Curtocircuíto segue medrando, mais non son as cifras o que importa. A súa actual orientación cara ao cinema máis autoral e experimental combínase, segundo o seu director, Pela del Álamo, con propostas de calidade para todos os públicos. Sempre coa ollada posta no encontro, -no festival como lugar para o diálogo cultural-, e na bilateralidade, -no reforzo da internacionalización do cinema galego e na intención de darlle ao espectador galego a oportunidade de ver o mellor da curtametraxe mundial-. Entre o 6 e o 11 de outubro, o público poderá ver 40 películas na sección oficial, con nomes como Ben Russell (Atlantis), Mark Rappaport (Becoming Anita Eckberg) ou Jennifer Reeder (Blood Below Your Skin); así como 20 estreas no Estado, entre elas a nova de Lois Patiño. Ou os últimos traballos de Marcos Nine, Miguel Mariño, Xisela Franco, Luís Avilés e Jaione Camborda. Falamos con Pela sobre toda a programación.
Recibistes 3.270 propostas de 93 países. O festival medra, nese sentido?
Cando eu cheguei, no ano 2013, formulamos un novo modelo, un novo camiño para o festival. O noso obxectivo non é medrar a nivel cuantitativo, senón cualitativo. Nese sentido, poderiamos dicir que este é o primeiro ano que Curtocircuíto é o que debe e pode ser. O número de curtas recibidas é moi elevado, pero o importante é ter unha programación de calidade, facer o esforzo de ir aos festivais e aos foros para preparala e escoller as curtas que se sitúen na nosa liña, no noso discurso cinematográfico.
Unha vintena dos filmes que poderemos ver son estreas no Estado. Queres salientar algunha?
A metade da Sección Oficial son estreas, e iso que non é algo que nós lle esixamos aos autores. Pero o feito de que haxa 20 películas cuxos creadores decidiron que Curtocircuíto sería o lugar onde se poderían ver por primeira vez en España debe significar que estamos no bo camiño. E para min é especialmente significativo que haxa directores galegos, coma Lois Patiño, que optaron por estrear con nós. Penso que o xesto de Lois fai festival e fai país. Poderemos ver o seu filme Noite sen distancia na sección Explora. Das estreas podemos subliñar tamén Blood below the skin, de Jennifer Reeder, que estivo na Berlinale; La impresión de una guerra de Camilo Restrepo, que vén de Locarno e World of tomorrow, de Don Hertzfeldt, que vén de Sundance.
Dedicarase unha sección especial a Aki Kaurismäki. E será para ver filmes pouco coñecidos.
Cando estiven con Aki en Portugal falando do que podiamos facer, estivemos de acordo en que volver proxectar películas xa coñecidas non xustificaba a súa presenza en Curtocircuíto. Pedinlle, entón, que mostrase a súa conexión co mundo da música, e en especial coa banda Leningrad Cowboys. Por outra banda, como Portugal para nós é un aliado total por moitas razóns, decidimos traer as súas curtas portuguesas, e tamén algunhas non portuguesas, pero non coñecidas. Que Aki sexa programador en Curtocircuíto é unha honra. A selección que fixo é heterodoxa. É un luxo telo con nós, presentando as súas películas.
Que Aki sexa programador en Curtocircuíto é unha honra. A selección que fixo é heterodoxa. É un luxo telo con nós, presentando as súas películas
En Planeta GZ, a sección dedicada á creación galega, poderemos ver este ano filmes de Marcos Nine, Jaione Camborda, Xisela Franco, Miguel Mariño… nomes que foron facéndose coñecidos a través doutros festivais…
Planeta GZ tiña que seguir a nova liña programática de Curtocircuíto: sen esquecer o máis arriscado, non podía deixar de atender o conxunto da produción galega do ano. Así, temos desde cinema máis narrativo, como o Unary de Luis Avilés, ata a nova proposta de Marcos Nine, Rorschach #1: Puntos de autoridade, que é absolutamente abstracta e ten que ver co cinema expandido. Tamén temos por exemplo Historia cerebro de Borja Santomé, unha animación en 2D feita á man, pintada con acuarelas. Borja é moi novo e para nós foi un gran descubrimento. Jaione e Xisela xa levan máis tempo traballando, Miguel Mariño e Álvaro Fernández-Pulpeiro estiveron no Play-Doc… Tamén é moi interesante Volontè, de Marcos Flórez, Helena Girón, Rafa Mallo, Roberto Mallo, Miguel Prado, Lucas Vázquez de la Rubia e Lucía Vilela.
