"Queren que se esqueza, estanlle cambiando o nome ás cousas. Cando hai alguén que quere mudar a historia, contala doutra maneira, busca de forma premeditada que a memoria se esqueza. Pero a memoria non está esquecida". Con esta declaración de Eduardo García (presidente da comunidade de montes de Teis) péchase a curta realizada por Fon Cortizo como parte de Vigo Rebelde. O metal en loita, a investigación colectiva impulsada dende o MARCO e que vén de finalizar tras tres meses de traballo.
O proxecto compila nesta web os seus primeiros resultados, obtidos a través de entrevistas, un proceso de recuperación de documentos e arquivos, galerías fotográficas de bens comúns, un roteiro polo barrio de Teis e a elaboración dun mapeo colectivo realizado pola veciñanza que amosa os espazos das loitas obreiras das últimas décadas, os lugares e as experiencias vividas. Parte dos resultados deste traballo puideron verse durante as últimas semanas nunha exposición do MARCO.
O obxectivo era "localizar espazos afectados e experiencias vividas, recoñecer espazos sociais, recoñecer ás súas xentes e recoñecernos neles e, finalmente, diagnosticar entre todos eses bens e facilitar procesos colaborativos arredor da memoria común do movemento obreiro na urbe de Vigo". Unha diagnose ollando cara atrás e tamén cara ao presente, cara aos procesos e situacións actuais. "O movemento sindical é coma un carro do que tiramos todos. Tiramos todos e vais subindo. Se se detén, malo, pero se comeza a camiñar para atrás cada vez colle máis velocidade e vas perdendo todo o que conseguiches. Houbo que loitar moito. A xente non se lembra, non ten memoria", subliñase no vídeo
"As loitas obreiras en Teis veñen de moito antes, dende o século XVIII, dende que se comezou a industrializar a Ría de Vigo", destaca tamén Eduardo García, facendo fincapé nunha longa xenealoxía de loita social, especialmente intensa dende os anos setenta e oitenta, e que aínda se mantén moi viva no barrio. Unha vez rematado o período expositivo no MARCO, os materiais regresarán a Teis, no marco do Plan Comunitario, para que os veciños e veciñas poidan seguir desenvolvendo o proxecto.