A chanfaina é un tipo de embutido que se adoitaba facer coas partes menos nobres do porco, que eran entregadas aos señores. Os labregos quedaban cos pulmóns e outras vísceras, que nin sequera se empregaban para facer chourizos, e elaboraban este produto, que acadou sona e tradición e moitos lugares de Galicia, entre eles as parroquias de Bardaos e Igrexafeita, en San Sadurniño. Con estes elementos tan modestos e tan diversos conseguíase un produto que alimentou xeracións e que levaba impresa a marca do seu territorio. A chanfaina, ademais, deu nome a un proxecto impulsado polo Concello de San Sadurniño, o Chanfaina Lab, que o pasado mes de setembro reuniu nesta localidade rural da comarca de Ferrol dúas ducias de creadores audiovisuais.
O obxectivo desta novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva era poñer en valor o territorio do concello a través dos ollos destes realizadores e realizadoras galegas. Na fin de semana do 6 e o 7 de setembro gravaron un filme cunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. En conxunto, as imaxes recollidas serviron para construír unha ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, e para revelar as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello.
Na iniciativa participaron algúns dos máis importantes creadores do chamado novo cinema galego, de xeito de que a fin de semana de traballo se converteu tamén nun punto de encontro, coñecemento e debate entre os integrantes dunha xeración emerxente. Alí estiveron, por exemplo, Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Angel Santos Touza, Ánxela Caramés, Beli Martinez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carvajal, Jaione Camborda, Juan Lesta&Belén Montero, Marcos Nine, Mario Iglesias, Otto Roca, Sonia Méndez, Victor Hugo Seoane, Xacio Baño, Xisela Franco, Xosé Manuel Sande ou Xurxo Chirro ademais de realizadores da comarca de Ferrolterra, como Pablo Portero, Miguel Noval, Cesar Galdo, Ary López, David Balado, Fer Patiño ou Brais Breijo.
Este sábado 17 de xaneiro os participantes no Chanfaina Lab regresarán a San Sadurniño. A Casa da Cultura acollerá a proxección dos traballos e os seus autores e autoras comentarán co público o as razóns da súa escolla temática e o posterior proceso creativo. Ademais, a partir desa data todas as curtas estarán dispoñibles a través da plataforma colaborativa Fálame de San Sadurniño. Esta web, impulsada polo Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica, leva xa dous anos construíndo unha moi interesante base de datos, con fotos, vídeos ou documentación, sobre a historia e as historias do concellos e dos seus habitantes. Ademais, un dos grandes valores da iniciativa é que en boa medida son os propios veciños e veciñas, algúns e algunhas de idade avanzada, as que -tras unha breve instrución- xestionan a páxina. Os contidos deste repositorio serviron de inspiración para os traballos dos participantes no Chanfaina Lab, e nalgúns casos foron incorporados.
Na iniciativa participaron algúns dos máis importantes creadores do chamado novo cinema galego, de xeito de que a fin de semana de traballo se converteu tamén nun punto de encontro, coñecemento e debate entre os integrantes dunha xeración emerxente
O proxecto foi ideado e coordinado por Manolo González, que destaca a orixinalidade da iniciativa e a calidade das propostas. Tamén a boa resposta dos creadores e creadoras, que aceptaron de forma practicamente unánime o convite para participar no experimento; de entre os seleccionados e seleccionados tan só faltarons algúns autores como Óliver Laxe ou Lois Patiño, que se atopaban traballando fóra do país. "Foi unha experiencia moi produtiva creativamente e no plano afectivo moi intensa tamén, porque pechas lazos con xente que xa coñecías, e coñeces creadores novos", di. "Galicia pedía algo así, unha experiencia directa, viva da creación cinematográfica. Agora xa non se necesita unha gran parafernalia, simplemente as ganas e botarse ao monte", engade. Este sábado poderase probar esta chanfaina, un produto "revolto de cousas diversas", e composto con pezas modestas, ao igual que as propostas deste grupo de cineastas, fóra dos circuítos comerciais.