0 Gardados para despois

"A memoria do movemento obreiro vai máis aló da fábrica e da loita, ten que ver cunha relación de solidariedade"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A historia do movemento obreiro vai moito máis aló dunhas fábricas, máis aló dunhas loitas, máis aló dunhas manifestacións. Ten que ver cunhas relacións sociais de solidariedade, ten que ver cunha herdanza, cunha memoria que se transmite de xeración en xeración. E ten que ver con eses bens comúns que non é que estean esquecidos, pero dende logo non están recoñecidos". No comezo deste verán botou a andar o proxecto Vigo Rebelde, o metal en loita, unha investigación colectiva impulsada dende o MARCO que buscaba recuperar a memoria do movemento obreiro da cidade de Vigo. A encargada de coordinar o proxecto, exercendo de mediadora, foi Adela Vázquez, responsable do proxecto Niquelarte e que exerce a súa investigación entre Galicia e México. 

Dende finais de xuño os e as participantes do proxecto levaron a cabo mapeos, roteiros e outras intervencións sobre o terreo e mantiveron encontros coa veciñanza dalgúns dos barrios nos que as loitas obreiras que se desenvolveron a partir dos anos 60 e 70 ata a actualidade deixaron unha pegada social máis importante. Sobre todo en Teis. "Había outras propostas, como Coia ou Lavadores, pero Teis polo seu pasado recente e polo seu tecido asociativo, pareceunos o escenario perfecto para botar a andar este proxecto", explica Adela Vázquez, que subliña a importancia da participación no proxecto da Asociación de Veciños de Teis, o Plan Comunitario de Teis, ou da asociación Xaruma. "Son movementos que xorden precisamente destas loitas, e que seguen en activo, seguen mantendo ese legado de forma moi forte", di. "Recoller toda a memoria de Vigo era excesivo, e por iso quixemos ir ao concreto, focalizando a atención en Teis e en determinadas experiencias persoais para a partir de aí estender toda esa memoria a Vigo como urbe", engade.

Máis aló dos grandes fitos, do propio traballo nas empresas, das grandes folgas e manifestacións, da importancia das organizacións sindicais ou dos líderes do movemento, este proxecto quere afondar na construción cultural xerada por décadas de loita obreira na cidade de Vigo, quere "facer visible o xeito en que a cidadanía constrúe movementos sociais, nun proceso no que se reivindica a sostibilidade das súas propias vidas". "Estes movementos sociais son a manifestación dun compromiso, da reivindicación do dereito a facer cidade e da capacidade que temos as comunidades de afectadas de tecer memorias comúns, transmitíndoas a outras xeracións", explica. E deixan unha pegada innegable; máis aló da conformación dunha determinada ideoloxía política, xeran unha idea de comunidade, unha ética colectiva, nomes familiares marcados a ferro (Ascón, Vulcano...) e mesmo un imaxinario físico e unha paisaxe: en Teis, por exemplo, un horizonte de guindastres, de naves, de contedores.

 

Redes de solidariedade no barrio

Adela Vázquez salienta a importancia dos efectos da ditadura e da súa censura, "que fixo que a transmisión desa memoria común fose difícil", sobre todo no relato que chega ás xeracións máis novas. "Hai elementos dos que non se fala, que as xeracións anteriores non contan. Por iso é bo afondar nesa búsqueda, mudar as metodoloxías para facer xurdir todas esas historias, nas que agroman as vidas das persoas que -máis aló dos líderes- estaban sostendo día a día o movemento obreiro", di.

Así, o proxecto recolleu e documentou "os espazos de traballo e de reunión, onde tiñan lugar os encontros clandestinos, onde se imprimían as octavillas, e os espazos de solidariedade". E fixo fincapé na actividade menos visible, a dos coidados, a do apoio que os e as integrantes da comunidade se daban entre si. "O máis importante para nós era estudar como se foron dando as relacións sociais no barrio, queríamos analizar como se tecían as redes de solidariedade e colaboración na comunidade de Teis", di. Tamén o papel xogado polas mulleres, moitas veces esquecidas nas historias do movemento obreiro. "As mulleres coas que falamos destacaban, por exemplo, a importancia das loitas das traballadoras das conserveiras como precedente das loitas do metal no barrio", destaca Adela Vázquez.

"Que imaxinarios produciron/producen estas revoltas?", "Que outras subxectividades se constrúen a través destes procesos de mobilización cidadá?" ou "Que é o que une a estas revoltas urbanas?" son algunhas das preguntas ás que a investigación quere dar resposta. "A historia do movemento obreiro vai moito máis aló dunhas fábricas, máis aló dunhas loitas, máis aló dunhas manifestacións. Ten que ver cunhas relacións sociais de solidariedade, ten que ver cunha herdanza, cunha memoria que se transmite de xeración en xeración. E ten que ver con eses bens comúns que non é que estean esquecidos, pero dende logo non están recoñecidos", salienta. Neste senso, outro dos elementos centrais da investigación é o concepto de BiComún, que combinando as siglas de Ben de Interese Cultural con Procomún nomea unha “categoría mancomunada de protección patrimonial”, unha reflexión colectiva sobre os elementos patrimoniais, materiais ou inmateriais, que deben ser protexidos.

O vindeiro venres 18 de agosto o MARCO acollerá a presentación do proxecto. "A idea é levar ao museo os mesmos dispositivos que se puxeron en práctica no mercado de abastos de Teis, ou no roteiro que se fixo polo barrio", explica. Unha viaxe de ida e volta entre o museo e a cidade. Haberá unha exposición fotográfica, pezas audiovisuais, e porase a disposición dos visitantes un mapa de Vigo ao que se poderán incorporar novos elementos e espazos que conten a historia do movemento obreiro na cidade. Unha vez que remate o periodo expositivo no museo, todos os materiais regresarán a Teis, no marco do Plan Comunitario, para que os veciños e veciñas poidan seguir desenvolvendo o proxecto.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.