San Sadurniño acolle a estrea das curtas do 4º ChanfainaLab, gravadas por Ana Pontón ou Oliver Laxe

Participantes nunha edición anterior do Chanfaina Lab © Gabriel Tizón

Durante a fin de semana do 1 ao 3 de setembro do 2017 celebrouse en San Sadurniño a 4ª edición da ChanfainaLab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do Concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semana unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. Entre as persoas que participaron destacou a presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ademais de cineastas de prestixio consolidado como Oliver Laxe.

Entre as persoas que participaron destacou a presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ademais de cineastas de prestixio consolidado como Oliver Laxe

O resultado do traballo desa fin de semana verase este sábado 3 de febreiro. San Sadurniño acollerá a estrea mundial das 21 curtametraxes gravadas no 4º ChanfainaLab. Á sesión, que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 18 horas, acudirán tanto cineastas como persoas e entidades que lles prestaron axuda para a produción das pezas. A entrada é gratuíta.

Nesta ocasión a participación local creceu atra case acadar o 60 % das pezas. Cómpre salientar, igualmente, que o 58% das curtametraxes son obra de mulleres, e o 42% restante de homes. Entre os e as cineastas participantes do Concello están os axitadores socioculturais de Concienciarte Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, Abel Vega, as mozas de Teño unha horta en San Sadurniño -Consuelo, Cruz, Carmen, Maruxa e Lucita-, as responsables da canle The Sungirls -Mónica Cribeiro, Graciela Galdo e Olga Vigo-, Pablo Martínez, Fran Bermúdez e Bieito Beceiro de Bardaos e Sebas Rodríguez de Lamas.

Cómpre salientar que o 58% das curtametraxes son obra de mulleres, e o 42% restante de homes

De fóra de San Sadurniño chegaron as irmás Lara e Noa Castro; o documentalista monfortino Alberte Lobelle, a parlamentaria Ana Pontón, o investigador e programador do S8 Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a profesora e cineasta da Costa da Morte Olaia Sendón, o cineastas multipremiado en Cannes Óliver Laxe, e o fotógrafo Gabriel Tizón. Neste ano o Chanfaina Lab contou ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana,

A cuarta edición da Chanfaina ‘Lab está organizada polo Concello de San Sadurniño con colaboración económica da Deputación da Coruña. Trala estrea, as curtas irán subíndose á canle de youtube do evento en Fálame de San Sadurniño a razón dunha por semana.

 

Programa da estrea das 21 curtas de Chanfainalab © Chanfainalab

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.