O que poderás ver no Planeta GZ de Curtocircuíto

Arrolo, de Lucía Estévez © Lucía Estévez

Boa parte dos autores e autoras seleccionados este ano para a sección Planeta GZ de Curtocircuíto repiten neste festival, ao que traen a súa nova fornada de curtas, moi diversas en canto a estilos e orientacións temáticas. Mais un dos aspectos que une a estes creadores e creadoras  é a xuventude. Case todos, nados nos anos 90. Nesta reportaxe presentamos estas pezas, guiándonos polo que autores e autoras nos contaron delas. 

Joven y Carmen


Borja Santomé (Vigo, 1992) gañara no 2016 o premio Planeta GZ de Curtocircuíto con ‘Rueda Cabeza’. Agora volve con ‘Joven y Carmen’, outra curta de animación, realizada desta volta ao abeiro dunha bolsa na Real Academia de España en Roma e feita con tinta chinesa sobre acetato, que conta as peripecias dun personaxe recén chegado á capital italiana. 

As escenas -subliña Santomé- parten dalgún momento da vida cotiá do personaxe para fundirse progresivamente nunha composición de imaxes e sons que van alén da representación tradicional para modificar a realidade do mesmo e a nosa maneira de seguir o argumento. O obxectivo do director é, así, que a estrutura do relato sexa percibida de forma “dislocada”, desde unha fragmentariedade armada en base a escenas “aparentemente independentes” que “guían a historia dun xeito máis sensorial e menos narrativo”.

O obxectivo do director en ‘Joven y Carmen’ é que a estrutura do relato sexa percibida desde unha fragmentariedade armada en base a escenas “aparentemente independentes”

Parte da intención do autor é, ademais, retratar a propia cidade e os seus sons.“O lugar que se representa é o extrarradio de Roma, sobre todo tendo en conta que os romanos recoñecen algúns pequenos detalles das paisaxes, pero desde logo podería ser unha película que fala da vida en todas as cidades. A cuestión é que eu parto sempre de escenas do meu día a día, e esta película foi realizada en Roma, polo que para min sempre terá algo de italiana malia que non é a miña intención louvar esta cidade en concreto, razón pola que non utilizo os elementos clásicos deste lugar e interésame máis a Roma local para situar a historia”, indica.

Rexistros (Xeografía de San Sadurniño)

Adrián Canoura (Burela, 1991) estivera no Curtocircuíto 2018 con ‘Caerán lóstregos do ceo’, unha viaxe “case mística” polas forza dos elementos -a treboada, o vento, o lume- e a súa relación co mito. En ‘Rexistros’ volve experimentar coas texturas e as formas. Sen partir dunha idea preconcibida -conta- limitouse, ao chegar a San Sadurniño, a “deixarse levar”, observando cos “sentidos ben abertos” e filmando cunha cámara en formato Hi8. 

“Consuelo é unha muller marabillosa que ten unha forma de explicalo moi didáctica pero á vez algo misteriosa e cun toque de sorna moi especial, que para min resúltame moi cercano ao meu entorno familiar”

A primeira parte da curta, estudio, principalmente, de formas vexetais, ten un certo ar segundo o seu autor a “poema visual” -no que imaxes difuminadas e música establecen un diálogo-. A seguir -e en conexión coa obra máis etnográfica de Canoura-, unha señora, Consuelo, explica como facer un espantallo. “A figura de Consuelo co espantallo nace na aventura de empaparme do que era San Sadurniño ‘in situ’. Eu hai tempo que me gusta ir tomando fotos de espantallos que atopo polo campo, e viña un pouco con ese eco na cabeza, pero sen nada elaborado. Entón Manolo (o director do Chanfaina Lab) andaba detrás miña moi preocupado en que me encauzase”, lembra o autor. 

“Apareceu a figura de Consuelo, unha señora que facía espantallos artesanais moi elaborados. Non o dubidei e aló fomos gravar á súa casa. Logo xa veu todo rodado. O espantallo era alucinante, e Consuelo é unha muller marabillosa que ten unha forma de explicalo moi didáctica pero á vez algo misteriosa e cun toque de sorna moi especial, que para min resúltame moi cercano ao meu entorno familiar. E, por certo, Consuelo é unha das integrantes do proxecto ‘Teño unha horta en San Sadurniño" no youtube”, sinala, por último.

