Entre este venres 6 e o domingo 8, San Sadurniño acolle a novena edición do Chanfainalab
Entre este venres 6 e o domingo 8, San Sadurniño acolle a novena edición do Chanfainalab, a pioneira iniciativa audiovisual que botou a andar en 2014 e que hai uns meses celebrou o seu décimo aniversario. Como en anos anteriores, reuniranse preto de 40 cineastas -da comarca e do resto de Galicia- que asumirán o reto de idear e gravar nunha fin de semana unha historia dentro dos límites municipais de San Sadurniño e que non supere os cinco minutos.
Serán tres ideas de traballo duro, no que os e as realizadoras deberán concibir unha historia -se non o fixeron xa-, planificala, producila e gravala. Dentro duns meses, en febreiro, unha gala servirá para proxectar as curtametraxes xa finalizadas.
O Chanfainalab é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que naceu co impulso de Manolo González en 2014, hai unha década, e que serve ao tempo como espazo de encontro e de promoción do audiovisual do país e que, ademais, eleva a importancia e a visibilidade das paisaxes, o patrimonio e, sobre todo, as historias persoais deste concello.
Reuniranse preto de 40 cineastas, que asumirán o reto de idear e gravar nunha fin de semana unha historia dentro dos límites municipais de San Sadurniño e que non supere os cinco minutos
O IX Chanfainalab traerá, coma sempre, experiencias compartidas, aprendizaxes e encontros interxeneracionais, ademais de actividades paralelas que xa comezaron hai uns días cos obradoiros impartidos por Kevin Lorenzo e Domingo D. Docampo.
Outras aínda están por vir, como a “Eira de Cineastas” precedida dun Aurresku de Mateo Couce -venres 6-, a proxección de “Clásicos da Chanfainalab” dedicado ao Castelo de Naraío -sábado 7- e o espectáculo teatral da compañía Bucanero, “Sesión continua”, -domingo 8-, interpretado por Pedro Picos e Xosé Bonome acompañados de Sabela Hermida. Todas as actividades son de entrada libre.
Dentro duns meses, en febreiro, unha gala servirá para proxectar as curtametraxes xa finalizadas
Participantes
Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xaime Fandiño, Kevin Lorenzo, lago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Xosé Antón Bocixa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata, e os colectivos, A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha Horta e The Sungirls.
O IX Chanfainalab traerá, coma sempre, experiencias compartidas, aprendizaxes e encontros interxeneracionais, ademais de actividades paralelas
Este ano o Chanfainalab tomou como referencia para a súa imaxe o Castelo de Naraío e á súa relevancia como enclave histórico fundamental para entender a revolución Irmandiña do século XV. Un monumento que, ademais, está situado aos pés do macizo do Forgoselo, que fai de fronteira sur do Xeoparque do Cabo Ortegal e que é tamén outro dos recursos que o Chanfaina pretende promocionar.
O Chanfainalab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Toda a actualidade do encontro pode seguirse a través das súas redes sociais en Facebook, Instagram e X, @chanfainalab.