0 Gardados para despois

"O Chanfaina Lab consegue empoderar a xente do rural"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Para facer unha chanfaina (así o amosou Marcos Nine na súa curta do pasado ano) fai falla mesturar moitos elementos distintos do porco. Cómpre ademais, cando menos no caso do Chanfaina Lab, unha elaboración colectiva, na que colaboren moitas persoas distintas, facendo comunidade. Esta fin de semana celebrouse en San Sadurniño a segunda edición desta iniciativa audiovisual, que volveu levar a este concello rural da comarca de Ferrolterra a dúas ducias de cineastas de toda Galicia. O funcionamento do Chanfaina é sinxelo: os autores e autoras tiñan 48 horas para gravar no territorio e coas xentes desta localidade as imaxes que comporán a súa curtametraxe. As pezas estrearanse en xaneiro na vila, nunha xornada na que volverán xuntarse os creadores e creadoras.

O primeiro Chanfaina foi un éxito rotundo. Cuns medios e un orzamento moi modestos, conseguiu levar o nome, as paisaxes, o patrimonio e as historias de moitos veciños e veciñas por toda Galicia

Disto vai, en boa medida, o Chanfaina, de xuntarse. O pasado ano unha das cousas que máis valoraron os e as participantes foi o "espírito de comunidade" que se creou nos días que pasaron en San Sadurniño, a oportunidade de atoparse ou de coñecer a moitas persoas do sector. O primeiro Chanfaina foi un éxito rotundo. Cuns medios e un orzamento moi modestos, conseguiu levar o nome, as paisaxes, o patrimonio e as historias de moitos veciños e veciñas por toda Galicia, nun feixe de filmes que foron vistos en festivais, en proxeccións públicas e na rede, compartíndose viralmente. "Fun a unha xuntanza cos responsables de todos os festivais de Galicia, e todos coñecían o Chanfaina, e todos me felicitaron pola iniciativa. Sorprendeume, porque acabamos de comezar", destaca Sabela Íñiguez, concelleira de Cultura e coordinadora da iniciativa.

Nesta segunda edición, a aposta do Chanfaina demostrou estar consolidada. Creceu a participación, tanto de autores locais coma do resto de Galicia, destacando de presenza de 12 mulleres entre os 24 participantes. Ademais, os e as participantes desta edición chegaron a San Sadurniño despois de ter realizado un importante traballo previo. A diferenza do ano pasado, no que moitas das pezas se decidiron sobre a marcha, desta vez "chegaron moi preparados, analizaran moito a páxina de Fálame de San Sadurniño, tiña xa os personaxes elixidos, estiveran xa polo concello nas semanas anteriores", salienta Manolo González, ideólogo e cabeza visible da iniciativa o pasado ano e que nesta ocasión adoptou un papel máis secundario. "Sabela é a master chef do Chanfaina, eu son só o sous chef, centrado non convidados", di.

Outra das diferenzas nesta segunda edición é a maior implicación e participación dos veciños e veciñas de San Sadurniño, tanto diante coma detrás das cámaras. "Había toda unha rede de colaboración, con veciños de todo o Concello participando. Quizais por iso este ano o factor humano está máis presente que o factor paisaxístico", comenta Manolo González. Tamén destaca o caso de Abel Vega, un dos autores que realizará unha curtametraxe, "un señor maior que despois de facer un curso de informática na aula CEMIT do Concello, mercou unha cámara e decidiu facer un vídeo sobre a súa parroquia", di Sabela Íñiguez. "Quedou moi ben. É incrible como un home que nunca na vida colleu unha cámara, pode ter esa sensibilidade", engade.

"Había toda unha rede de colaboración, con veciños de todo o Concello participando. Quizais por iso este ano o factor humano está máis presente que o factor paisaxístico", comenta Manolo González

Ao longo da fin de semana vivíronse algúns momentos inesquecibles, como sinala a concelleira. "Vivimos en directo o reencontro dunha familia separada pola emigración, 105 anos despois. A través de Fálame de San Sadurniño, unha xornalista de Uruguai escribira preguntando pola súa familia. De casualidade, chegou o día da Chanfaina e Giselle Llanio -unha das creadoras- gravou todo o reencontro, gravou mesmo a chamada que lle fixo á súa nai en Montevideo, moi emotiva, dicindo que atopara a familia".

O Chanfaina é moito máis que unha fin de semana. Estes días comezou un proceso que terá continuidade en xaneiro coa estrea e presentación das curtas, unha sesión na que volverán xuntarse os e as autoras, e tamén os veciños e veciñas que protagonizan varias das pezas. Despois os filmes continuarán o seu camiño. O obxectivo é que na súa terceira edición o Chanfaina Lab se converta tamén nun festival, centrado no cinema sobre o rural. "Queremos que San Sadurniño se converta no referente do cinema rural galego", subliña Sabela Íñiguez.

O obxectivo é que na súa terceira edición o Chanfaina Lab se converta tamén nun festival, centrado no cinema sobre o rural. "Queremos que San Sadurniño se converta no referente do cinema rural galego", subliña Sabela Íñiguez

"Gústanos moito que saian as paisaxes de San Sadurniño" -di- "pero máis me gusta que saia a nosa xente". "Unha das cousas que conseguiu o Chanfaina Lab foi empoderar a xente do rural. A xente do noso concello é xente moi humilde, os máis maiores nin sequera tiveron acceso aos estudos, e sempre que lles preguntabas polas súas historias, respondíanche que o seu non tiña valor, dicindo 'eu non teño escola, eu non son importante'", explica. "Pero cando ven que se achega xente de toda Galicia a gravalos, cando ven que son protagonistas desas pezas, isto resulta un traballo de empoderamento moi importante, e por iso cada ano se van implicando máis", di. "Fálame de San Sadurniño facilitou moito o proceso, están máis afeitos a falar diante dunha cámara. Viron que as súas historias son tan importante coma as que saen nos filmes de Hollywood", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.