Ano 1974. Eloy Lozano roda na Merca e A Valenzá (Barbadás) unha adaptación cinematográfica de Retorno a Tagen Ata, a novela publicada apenas tres anos antes por Ferrín. A curta, de 12 minutos, foi o primeiro filme en galego realizado no formato profesional de 35 mm
Ano 1974. Eloy Lozano roda na Merca e A Valenzá (Barbadás) unha adaptación cinematográfica de Retorno a Tagen Ata, a novela publicada apenas tres anos antes por Xosé Luís Méndez Ferrín. A curtametraxe, de 12 minutos de duración, foi o primeiro filme en galego realizado no formato profesional de 35 mm e abriu un camiño pioneiro para o audiovisual do país aínda en plena ditadura franquista. A curta estreouse en xaneiro de 1975 na terceira edición das Xornadas de Cine de Ourense, un evento clave para o renacemento do cine galego nos anos setenta e que o pasado ano celebrou tamén os seus 50 anos.
Ese ano, polo tanto, celébrase o 50 aniversario do filme, unha efeméride que foi celebrada polo Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que pechou este domingo a súa edición número 29. O OUFF proxectou a versión da curta restaurada polo CGAI, nunha sesión na que participou a actriz da película, Delfina Meire, mestra xubilada que en 1974 era estudante de Maxisterio en Ourense.
O OUFF proxectou a versión da curta restaurada polo CGAI, nunha sesión na que participou a actriz da película, Delfina Meire, mestra xubilada que en 1974 era estudante de Maxisterio en Ourense
A curta levou á gran pantalla a novela de Ferrín, que comezou a escribir no tempo que pasou no cárcere. Na obra, unha rapaza -Rotbaf Luden- é enviada por unha organización política que opera no exterior na procura do contacto coa resistencia do interior nun país sen liberdades políticas, unha trama que facía referencia á propia situación de Galicia. Rotbaf Luden atópase con Ulm Roam (identificado habitualmente con Ramón Piñeiro), responsable da organización política interior, que lle informa de que a resistencia interior foi desmantelada trala consecución dun pequeno nivel de autonomía.
O filme, realizado con actores e actrices non profesionais (Angel Martínez, Lourdes Soto, Delfina Meire, Manolo Gómez, Pepe de Lage e Alfredo Cortón) e poucos medios materiais, atopou grandes dificultades na súa produción e sobre todo na súa distribución posterior, tanto polo seu contido político como mesmo por outras cuestións, como o uso de música de Pink Floyd sen contar cos dereitos esixidos.
O propio Lozano, que visitou en Vigo a Méndez Ferrín para obter o permiso para adaptar cinematograficamente a novela, foi advertido sobre a difultade do proxecto, sobre todo para como opera prima.
Eloy Lozano tiña daquela vinte anos e o seu traballo, xunto co doutros realizadores da súa xeración, serviu para impulsar a cinematografía galega despois da longa noite de pedra do Franquismo. Nos anos seguintes levou a cabo varios traballos documentais, e mesmo chegou a traballar nunha versión de A esmorga de Eduardo Blanco Amor que finalmente non se concretou. Ademais, levou a cabo un gran número de traballos audiovisuais publicitarios a través da súa produtora Off Films, S.L.
En 2001 dirixiu a súa única longametraxe, As belas dormentes, pero a súa achega ao audiovisual do país foi moito máis aló e, por exemplo, recuperou o documental de Antonio Román El hombre y el carro (1940) en colaboraración do Museo do Pobo e participou na organización do I Festival de Cine Independente de Ourense en 1996. Morreu en 2009 a consecuencia dun aneurisma. Nese momento foi homenaxeado polo OUFF que el mesmo axudara a impulsar.