Unha ducia de rutas doadas en bici para descubrir Galicia
Hai unha semana, aproveitando a celebración do Día da Bicicleta, a Xunta actualizou o seu visor A paisaxe de Galicia en bicicleta, unha web que ofrece información detallada sobre máis de 80 rutas en bici por todo o territorio galego, con mapas, fotografías e unha valoración dos percorridos propostos, que van dende os máis doados ou de dificultade moderada, ata os de dificultade alta ou moi alta. Ofrecemos aquí unha escolma dalgúns deles, destacando sobre todo os de menor dificultade e, sempre que é posible, os de trazado circular. Con ganas de coller a bici?
-
01
Ruta Cicloturista Camiño das Igrexas (Curtis)
Entre as 88 rutas cicloturistas destacadas no visor, catro parten do Concello de Curtis, todas elas circulares e con dificultade doada. Son catro Camiños das Igrexas, cada un identificado cunha cor: amarela, azul, vermella e verde), cunha lonxitude entre os 19 e os 27 quilómetros e relativamente planos, aínda que todos roldan os 300 metros de desnivel acumulado.
Parten do Centro Etnográfico Río Mandeo, a Capela de San Roque de Xabriño, o Parking Público Raúl Iglesias e do Concello de Curtis e o seu percorrido, que abrangue boa parte do termo municipal, alterna estradas e pistas asfaltadas con pistas sen asfaltar e camiños.
-
02
Ruta Cicloturista da Casa da Fervenza (Lugo)
Esta Ruta Cicloturista da Casa da Fervenza, que percorre o Concello de Lugo, parte da Casa da Fervenza e diríxese cara ao centro da cidade a través da Ribera do Miño, finalizando no Aparcadoiro do Parque da Tolda. Non é circular, senón lineal, pero a súa curta lonxitude (14,3 quilómetros) e percorrido plano permite facer sen problemas unha viaxe de ida e volta.
-
03
Ruta Cicloturista do Concello de Outeiro de Rei
En Outeiro de Rei aparecen destacadas dúas rutas circulares, a primeira denominada Ruta Cicloturista do Concello de Outeiro de Rei, de 41,82 quilómetros e nivel de dificultade doado, cun percorrido moi plano.
A segunda é a Ruta da Senda dos Pescadores, de 41,72 quilómetros pero dificultade moderada. Esta parte do aparcadoiro do Parque de Marcelle e chega a través da ribeira do Miño ata a cidade de Lugo, que rodea antes de regresar ao punto de partida.
-
04
Ruta Cicloturista O Grove
Outra ruta circular e moi sinxela (maioritariamente plana) é esta Ruta Cicloturista O Grove, con inicio e final na Praia da Lanzada, que dá a volta á península seguindo o seu litoral, cun total de 36 quilómetros.
No percorrido, que inclúe algún treito curto de porteo, pola presenza de escaleiras, pásase pola Ermida de Caralampio, a aldea Grobit, salgadurías, areais, xacementos arqueolóxicos como Adro Vello e pasarelas de madeira como a de San Vicente do Mar.
-
05
Ruta Cicloturista Miradoiros de Bolmente (Sober)
Nun espazo xeográfico completamente diferente, a Ruta Cicloturista Miradoiros de Bolmente, en Sober, achéganse ao canóns do río Sil, na Ribeira Sacra. Trátase dun camiño circular e curto (14,3 quilómetros), que parte de Santa Marta, na parroquia de Barantes.
É unha ruta perfecta para iniciarse na bicicleta de montaña, sen grandes complicacións e cun enfoque familiar. No seu trazado, percorre dous dos innumerables miradoiros e atalaias naturais sobre o Canón do río Sil: os miradoiros da Cividade e de Ou Boqueiriño.
-
06
Ruta Cicloturista do Concello de Castro de Rei
A Ruta Cicloturista do Concello de Castro de Rei é un percorrido circular de dificultade moderada e uns 47,4 quilómetros de lonxitude total. Parte da Casa do Concello. A ruta abrangue a totalidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño e pasa polo Castro de Viladonga.
-
07
Ruta Cicloturista de Cambre
Os camiños que percorre a Ruta Cicloturista de Cambre son ben coñecidos pola comunidade ciclista da comarca coruñesa. Trátase dun percorrido circular, con inicio e final na Ponte do Burgo e que rodea o encoro de Cecebre, sumando 42,55 quilómetros e pasando por un total de sete concellos.
