesábanos a temática etnográfica, eramos conscientes da urxencia de recoller certas manifestacións que non tardarían moito en perderse ou evoluír cara a espectáculos para turistas ou cidadáns galegos transculturizados”. Deste xeito, Curtocircuito aposta pola "preservación da historia e o patrimonio audiovisual do país" a través da exhibición exclusiva e por vez primeira en varias décadas de pezas que contribuíron de forma sobre saliente á configuración do que hoxe é o cinema galego.

Non serán as únicas producións galegas no Festival, que tamén acollerá o primeiro pase en Galicia da premiada O que arde, de Óliver Laxe e que, como vén sucedendo nos últimos anos, inclúe na súa programación varias seccións dedicadas integramente ao cinema feito no país: a sección competitiva Planeta GZ, a sección Terra (dedicada ao fotógrafo vigués Nacho Alonso) e, finalmente, a sección Supernova, que volverá a acoller as primeiras obras de cineastas de Galicia.

Planeta GZ

16 de decembro, de Álvaro Gago; Rexistros (xeografía de San Sadurniño), de Adrián Canoura; Analóxica, de Anxos Fazáns; Arrolo, de Lucía Estévez; La jovencita no envejece, se descompone; de Álvaro F. Pulpeiro; Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, Joven y Carmen, de Borja Santomé; En la boca de la mina, de Brandán Cerviño; Limbo, de Dani Viqueira; Os prexuízos da auga, de Santos Díaz, e Glimpses on devil eye e Parpadeo, ambas de Judith Adataberna.

Supernova

Hoy no va a llover, de Lautaro Herrera Batallán; O que precede a caída é branco, de Aldara Pagán; O que medra por dentro, de Nacho Ozores; A ninguna parte, de Pedro Vilas; 1 de 8.000, de Marta Valverde; Casting, de Lucía Estévez; O Enterrador Bejins, de Alejandro Sixto García; La magdalena de Proust, de Adela Dávila; Stockroom, de Sol Mussa e A typical morning, de Arancha Brandón.

Derruba do Edificio Castromil (1975), rexistrada polo Equipo Lupa © Curtocircuito
Derruba do Edificio Castromil (1975), rexistrada polo Equipo Lupa © Curtocircuito
Fotograma de 'O Corpiño' (1973), do Equipo Lupa © Curtocircuito
Fotograma de 'O Corpiño' (1973), do Equipo Lupa © Curtocircuito
Fotograma de 'Holocausto' (1972), do Equipo Lupa © Curtocircuito

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.