O 'Ximnasio Léxico', unha aplicación para xogar coa lingua e mellorar o noso vocabulario

Unha persoa usa a aplicación 'Ximnasio Léxico' lanzada pola RAG e a Fundación Barrié © Fundación Barrié

"Bule", "rube", "une"! A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentaron este xoves a aplicación Ximnasio Léxico, un xogo de descuberta da lingua baseado no Dicionario da RAG que se pode descargar de balde para o seu uso en dispositivos móbiles de Android e iOS

A aplicación consta de seis xogos, entre os que destaca Bule, no que hai que atopar unha palabra a partir dunha definición; Rube, que consiste en atopar unha palabra agochada; e Une, para emparellar sinónimos

A ferramenta permite adestrar o manexo óptimo do vocabulario xogando de distintas maneiras. O circuíto proposto neste particular ximnasio mental consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, constitúen o corazón da aplicación. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado; Rube, que consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras; e Une, que funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos. 

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

Os tres xogos do 'Ximnasio Léxico' © RAG

Os outros tres xogos, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel

As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir. A opción do adestramento facilítalles aos usuarios e usuarias afacerse á mecánica dos xogos antes de dar o salto á competición, estruturada en tres niveis: inicial, medio e superior. Para avanzar dun nivel a outro é preciso sumar un número determinado de puntos en cada un dos seis xogos. Cada vez que a persoa xogadora suba de nivel aumentará a dificultade das propostas.

A opción do adestramento facilítalles aos usuarios e usuarias afacerse á mecánica dos xogos antes de dar o salto á competición, estruturada en tres niveis: inicial, medio e superior

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, presentaron hoxe esta nova ferramenta concibida para reforzar o vocabulario normativo. Con esta proposta ambas as institucións avanzan na súa colaboración para fornecer o público de todas as idades de recursos que contribúan á divulgación da lingua galega e a darlles máis seguridade e naturalidade na expresión a todos os falantes, desta volta cunha aplicación participativa de xogos e descubertas arredor do galego.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, presentan a aplicación 'Ximnasio Léxico' © RAG

Freixanes: “con esta iniciativa a RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións"

Na presentación, Freixanes subliñou que “con esta iniciativa a RAG continúa avanzando na estratexia de incorporar a lingua ás tecnoloxías da comunicación e faino ademais aproveitando os aspectos lúdicos e didácticos, pensando principalmente nas novas xeracións, se ben o Ximnasio Léxico é unha aplicación atractiva para persoas de todas as idades”.

“Non é o primeiro proxecto que desenvolvemos nesta liña, pero si que é probablemente o máis ambicioso, e esperamos darlle continuidade contra finais deste ano nunha grande olimpíada da lingua galega”, engadiu o presidente da RAG.

Carmen Arias:“ levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el”

Pola súa banda, Carmen Arias indicou que “levabamos moitos anos facendo preguntas ao dicionario: agora pregunta el” e engadiu que “o proxecto permite cumprir unha das principais vocacións da Fundación Barrié: actuar como fermento, potenciar o traballo doutras institucións, neste caso o feito arredor do dicionario da Real Academia Galega”.

Presentación da aplicación 'Ximnasio Léxico' lanzada pola RAG e a Fundación Barrié © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.