Unha vintena de cineastas e amantes do audiovisual. Cadansúas cámaras e un reto: gravar unha película entre tres e cinco minutos durante unha fin de semana "con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual" e unha única condición: ten que se realizar en San Sadurniño. É o reto que por cuarto ano consecutivo lanza a organización do Chanfaina Lab, o certame audiovisual que chega á súa cuarta edición nesta vila ártabra entre o 1 e o 3 de setembro.
Con Manolo González á fronte do equipo e despois de tres exitosas edicións o Chanfaina Lab volve procurar unha "ollada contemporánea sobre a paisaxe rural,a emigración, o devalar do tempo" e mesmo "as diferenzas paisaxísticas" entre as sete parroquias que compoñen o municipio. Estes días a vila torna en todo un "universo audiovisual" interpretado polas creacións de persoas diversas en canto a idades, procedencias e profesións.
Como adoito, entre as persoas convidadas a achegar as súas creacións ao Chanfaina Lab hai varias nadas ou residentes en San Sadurniño. É o caso de Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, "axitadores socioculturais de Silvalonga"; Abel Vega, "veterano de Igrexafeita"; Fran Bermúdez, "adoptado en Lobeira" ou "as xa famosas labregas de Teño unha horta en San Sadurniño, entre outras convidadas. De fóra do concello chegarán creadores como o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey ou o exitoso director Óliver Laxe. O convite esténdese tamén, outro ano máis, a persoas que non se dedican especificamente ao cinema pero si se interesan por el ou apoian publicamente, desta volta é o caso da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
As proxeccións compleméntanse con tres obradoiros impartidos por María Yáñez, Juan Lesta e Óliver Laxe e mais con actividades lúdicas
Este encontro de cineastas e as súas creacións son a cerna do Chanfaina Lab, pero non o seu único punto do programa. Xunto ao seu traballo desenvolveranse tres obradoiros ligados ao cinema e aos contidos dixitais. O primeiro vai ser impartido pola xornalista e produtora de contidos dixitais María Yáñez, que falará sobre "folclore dixital" ou, o que é o mesmo, "o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados". Tamén pasará por San Sadurniño Juan Lesta co seu obradoiro Monta-móbil, de montaxe rápida de vídeos a través do teléfono; e mais o propio Óliver Laxe coa palestra Cine rural. O cinema da soberana submisión.
Documentais contemporáneos sobre o rural portugués, xantares ou concertos completan un programa a desenvolver dende este venres e durante toda a fin de semana. San Sadurniño, aseguran, é aínda "todo un universo por descubrir" no que encaixa á perfección este certame, que non deixa de ser tamén un pequeno "revolto de cousas diversas".