A chanfaina é un tipo de embutido que se adoitaba facer coas partes menos nobres do porco, que eran entregadas aos señores. Os labregos quedaban cos pulmóns e outras vísceras, que nin sequera se empregaban para facer chourizos, e elaboraban este produto, que acadou sona e tradición e moitos lugares de Galicia, entre eles as parroquias de Bardaos e Igrexafeita, en San Sadurniño. Co paso do tempo acabou dando nome tamén ao Chanfainalab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor este Concello a través dos ollos de creadores e creadoras audiovisuais que, ao tempo, conseguen "empoderar a xente do rural", como destacaba Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura e coordinadora da iniciativa.
Unha iniciativa "pequena de orzamento pero grande de espírito", destaca un participante nunha edición anterior
A denominación non é casual. Ao igual que a chanfaina orixinal, o Chanfainalab é un "revolto de cousas diversas", na que nos últimos anos (e tamén nesta edición) participaron autores e autoras consagrados e consagradas e outros e outras sen apenas experiencias; homes e mulleres; de todas as idades e condicións, buscando que "intercambien ideas, experiencias e capacidades". Unha diversidade que chega tamén ata o resultado final: pezas máis experimentais, máis convencionais, documentais, co peso na imaxe ou na palabra. Unha iniciativa "pequena de orzamento pero grande de espírito", destaca un participante nunha edición anterior. Igual que a chanfaina.
En dous días os e as participantes terán que idear e gravar a curtametraxe que finalmente presentarán dentro duns meses, nunha sesión especial que os volverá xuntar na vila.
A sexta edición do Chanfainalab celébrase esta fin de semana en San Sadurniño, entre o venres e o domingo. Menos de 48 horas nas que os e as participantes terán que idear e gravar a curtametraxe que finalmente presentarán dentro duns meses, nunha sesión especial que os volverá xuntar na vila. O cartel, coma sempre moi coidado, emprega nesta ocasión unha fotografía de 1918 na que se pode ver un grupo de mozas da localidade vestidas co traxe de labregas nunha función teatral. Non son labregas, senón mozas pertencentes a familias do núcleo do poder local do momento (comerciantes, industriais ou o propio alcalde).
Este ano son 41 os e as participantes, cunha maioría de mulleres (58%) e unha presenza aínda máis maioritaria de habitantes de San Sadurniño
Este ano son 41 os e as participantes, cunha maioría de mulleres (58%) e unha presenza aínda máis maioritaria de habitantes de San Sadurniño (70%). As idades son moi diversas: o 18% teñen menos de 18 anos; as de 18 aos 30 anos representan o 31%; de 30 a 50 son o 27%, e os e as cineastas de máis de 50 anos acadan o 24%. Entre elas destaca a participación das xa famosas labregas de "Teño unha horta en San Sadurniño" (Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce e Carmen Bouza) e as mozas de The Sungirls (Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo).
Estarán acompañados e acompañadas de persoas expertas que os e as asesorarán no proceso de creación: a profesora, axitadora cultural e promotora do Olloboi Ana Moreiras, o director e cineasta de referencia do Barbanza Luis Avilés; a directora de fotografía e revelación do cinema galego e español Lucía C. Pan, o dinamizador e polifacetico artista visual ourensán Anxo Santomil; o experimentado cineasta Fran X. Rodríguez; a crítica, ensaísta e divulgadora da cultura dixital en Galicia Maria Yáñez, o referente da Televisión de Galicia e a videocreación galega Manuel Abad; a novísima cineasta Aldara Pagán.
"Hai máis mulleres no audiovisual galego que as que se están a visibilizar. Aquí estamos",
"Sácate da esquizofrenia urbana para atoparte noutros tempos creativos", escóitase no vídeo promocional realizado para a presente edición, que recolle as testemuñas dalgúns e algunhas das moitas participantes que nestes anos pasaron polo Chanfaina. Unha "experiencia intensa, marabillosa, profunda", para poder crear "con liberdade", atoparse "con públicos non especializados" e para visibilizar os novos creadores e creadoras, salientan tamén. "Hai máis mulleres no audiovisual galego que as que se están a visibilizar. Aquí estamos", sinala outra. "Galicia pedía algo así, unha experiencia directa, viva da creación cinematográfica. Agora xa non se necesita unha gran parafernalia, simplemente as ganas e botarse ao monte", resumiu Manolo González, principal impulsor do Chanfaina no seu comezo.
"Sácate da esquizofrenia urbana para atoparte noutros tempos creativos"
Na programación destaca igualmente a realización de varios obradoiros e dúas sesións de proxección: o venres pola noite "Eira de cineastas" (unha antoloxía de pezas realizadas pol@s cineastas participantes) e o sábado pola noite "Hamada", de Eloy DomÍnguez Serén. O evento está organizado polo Concello de San Sadurniño, co patrocinio da Deputación da Coruña e nel colaboran as asociacións veciñais de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas, San Pipote de Bardaos, Pico de Ferreira, ademais da Aula Cemit.