Entre o 1 e o 6 de outubro Santiago de Compostela gozará dunha escolma de 42 películasprocedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións Cosmos, Planeta GZ e Supernova, que foron seleccionadas entre os máis de 2.000 títulos recibidos
A vixésimo primeira edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto comeza este martes coa proxección do filme do ano 1916 Vinte mil leguas de viaxe submarina, de Stuart Paton, que marca o carácter mariño da programación, comprometida coa igualdade en todas as categorías e coa vontade expresa de transcender a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección. A formación efémera Submarina de Improvisación (Xavier Bértolo, teclados e sintetizadores, Paulo Pascual, theremin, e Saúl Puga, contrabaixo) musicará en directo o filme, unha adaptación inxenua e fachendosa, que roza o vodevilesco, da novela homónima de Julio Verne.
Entre o 1 e o 6 de outubro Santiago de Compostela gozará dunha escolma de 42 películasprocedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións Cosmos, Planeta GZ e Supernova, que foron seleccionadas entre os máis de 2.000 títulos recibidos. Un programa comprometido co seu tempo e cunha ampla representación internacional onde conviven o cinema con destacados shows AV e sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas. Cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras.
Un ano máis, a sección Planeta GZ do festival compostelán celebra o cinema galego proxectando películas dirixidas polos cineastas máis singulares do país. Preséntanse nove películas, a maioría delas dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental.
Cada película ofrece unha visión íntima dun ser humano que, ás veces, atopa o seu reflexo no territorio, como en Humedalia, de Irene Saenz Carballeira, e Queimar cando morra, de Inés Pintor; outras veces transítao na procura dun cambio de morada, como en Corre o Vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, e Patios de luz, de Fran Rodriguez Casal; e outras abre portas cara a verdadeiros refuxios da alma, como no caso de Exposed, de Nela Fraga. A medida que se avanza entre enredos, na escuridade, como en A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal, de Sabela Eiriz, é a memoria a que se converte nun faro e nos guía por ese camiño escuro cara algunha aldea afastada.
Cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras no festival
Curtocircuíto propón nesta edición unha serie de contidos e actividades vencellados ao mar e as profundidades oceánicas. Dentro dos espectáculos audiovisuais, haberá catro propostas que se aproximen a esa realidade dende diferentes perspectivas. No seu esforzo por reunir talento e crear vínculos, Curtocircuíto comisaria o espectáculo The Dance of the Witches, na que o músico Emil Sáiz e a artista visual viguesa Judith Adataberna reinterpretan en directo a obra submarina do mítico cineasta e biólogo francés, Jean Painlevé.
URHO é un proxecto performativo que se basea en sons e imaxes gravadas polo artista audiovisual afincado en Santiago Iván Torres, a bordo do rompexeos finlandés URHO. A proposta contará coa participación dos músicos e artistas sonoros Andrés Rodrigues e Xoán-Xil, que ofrecerán en Curtocircuíto unha paisaxe sonora mediante o uso de sintetizadores, instrumentos construídos por Xoán-Xil e imaxes de estilo documental con animación en celuloide.
O dúo formado pola artista ibicenca Irene de Andrés e o compostelán Javi Álvarez achegará Dopo la pausa (AV), a versión en directo da película realizada por De Andrés, cuxa obra ten como temática habitual a evolución do concepto de ocio e do significado propio da viaxe ao longo da historia, dende os primeiros poboadores ata os tour operadores. A película estará musicada en directo por Álvarez, coñecido por ser a metade de Fluzo. Á actuación engadirase un coloquio entre ambos.
Seguindo coa hibridación de formatos AV e co enfoque cientificista do festival, o dúo Bromo, formado por Paloma Peñarrubia (música) e Azael Ferrer (visuais), proporá CRISPR the Pattern of Life. Un espectáculo que, máis alá da música experimental e da arte xerativa, propón un enfoque practicamente documental que nos mergullará no coñecemento dos sistemas CRISPR, un dos avances máis apaixonantes da historia da biotecnoloxía.
A Sección Oficial Cosmos intégrana 25 pezas que abarcan desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos
A Sección Oficial Cosmos propón unha heterodoxa selección de filmes que abarca desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Intégrana 25 pezas procedentes de países entre os que se contan Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán , Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra, Suíza e España.
O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción, documental e ensaio. Gozaremos en Santiago dos traballos de Gerard Ortin, Gala Hernández, Nicolas Gebbe, Daniel Pitarch, Sam Drake, Camille Vigny, Sandra Schäfer, James N. Kienitz Wilkins, Arvin Belarmino, Viv Li, Sara Rajaei, Joung Yumi, Elena López Riera, Ataka51, Stefanie Weberhofer, Laura Moreno Bueno, Rachel Walden, Keto Kipiani, Frank Sweeney, Rainer Kohlberger, Boris Hadžija, Hoda Taheri, Andrea Sánchez, Marina Lameiro, Caroline Poggi, Jonathan Vinel e Nikola Ilić.
O cinema emerxente estará representado por Cris Souto, Anxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras, Ramón Martínez, Elena Mato e Carmen Méndez
O cinema emerxente galego citarase en Supernova , onde participan filmes de Cris Souto, Anxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras, Ramón Martínez, Elena Mato e Carmen Méndez.
En colaboración co colectivo Galiza Emocional o festival propón diversas actividades paralelas, como un paseo polas rúas da cidade para facer turismo do turismo. Será o domingo 6 de outubro pola mañá. Unha deriva desde a etnografía, a escoita e o xogo da man da antropóloga Valeria Mata e do artista Marcos PTT. Nesta denominada Expedición Metaturística, o festival sae das súas sedes para explorar a súa propia cidade na procura deses lugares de fricción cidadá coa intención de repensar o público e aportar un gran de area na construción de novos imaxinarios urbanos e sociais para Compostela.
Ademais, este 2024 Curtocircuíto lanza #OutraCompostela, unha actividade que xorde coa vocación de educar ao redor do cinema e que, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Santiago Turismo e da Santiago de Compostela Film Commision, lanza un concurso universitario que se desenvolverá a través das redes sociais. O público infantiltamén terá o seu espazo para gozar do cinema coas seccións Teenage Riot e Criaturas, nas que se realizou unha coidada selección de filmes en función das súas idades.
A programación completa do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto pode consultarse no seu sitio web, onde tamén se atopa toda a información sobre as entradas e abonos.