Parpadeo

‘Parpadeo’ é, deste xeito, un xeito de apuntar ao consumo compulsivo de imaxes, ao nivel de esgotamento cerebral ao que nos conduce o “capitalismo da imaxe”, e de chamar pola volta “ao consumo lento”, ao mundo natural

Judith Adataberna (Vilaboa, Pontevedra, 1992) é tamén coñecida no Curtocircuíto, onde presentara ‘El espectrorium’, cuestionamento da percepción humana a través dun xogo de descomposición da mirada. ‘Parpadeo’ é unha velocísima e hipnótica sucesión de imaxes. Concibida como un experimento matemático con secuencias de fotos en 35 mm, trata, segundo indica a súa autora, de “explorar o umbral de capacidade que temos para reter unha imaxe conscientemente reconstruíndoa; ou de se o feito de que dúas imaxes se intercalen nun prazo moi reducido pode producir unha imaxe nova, unha fusión ou, simplemente, desaparecer”. 

'Parpadeo’ é, deste xeito, un xeito de apuntar ao consumo compulsivo de imaxes, ao nivel de esgotamento cerebral ao que nos conduce o “capitalismo da imaxe”, e de chamar pola volta “ao consumo lento”, ao mundo natural. Lonxe da idealización dunha suposta natureza romántica, mais coa convicción de que “temos que parar”, baixarnos dun ritmo de vida inasumible.

Judith Adataberna © Judith Adataberna

A natureza está, de feito, presente en todo o traballo da autora, desde unha perspectiva de “observación continua do hábitat e das relacións de supervivencia que establecemos con el, pero tamén do afastamento que nos está supondo o desenvolvemento técnico alienándonos da natureza que nos concibiu”. Segundo sinala, a “distancia tecnolóxica que padecemos escurece a nosa percepción sobre o motor das nosas necesidades básicas, que son exactamente iguais, nun principio, ás doutros seres vivos”, agás pola dimensión espiritual e creativa. 

A “distancia tecnolóxica que padecemos escurece a nosa percepción sobre o motor das nosas necesidades básicas, que son exactamente iguais, nun principio, ás doutros seres vivos”, agás pola dimensión espiritual e creativa

“Un espectro visual pechado, fronte á capacidade das abellas de ver o ultravioleta, ou a capacidade dos paxaros de detectar o campo magnético terrestre para viaxar fannos pensar que corporalmente somos moi limitados”, engade. Mais compensamos esas carencias físicas “con creatividade e habilidade técnica para fabricar brazos de cyborg... E aí empeza un cuestionamento sobre o corpo e as realidades virtuais. Normalmente todo o meu traballo xira entorno á simulación e o videoxogo, nun dispositivo que en realidade está investigando as maneiras coas que o cerebro procesa imaxes, recordos, desexos, estímulos, asociacións... Isto é parte de ‘Parpadeo’ como experimento coa retención de imaxes no umbral de consciencia humana, e tamén en ‘Glimpses’ penetrando dentro dun ollo para buscar a través da materia a orixe do mal”, conclúe.

Analóxica

Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992) conseguiu, con ‘Analóxica’, facer o primeiro filme X en galego. Rodada en Super8 con produción de Erika Lust Films, a curta tenta afastarse da ollada patriarcal da pornografía mainstream. Unha parella camiña cara á praia, seguida en todo momento por unha muller que non deixa de filmala. Hai sexo explícito en ‘Analóxica’, mais non dominación masculina nin exhibición do corpo da muller como obxecto de depredación do home. 