Manolo González, unha persoa á que o sector lle debe, entre outras moitas cousas, a creación das axudas de talento, fará de programador en ‘Carta branca’, onde poderemos ver unha escolma da historia do cinema galego.
Curtocircuíto é un festival internacional cunha vocación de servir tamén de ponte de ida e volta, de internacionalización para o cinema galego. Por iso temos Planeta GZ e por iso lle damos carta branca a Manolo González para que poida darnos a súa perspectiva da historia do noso cine. Manolo é un mestre, unha referencia para todos nós. Non hai ninguén da miña xeración que non sentise o agarimo e o apoio de Manolo, que sempre está aí. Curtocircuíto tiña a obriga de darlle un espazo. El fai unha relectura do cinema galego. Hai non moito a Cidade da Cultura acolleu a mostra Cinegalicia25 , unha ollada posible ao cinema dos últimos 25 anos na que faltaban cousas, e entre elas Manolo. En Curtocircuíto quixemos complementar esa ollada.
Seguindo cos galegos, teremos tamén a Oliver Laxe, que impartirá un obradoiro a partir da idea do haiku…
Si, Oliver fará un achegamento ao cinema a partir do haiku, que vai encontrando en diferentes películas. Porque Curtocircuíto tamén ten un obxectivo práctico, no sentido de que non se trata só de poder ver películas, senón de que sexa un lugar onde se fagan cousas, onde poida xurdir a creación, a chispa… Ademais Oliver Laxe vai volver a Galicia despois de pasar uns anos en Marrocos. E nós quixemos acollelo nesa volta.
Continúan as seccións Radar e Explora, sendo a segunda para as propostas máis experimentais. Na primeira hai bastantes filmes cunha vocación social… mais hai un pouco de todo. Cales son os criterios para facer a escolma?
Temos unha liña de programación que non segue un criterio temático, senón de linguaxe. O que buscamos nas películas é a honestidade, a valentía e a coherencia. Cada película ten que estar xustificada por si mesma. E os filmes que responden a estes criterios normalmente amosan unha linguaxe persoal, máis arriscada e achegada á experimentación. As películas de liña narrativa máis estándar van para Radar e as que propoñen unha linguaxe menos convencional van para Explora. Radar é un tipo de cinema non comercial, pero si para todos os públicos. E Explora é máis para cinéfilos ou para quen queira descubrir cousas novas.
De Radar podemos salientar Beach Week, de David Raboy, que é un thriller ao estilo de David Lynch, cun punto persoal moi interesante, sen deixar de ser unha linguaxe para todos os públicos. San Siro, de Yuri Ancarani, é un documental observacional que amosa o que queda fóra da cámara nun estadio. De Explora podemos subliñar por exemplo Sin Dios ni Santa María, de Helena Girón, unha autora galega que estivo no (S8) e que foi tamén un descubrimento para nós. Tamén Swimming in your skin again, de Terence Nance, ou Out, de Joan Antúnez, que amosa o fóra de campo no tenis, dun xeito semellante a San Siro. E que conecta tamén así coa retrospectiva que temos de Jørgen Leth, coa súa atención ao deporte.
O que buscamos nas películas é a honestidade, a valentía e a coherencia. Cada película ten que estar xustificada por si mesma
Cóntanos desa retrospectiva. Leth é o pai do Dogma danés e mestre de Lars von Trier.
É a nosa aposta deste ano. Aki Kaurismäki é un valor seguro. Leth é menos coñecido, malia ser un dos máis importantes documentalistas do século XX. No 1967 presentou The Perfect Human en Cannes xunto a La chinoise de Godard. Foi un dos cineastas que máis experimentaron no documental, e sempre poñendo o ollo no deporte. Xunto con outros poucos nomes como Leni Riefenstahl, ninguén fixo un traballo tan salientable a nivel de deporte filmado. Tamén lle interesaba moito a viaxe. Chegou a filmar a xente coma Andy Warhol, John Cale, Dennis Hopper ou Albert Maysles.