-
08
Ruta Cicloturista polo Val do Ulla (Vedra)
A Ruta Cicloturista polo Val do Ulla parte da Capela do Santiaguiño, en Vedra, e percorre algo menos de 34 quilómetros polas beiras do río Ulla nun trazado dunha dificultade moderada, con máis de 800 metros de desnivel positivo. En todo o camiño moverémonos polo sur do Concello de Vedra, pasando polo Rego de San Cristobo ou o núcleo de Trobe.
-
09
Ruta Cicloturista das Fragas do Eume (Pontedeume)
A Ruta Cicloturista das Fragas do Eume percorre unha pequena parte do Parque Natural, saíndo do seu Centro de Interpretación, na entrada dende Pontedeume, e engadindo un camiño circular dende o Mosteiro de Caaveiro. Ten uns 25 quilómetros de lonxitude e mestura unha parte de pistas asfaltadas con zonas de subida esixente, baixadas técnicas e algúns carreiros.
-
10
Ruta Cicloturista do Concello do Vicedo
Imos para a Mariña, para a Ruta Cicloturista do Concello do Vicedo, un percorrido circular de algo máis de 16 quilómetros que parte das Antigas Escolas de Viveiro e Comarca. Este roteiro circula ao longo dun parque eólico, polo que se trata dunha zona aberta e con grandes vistas.
Dende O Vicedo parte tamén A Ruta do Río Sor, tamén circular e de curta lonxitude, uns 14 quilómetros, aínda que cunha dificultade moderada derivada das súas importantes costas, uns 400 metros de desnivel acumulado.
-
11
Ruta Cicloturista dos Lagares (Oímbra)
Do norte ao sur. En Oímbra, preto da raia sexa con Portugal (o camiño penetra un chisco, de feito, en territorio luso) atopamos a Ruta Cicloturística dos Lagares, circular, de algo menos de 40 quilómetros e dificultade moderada. O trazado parte da Praza do Concello e atravesa por sendas e camiños a ribeira do río Támega que se atopa catalogada como área de especial interese paisaxístico.
-
12
Ruta Cicloturista do Barbanza
A Ruta Cicloturista do Barbanza parte da Casa da Cultura de Caamaño, en Porto do Son, ou do Miradoiro de San Roque, en Ribeira. Dividida en dúas etapas, percorre de forma circular boa parte da península; a primeira delas, que une estes dous puntos a través do litoral e pasando preto do Parque de Corrubedo, ten unha dificultade media e unha lonxitude de 49 quilómetros. A segunda etapa, máis montañosa, está caracterizada como moi dura.
-
13
Ruta Cicloturista Carballo
Algo máis doada é a Ruta Cicloturista Carballo, circular e de 42,5 quilómetros. Sae do aparcamento de San Martiño e suma 754 metros de desnivel acumulado, xa que inclúe unha dura suba ao Monte Neme. Máis accesible é o treito que vai pola senda fluvial do río Anllóns, unha marabilla a descubrir na comarca de Bergantiños.
-
14
Ruta Cicloturista circular de Ordes por Sigüeiro (Ordes)
Tomando Ordes como centro pódense realizar un gran número de rutas, algunhas delas de dificultade alta e moi alta. Máis sinxela é a Ruta circular que chega ata Sigüeiro, de algo máis de 40 quilómetros de lonxitude, e que a través de Ordes e Trazo, aproveita parte da nova Vía Verde que chega ata Compostela. O camiño sae e regresa ao Parque Félix Rodríguez de la Fuente.
-
15
Camiño Natural San Rosendo (Bande)
Para rematar, viaxamos de novo ao sur, ata Ourense, que ten na zona de Bande outro paraíso ciclista. Por aquí pasan dous importantes camiños: o Camiño Natural Vía Nova Ourense Sur, que parte de Portela do Home (Lobios) para chegar en dúas etapas (a primeira moi dura, a segunda algo menos) a Rairiz de Veiga.
O outro é o Camiño Natural San Rosendo, que en dúas etapas une a Igrexa de Santa Comba de Bande e a cidade de Ourense a través de Celanova. As dúas etapas, de 29 e 38 quilómetros, respectivamente, teñen unha dificultade media.