“Aínda hai moito por facer, a industria pornográfica convencional segue movendo moitos millóns e segue a estar baseada maioritariamente en estruturas de poder machistas. A educación sexual de gran parte da poboación está en man dos xeradores de contidos de pornografía convencional que o único que fan é perpetuar estereotipos, roles de xénero e comportamentos desiguais. É moi importante reverter esta situación e amosar contido erótico que fale dende a realidade múltiple e diversa en que vivimos. E sobre todo, que sente as bases para relacións sexuais onde o consentimento sexa o primeiro paso e o placer estea ao alcance de todas”, contoulle Fazáns a María Yáñez en Vinte

Como desaparecer

Carlos M. Peñalver presenta a historia dun mozo que desaparece da súa comunidade “por puro desencanto”, mais que deixa unha pegada: unhas bobinas de 16 mm que envía a un confidente para que poida organizar a súa busca

Carlos M. Peñalver (Vigo, 1991) presenta en Curtocircuíto ‘Como desaparecer’, a historia dun mozo que desaparece da súa comunidade “por puro desencanto”, mais que deixa unha pegada: unhas bobinas de 16 mm que envía a un confidente para que poida organizar a súa busca. Un home, deste xeito, que vive só nas bobinas de celuloide para o seu confidente: un montador de cine que adquire unha relación enfermiza coas imaxes do desaparecido.

Unha pequena equipa, formada por Peñalver, Joel Fontán, Antía Suárez e Iago Seoane creou ‘Como desaparecer’, que nun principio ía ser, segundo lembra o primeiro, “un filme máis ambicioso” armado sobre a idea dun suxeito que desaparece deixando rastro. “Co tempo, sacamos todo o thriller e reducimos a historia á relación entre o desaparecido e o confidente”. 

Como desaparecer, de Carlos Peñalver © Carlos Peñalver

A escolla do formato en 16mm “responde en gran parte ao gusto por unha maneira de traballar: o celuloide require os seus tempos, pensar ben os planos e moita confianza nun mesmo. Máis tamén quería que as imaxes do desaparecido estivesen desgastadas, coma unha mensaxe nunha botella que está borrada polo salitre do mar. Así, unha vez filmamos, sometemos a película a un proceso de revelado agresivo que nos axudou a encontrar esta textura que converte a imaxe nun elemento a descrifar”, asegura Peñalver. De fondo, pairan a memoria, o desapego, a perda… “Non quería sinalar nada concreto”, di, mais “tamén penso que temos aprender a vivir coas imaxes que chegan a nós e asumilas para aprender delas”

Glimpses on devil’s eye


Judith Adataberna adopta en ‘Glimpses on devil’s eye’ o ollar do cabaliño do demo. Que hai dentro do ollo dun demo? Pode un animal ser maligno?, pregúntase. A súa intención, con todo o seu traballo -explica- “é fomentar a curiosidade pola natureza e os seus mecanismos. Cando miras de preto, ves que somos materia, seres vivos querendo resistir”. Mais neste momento “afrontamos un grande problema climático e de xestión de recursos e desperdicios”, sinala. Motivo polo cal, opina, “toca volver pensar sobre a maneira en que estamos consumindo por cumprir o desexo impostado fronte ao realmente necesario”.

No caso concreto de ‘Glimpses on devil’s eye’, a autora realizouna nun momento de crise persoal. “Estaba persoalmente devastada, moi triste, e filmaba para aliviarme, para buscar paz. Cando comecei a montar dinme conta de que estaba facendo un viaxe dentro de min, e do demo que eu vía en min. Afortunadamente, hai películas que son medicina interna e creo que puiden facer un bo análise do que pasaría se eu descendese dentro da miña propia materia, a miña propia animalidade, e atopase a fonte dese mal. E só podo pensar que, unha vez desarticulada, a inocencia é a única esperanza fronte á experiencia da violencia do mundo”, sostén.

Glimpses on devil’s eye © Judith Adataberna

‘Glimpses’ é un descenso ao propio interior, e tamén a dentro da materia e dos construtos fantásticos arredor da figura do mal e do demo, a partir da idea do ollar do cabaliño do demo

Neste contexto, ‘Glimpses’ é un descenso ao propio interior, e tamén a dentro da materia e dos construtos fantásticos arredor da figura do mal e do demo, a partir da idea do ollar do cabaliño do demo. “Se baixo aí embaixo, se entro por ese buraco, que hai nesa entidade maligna? Pode un animal ser maligno? Se entramos na cosmogonía da representación maligna, é unha amalgama das cousas que máis tememos: ollos penetrantes escuros, gadoupas de aguia, dentes de xaguar, plumas de aves carroñentas, fouciño de rata, lingua de serpe... Cando investigo esa natureza, vou en busca do mal, pero atopo a natureza máis pura nunha loita pola supervivencia. Todos somos unha ameaza para outros porque somos o alimento do outro”.