Volvendo máis perto, de Portugal tedes o Púlsar, dedicado a João Salaviza, que traballou con Manoel de Oliveira. E filmes da produtora O som e a Fúria.
João Salaviza é un dos cineastas máis prometedores de Portugal. O Púlsar creouse para poñer en valor cineastas novos. E nós chamamos a João antes de que o chamasen para a Biennale de Venecia, onde presentou a súa primeira longametraxe. Fai un traballo moi social, todo gravado en Lisboa. Temos interese en estreitar o noso vínculo con Portugal, en potenciar o noso compromiso coa cultura portuguesa. O Som e a Fúria é a produtora portuguesa máis vangardista, que traballou con Manoel de Oliveira, Miguel Gomes, Sandro Aguilar, João Nicolau ou João Pedro Rodrigues. O que faremos é un percorrido polo cinema portugués a través desta produtora.
Dentro das seccións non competitivas están tamén Penínsulas, Noite Malandra e Teenage Riot, ou Criaturas. Que podemos atopar nelas?
Curtocircuíto tivo unha certa viraxe cara ao cinema máis autoral e experimental, pero queremos que todo o mundo poida gozar do festival. Por iso temos seccións coma as que citas. Son películas moi boas, para achegar o festival ao gran público. En Penínsulas, películas de Portugal e de España. Teenage Riot é cinema para a xente nova, para adolescentes, cunha linguaxe accesible, pero que axude a espertar a conciencia do espectador. Noite Malandra é a sesión golfa, máis gamberra, cun toque picante… Recolle por exemplo Kung-Fury, que foi un éxito en internet. Criaturas é cinema infantil.
Por último, hai concertos. Do festival L.E.V. e do Wosinc.
O festival L.E.V. xunta música e vídeo. O sábado 10 na SGAE estará Yro, un artista francés que fai unha película en directo, con fotografías proxectadas, ao mesmo tempo que crea música tamén en tempo real. Actuará despois dos asturianos Skygaze & FIUM Live. En Curtocircuíto interésanos tecer alianzas con outros axentes culturais da cidade cos que temos afinidades. Por iso colaboramos co Wosinc. Un festival debe ser un punto de experimentación, un lugar onde abrir novos camiños e novas linguaxes. Eles traen a música ao noso festival e nós levamos o cinema ao deles. O domingo 11 estarán no Teatro Principal Moon Duo e Diola. Diola son a evolución de Unicornibot e Moon Duo son un referente da psicodelia.
Que nos di a programación de Curtocircuíto do lugar que ocupa o cinema galego no mundo, no aspecto creativo?
En Galicia nos últimos anos desenvolveuse o Novo Cinema Galego, ademais doutras propostas, que supuxeron unha internacionalización do noso cinema. E Curtocircuíto ten que ser unha canle para seguir alimentando iso, para amosar e difundir o que se fai en Galicia, para exportar o noso cinema, para fomentar a bilateralidade. Igual que o (S8) e o Play-Doc. Persoas que están nos xurados deste tipo de festivais falan do noso cinema fóra, despois os nosos creadores presentan o seu traballo en Escocia, ao Mar del Plata…
En Galicia nos últimos anos desenvolveuse o Novo Cinema Galego, ademais doutras propostas, que supuxeron unha internacionalización do noso cinema
Dicías que Curtocircuíto mudou cara a unha orientación máis de autor… Cal é o proxecto que tedes? Que queredes que sexa?
É moi importante que Curtocircuíto sexa un punto de encontro lúdico e cultural, onde o diálogo cultural sexa o protagonista. Sempre con propostas de primeiro nivel e proxectando Galicia no ámbito internacional.
Non é doado manter festivais de cinema na situación actual…
Nós co concello temos agora unha sintonía que non tiñamos antes. Mellorou moito a relación. É verdade que, claro, o ritmo da administración non é o da organización dun festival. É normal. Pero estamos contentos, a cousa vai mellor e hai perspectivas de que vaia a mellor. No 2016 comezaremos de cero e será outra cousa.