Marcos Pérez Pena

Unha ducia de curtas dos 10 anos de historia do Chanfainalab de San Sadurniño

Este sábado 24 de febreiro San Sadurniño acolle un ano máis a Gala da Chanfainalab, un evento no que se proxectan por primeira vez 30 curtametraxes gravadas na localidade por creadores e creadoras chegadas de toda Galicia e tamén locais. O Chanfainalab, que chega á súa oitava edición, é unha experiencia de creación audiovisual colectiva que naceu co impulso de Manolo González en 2014, hai unha década, e que serve ao tempo como espazo de encontro e de promoción do audiovisual do país e que, ademais, eleva a importancia e a visibilidade das paisaxes, o patrimonio e, sobre todo, as historias persoais deste concello. Repasamos aquí algunhas das curtas realizadas nestes anos.

  1. 01

    Así naceu o Chanfaina

    Ben, isto non é unha corta, senón o spot promocional da primeira edición do Chanfainalab, realizado por César Galdo. Era o 2014 non era tan habitual o emprego de drons para a gravación destas pezas. 

    O funcionamento era sinxelo: os autores e autoras participantes tiñan 48 horas para gravar no territorio e coas xentes de San Sadurniño as imaxes que comporían a súa curtametraxe, que meses máis tarde presentarían nunha gala na localidade. 

    A iniciativa foi de Manolo González, un nome imprescindible para entender o crecemento do audiovisual galego nas últimas décadas, e contou dende o comezo coa organización do Concello de San Sadurniño e o apoio de entidades veciñais da localidade.

  2. 02

    A Chanfaina, "un revolto de cousas diversas"

    A chanfaina, para quen non o saiba, é un tipo de embutido que se adoitaba facer coas partes menos nobres do porco, pois as de máis valor eran entregadas aos señores. Os labregos quedaban cos pulmóns e outras vísceras, que nin sequera se empregaban para facer chourizos, e elaboraban este produto, que acadou sona e tradición e moitos lugares de Galicia. 

    Nesta curta de Marcos Nine, unha das realizadas na primeira edición do Chanfainalab, amósase a elaboración deste produto, que deu nome á iniciativa. A denominación non é casual. Ao igual que a chanfaina orixinal, o Chanfainalab é un "revolto de cousas diversas", como destacou un dos seus participantes.

  3. 03

    Teleclube

    Dende as primeiras edicións do Chanfaina participaron no encontro unha mestura de creadores locais e do resto de Galicia, de realizadores novos e sen case experiencia e outros e outras con máis experiencia. Na lista de nomes destes primeiros anos atopamos algúns que na última década fixeron historia no audiovisual galego. Así, na primeira edición xuntáronse Xurxo Chirro, Xacio Baño, Marcos Nine, Alberte Pagán, Xisela Franco, Alfonso Zarauza, Ángel Santos, Jaione Camborda ou Sonia Méndez.

    Xurxo Chirro foi un dos grandes animadores da primeira edición e entregou, estre outras, este Teleclube, respondendo a unha petición expresa da organización da Chanfaina'lab para que realizase unha peza na parroquia de Lamas. 

  4. 04

    Café-Bar Santos Peluquería

    O Chanfaina foi un éxito rotundo dende o comezo. Cuns medios e un orzamento moi modestos, conseguiu levar o nome, as paisaxes, o patrimonio e as historias de moitos veciños e veciñas por toda Galicia. Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura e coordinadora da iniciativa, destacaba nesta entrevista con Praza.gal o obxectivo de que San Sadurniño se converta no referente do cinema rural galego. "Gústanos moito que saian as paisaxes de San Sadurniño pero máis me gusta que saia a nosa xente. Unha das cousas que conseguiu o Chanfaina Lab foi empoderar a xente do rural". 

    "A xente do noso concello é xente moi humilde, os máis maiores nin sequera tiveron acceso aos estudos, e sempre que lles preguntabas polas súas historias, respondíanche que o seu non tiña valor, dicindo 'eu non teño escola, eu non son importante'. Pero cando ven que se achega xente de toda Galicia a gravalos, cando ven que son protagonistas desas pezas, isto resulta un traballo de empoderamento moi importante, e por iso cada ano se van implicando máis", salientaba.

    Sonia Méndez, que está a piques de estrear a súa primeira longametraxe de ficción, As Neves., visitaba nesta cirta o Café-Bar Santos Peluquería, un peculiar establecemento aberto en 1971 onde un pode cortar o pelo mentres toma un café ou bota a partida.

  5. 05

    Os Aventados

    Na segunda edición, foi a quenda, por exemplo, de Álvaro Gago, que nos últimos meses acadou o éxito con Matria, que conseguiu dúas nominacións aos Premios Goya deste ano.

    En setembro de 2015 Álvaro Gago gravou na Serra do Forgoselo a curta Os Aventados, na que un pai e unha filla atravesan a Serra do Forgoselo, onde pastan os cabalos salvaxes e xiran os muíños de vento.

  6. 06

    "Homes"

    Tamén nesta segunda edición (gravada en setembro de 2015 e proxectada en 2016) participou Diana Toucedo (autora de Trinta lumes) con Homes, na que retrata -a través das mulleres- a espera e ausencia dos homes de San Sadurniño que morreron na Guerra Civil e na represión franquista.

  7. 07

    Pois iso, que te quero

    Unha das pezas máis celebradas dos dez anos de historia do Chanfainalab é Pois iso, que te quero, realizada na terceira edición, en 2016, por Beatriz del Monte. Trátase dunha viaxe respectuosa a través das emocións de catro xeracións de mulleres, que se enfrontan a través dos anos, para que se digan o que nunca se dixeron, mais que tamén se queren incondicionalmente.