La jovencita no envejece, se descompone


Álvaro F. Pulpeiro (Foz, 1990) leva a Curtocircuíto a súa peza ‘La jovencita no envejece, se descompone’. Unha moza camiña polo deserto como se quixese afastarse dun lugar que a atrapa nun eterno retornar. A rapaza é “un personaxe retórico e non un personaxe prosaico que percibir como totalidade real ”, explica Pulpeiro. E é máis, o propio filme e o personaxe “son un labirinto, un deserto en si mesmo, un territorio no que o comezo non empezou e a fin non rematou, unha Arcadia desolada onde nin as sombras conseguen proxectarse sobre a area”, no que a moza é unha sorte de ánima que sofre unha perda de inocencia. 

La jovencita no envejece, se descompone © Álvaro F. Pulpeiro

Durante a rodaxe -conta o director- a moza decátase de que está embarazada, e o filme reacciona “de xeito intuitivo” diante deste feito, reescribindo o guión no día a día, tras conversas con ela, a partir tamén da interpretación dos seus contos e historias como alegorías relacionadas con algo que medraba dentro do seu corpo fóra do seu control. En relación con isto, aparecen na curta unha serie de seres estraños que serían “as pulsións creadoras e destrutoras que a súa condición física crea. Son os seus soños, soños de mulleres maiores que lle contan historias borrosas e fragmentadas, en linguas alleas e distantes pero ao mesmo tempo familiares. Historias do principio do mundo e do seu final, historias contrapostas e diluídas”.

Mais a curta non é a historia dunha adolescente que non sabe como asumir a transformación do seu corpo. É unha historia persoal do director, froito de imaxes e texturas agromadas a partir da combinación do corpo e a psicoloxía da mociña co territorio de La Guajira. Nun filme aberto que convida a ser soñado de xeito subxectivo e non prosaico. La Guajira é, segundo Pulpeiro, “unha paraxe un tanto carcomida polo turismo de adrenalina occidental. Interesoume non desde o punto de vista antropolóxico, indíxena ou clixé. Paréceme unha terra atrapada no tempo, despedazada por non pertencer nin a un pasado indíxena nin a un mundo occidental. Una Arcadia tornada basureiro de occidente”

Arrolo

Lucía Estévez (Vigo, 1994) é tamén coñecida en Curtocircuíto, onde presentara ‘Sendeiro’. Este ano volve con ‘Arrolo’, unha curta realizada no Chanfaina Lab. Unha muller (Melania Cruz) permanece soa nun cuarto. Escoita pola noite o son producido polas rutinas que grava polo día. “A historia”, sinala a directora, “nace dunha necesidade persoal por escoitar os silencios e habitar por un instante “a nada”. A construción da personaxe e o traballo con Melania Cruz foi en base ao guión e ao xogo e liberdade de creación nese espazo. É unha delicia non ter que mentir nin ser ningunha outra cousa que ti nun cuarto. Hai que ter moita valentía para atoparse coa sombra dunha e mirala aos ollos, espida e derrotada, sen nada que perder e con conciencia da túa máscara”. 

O importante na curta -engade- non é por que a muller está no cuarto, senón como o habita. Pois tenta atopar “algo que perdeu nalgún momento da infancia, nun xogo e nunha curiosidade propias dunha nena. É unha muller chea de dúbidas, contradicións, medos e máscaras, igual ca todos os espectadores”. Unha adulta -resume- que xoga nun cuarto tratando de atopar a nena que nalgún momento soltou.

16 de decembro


Álvaro Gago (Vigo, 1986) presenta en Curtocircuíto a súa nova peza, ‘16 de decembro’. Unha moza recibe unha chamada da súa nai para que vaia recoller o seu irmán pequeno. Ela colle a moto e circula por unha cidade que cre coñecer ben. E o que acontece despois é unha mostra das moitas formas que adopta a violencia de xénero. “A miña realidade gritábame e continúa gritándome que a violencia gratuíta en contra das mulleres existe e en grandes cantidades. Facer unha película con esa violencia como elemento central co obxectivo de expoñernos a ela, reflexionar e actuar, parecíame a maneira mais eficaz que tiña eu de sumarme a unha loita na que creo firmemente”, explica o director. 