  8. 08

    Próxima estación, San Sadurniño

    Tamén na terceira edición Ángeles Huerta (Esquece Monelos, O Corpo Aberto...) gravou no tren e nos apeadeiros do FEVE que une Ferrol e o seu Xixón natal a través de San Sadurniño a curta Próxima estación, San Sadurniño, chea de humor absurdo e retranqueiro.

  9. 09

    Nós mesmas

    Na cuarta edición hai que destacar, pola súa singularidade, a curta Nós mesmas, realizada nada máis e nada menos que por Ana Pontón, convidada a participar como autora nesa edición (xa participara na segunda edición en calidade de produtora da peza de Alberte Branco) 

    Nós mesmas xoga coa idea do tren como "metáfora da vida", como alegoría dun camiño percorrido... pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer.

  10. 10

    Electra

    Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937) son cinco nomes imprescindibles no Chanfainalab e no audiovisual de San Sadurniño. Veteranas colaboradoras de "Fálame de San Sadurniño", crearon o proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo.

    No Chanfaina participaron colaborando na produción, selección de localzacións ou como actrices para moitas curtametraxes e, ademais, foron autoras de varias pezas, ben asinadas colectivamente ("Teño unha horta en San Sadurniño"), ben cos seus nomes, como este Electra, na quinta edición, no que afondan na importancia da chegada da luz eléctrica á localidade.

  11. 11

    Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña

    Na edición gravada en 2019 e que se presentou en 2020 (de forma virtual ao coincidir cos peores días da pandemia de COVID) participou a xornalista María Yáñez, creadora de Vinte, con Apuntamentos para un filme sobre Cantareliña, o concurso de canción infantil en galego que organizaban membros do grupo musical Saraibas e o cura Ramón Díaz Raña, e que foi todo un fenómeno sociocultural na Galicia dos anos 80, co seu epicentro en San Sadurniño.

    "Antes da xeración Xabarín estaba a xeración Cantareliña", destacaba a autora, que aproveitou material de arquivo e falou con Martín e Miguel Sanjurjo, de Saraibas, dous dos impulsores do festival, e con Iván e Sabela, dous dos participantes.

  12. 12

    Que pasou?

    The Sungirls (Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga Vigo) son unhas das habituais (participaron nos anos 2017, 2018, 2019 e 2022) nas últimas edicións do Chanfainalab, que cada vez reúne máis creadoras locais, de San Sadurniño e de toda a comarca de Ferrolterra. A porcentaxe de participantes da comarca chegou ao 70% este ano. Que pasou? foi gravada en 2019 e presentada en 2020.

    Son tres amigas que teñen en común a paixón pola música e o cinema. Olga e Graciela son primas e naturais de Ferrol; licenciadas en música e piano, traballan como profesoras de música e audiovisual no IES Trasancos de Narón. Graciela especializouse en música de cámara e dirixe a Coral de Valdoviño; Olga en linguaxe musical e tamén dirixe a Coral Endesa de As Pontes. Mónica Cibreiro é veciña de San Sadurniño.

  13. 13

    Interxeneracional

    A pandemia de COVID supuxo un paréntese importante para o Chanfainalab, que non só tivo que estrear virtualmente en 2020 as curtas gravadas en 2019, senón que non puido realizar as súas edicións de 2020 e 2021. A sétima edición chegou por fin no 2022.

    Entre elas estaba este Interxeneracional, dirixida por Xavier Villaverde e Bieito Beceiro, con guion deles dous e mais de Maruxa Bouza e Carmen Couce. Na peza, cando o home de Maruxa morre de COVID no hospital, un rapaz da mesma aldea empeza a axudar e apoiar a esta muller na súa soidade, xurdindo entre ambos unha profunda amizade.

    Esta curtametraxe é un exemplo perfecto dos obxectivos que procura a Chanfainalab: "a integración da veciñanza cos e coas cineastas convidadas". A peza foi codirixida e coguionizada por persoas locais (Bieito Beceiro, Maruxa Bouza e Carmen Couce)

  14. 14

    E chegamos ao 2024

    Chegamos a oitaba edición, un conxunto de curtametraxes gravadas o pasado mes de setembro que se estrearán este sábado na Casa da Cultura de San Sadurniño. Os autores e autoras son X.M. Rabón/Victor Rico, Francisco X. Cela, Cristina Souto, Juan Galiñanes, Ignacio Vilar, Adriana Páramo /Diana Gonçalvez, Candela Conde, Coral Piñeiro, Felix Brixel, Manolo Gómez, Miguel A Romero, Tono Mejuto, Nela Fraga, Soraya Yañez e Mirian Opazo.

    Nos seus dez anos de historia o Chanfainalab suma xa 190 curtametraxes, con preto 300.000 visionados a través de Youtube. San Sadurniño é sen dúbida o Concello galego de máis produción audiovisual en relación coa súa poboación, ao redor de dous mil habitantes. Nesta ducia faltan nomes tan importantes como Lois Patiño, Andrés Goteira, Margarita Ledo, Eloi Domínguez Serén, Oliver Laxe, Toño Chouza, Xisela Franco ou Lucía Pan.

    No ano 2022 a Academia Galega do Audiovisual galardoou o Chanfainalab co IX premio José Sellier, que recoñece o labor das iniciativas máis salientables dentro do sector audiovisual. Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, destacou nese momento que “o Chanfaina é imprescindible porque pon o foco no territorio, que debera ser un protagonista máis no audiovisual que producimos aquí", concluíndo que é “todo un exemplo de como debemos comportarnos como sector"