'16 de decembro' © Álvaro Gago

“A miña realidade gritábame e continúa gritándome que a violencia gratuíta en contra das mulleres existe e en grandes cantidades. Facer unha película con esa violencia como elemento central co obxectivo de expoñernos a ela, reflexionar e actuar”

A curta foi rodada en Vigo. “O espazo” -indica Gago- “determínao todo. A intención era a de facer de espello á progresiva dificultade que ten Lucía para habitar o espazo no que está ou que transita. A zona do porto de Vigo era un espazo que nos permitía ese progresivo estreitamento”. A música, de Xavier Bértolo, é tamén moi importante nesta curta. “Ten un peso narrativo fundamental, de aí que a puxese, pois non adoito sentirme cómodo cando soa música extra-diexética nas películas”, indica Gago. E conduce cara a un final aberto que podería levar á idea de silencio. 

“Sentín que necesitaba un elemento que afastase ese silencio e abrise a porta do outro lado do abano. É unha música agresiva, cunha cadencia rítmica que tentamos que empurrase á protagonista cara diante. Avanti! Continúa! Non es só vítima, es moito mais que iso! Non es só en relación ao que che pasou!”. Así, o silencio é só unha das posibilidades de desenlace. “Non queriamos xulgar a escolla” -explica Gago-, pois a personaxe “fará o que lle pareza a ela facer, e faga o que faga estará ben; se opta polo silencio, perfecto, se quere falalo coas amigas, perfecto, se quere ir denuncialo a policía, perfecto. Ademais, non queriamos poñer o foco aí, na reacción de Lucía”, senón no comportamento dos culpables do que a ela lle pasa. “Aí é onde debemos intervir, diso é do que temos que falar e ao que temos que enfrontarnos”, apunta.

Os prexuízos da auga


Santos Díaz (Vigo, 1974) leva a Curtocircuíto ‘Os prexuízos da auga’, a historia de Juan (Xosé Barato), un mozo ao que os plans tenden a estragárselle a causa da presenza inoportuna da auga. En varios encontros con distintas mulleres, a comunicación xorde case sen palabras. O personaxe -asegura o director- xorde da “observación, da vida”, de tipos humanos que “se repiten”. Obviamente -sinala- “cada persoa é un mundo pero no mundo haberá moitos Juanes e tamén haberá persoas completamente distintas e aquí está una das cousas belas do cinema. É, ademais doutras cousas, unha invitación a observar desde outras perspectivas, a empatizar co diferente ou a identificarse co recoñecible…”

No fondo, tamén unha reflexión sobre a necesidade, e o xeito, de comunicarse. “O alento poético das palabras é innegable, hai moita beleza na comunicación oral pero tamén hai un abuso: todo o encubrimos tras as palabras, que se converten ás veces nun elemento de confusión, de verborrea, algo que só cumpre a función de encher un suposto baleiro. Cada vez doulle máis importancia ao silencio, sobre todo porque é moi difícil de atopar!. Rodéanos o ruído e cando estamos en comunidade non coñecemos apenas outras formas de comunicación que non sexan as verbais. Con todo, a comunicación non verbal está constantemente operando: é un tema que me interesa a nivel cinematográfico porque pon en valor outros ritmos, outras percepcións, fai que obxectos e outros elementos se expresen doutra maneira”, explica o director. 

“O alento poético das palabras é innegable, hai moita beleza na comunicación oral pero tamén hai un abuso: todo o encubrimos tras as palabras, que se converten ás veces nun elemento de confusión, de verborrea”

O filme escolle un ton de comedia. “Se o pensas” -di o director- “toda comedia podería ser un drama e moitos dramas resultan cómicos ao seu pesar. A vida é un pouco así, conxúgase a risa e o pranto. En todo caso, para min é moi importante chegar a un tipo de emoción equilibrada, o desequilibrio excesivo é a traxedia, que tamén forma parte da vida, pero sinto que no cinema abúsase ás veces do ton tráxico”. 

Un elemento destacado no filme é a música. A cargo do grupo Vox Stellae -nun fragmento no que o personaxe de Xosé Barato se encontra co encarnado por María Vázquez-. O elenco de ‘Os prexuízos da auga’ é en parte o mesmo ca o do anterior proxecto do mesmo director ‘A liña política’. “A música xoga un papel expresivo moi importante, ademais está integrada na narración como un elemento do que participan de forma activa as personaxes. Non é un comentario psicolóxico: é algo orgánico. Por iso é moi importante que aparezan os músicos”, comenta.

En la boca de la mina


Brandán Cerviño é outro dos autores que repiten en Curtocircuíto, pois o ano pasado presentara ‘Carta a Leningrado’. Este ano trae ‘En la boca de la mina’, sobre a vila de Cobre, un lugar de peregrinación relixiosa en Cuba cun pasado mineiro. “É unha película que se vai construíndo en torno ao que vou atopando e a xente que coñezo, converténdose nunha sorte de cartografía do lugar”, afirma o director. 

Ao ir avanzando o filme, vai agromando a memoria dos cimarróns. “Foi a primeira vila que se emancipou da escravitude en Cuba, oitenta anos antes da abolición no país. Ten unha das minas máis antigas de Latinoamérica e nela traballaron dende escravos africanos na época colonial ata chineses, ingleses e galegos nos anos 20. Neste contexto é cando eu descubro o significado da palabra cimarrón. Os cimarróns eran os escravos sublevados que fuxían e escondíanse no monte. Un legado que non é recoñecido e que non é rendible, a diferencia da iconografía relixiosa. Se cadra, a tradición cimarrona está moi presente na memoria colectiva e nas experiencias individuais da xente do lugar. Neste caso, onde eu atopaba que máis viva se mantiña era na música e nas agrupacións populares que a transmitían”, sinala. 

En la boca de la mina © Brandán Cerviño

Os “personaxes” son, en realidade, xente da vila. “Os primeiros que coñecín” -recorda o director- “eran os vendedores da talla relixiosa: Chaco, Didier e Radamés. A maioría da xente na vila está relacionada coa talla relixiosa; facéndoa, vendendo, conseguindo material, etc. 

Así que en xeral o que facía era gravar a xente nos seus lugares de traballo, aos vendedores nos seus postos na rúa, a Eliezel e Español, que foron os primeiros en tallar virxes nos noventa, no seu taller a Zahilys e ao seu fillo na casa, onde o seu fillo tamén fabrica figuras marianas e onde ela vende tabaco e demais cousas... E finalmente a mina, onde Popote traballa como vixiante e no que pasa moito tempo acompañando por Robi, o rapaz. Gravaba moitas conversas, tanto se era entre eles ou me interpelaban a min, sen buscar ningunha forma concreta de entrevista ou algo así

Limbo

Dani Viqueira (A Coruña, 1983) leva a Curtocircuíto a súa curta ‘Limbo’, que está a ter unha notable repercusión en festivais internacionais. Segundo comentou o propio Viqueira nunha entrevista en Praza realizada con motivo do festival FKM, empezou sendo unha “curta apocalíptica”, na que un home se atrincheira na súa finca coa súa escopeta tentando “protexerse do mal” agochado detrás do valado da casa, para acabar sendo a metáfora do bucle de “psicose infinita” no que cae ese mesmo home tras asasinar a súa muller e a súa filla por atreverse a decidir deixalo e marchar. O terror e a paranoia -zombis, ruídos inquietantes- constitúen, segundo o director, o castigo deste asasino, que en ningún momento transmite remordementos polo seu crime. 

Os efectos especiais, a cargo de Gorka Aguirre, a fotografía, de Lucía C. Pan e a música -composta especialmente para esta curta por Germán Díaz-, axudan moito a apontoar un relato redondo, cunha estrutura de elipses e flashbacks que reforza o concepto do bucle como condena á eterna repetición na que o asasino quedou atrapado. Un castigo autoinfrinxido sen querer. O sangue non marcha, por moito que lave as mans. A súa pel agocha o demo no que se converteu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.