Cada ano milleiros de palabras son buscadas no dicionario online da Real Academia Galega. De feito, ao longo de 2019 a media diaria situouse por riba das 70.000 procuras, un incremento do 18% con respecto ao ano 2018 e dun 26% en relación ao 2017. En total, o pasado ano buscáronse máis de 25 millóns de termos.
"O déficit de coñecemento do léxico galego provoca tamén que sexan habituais as buscas de palabras que non teñen un equivalente claro no castelán actual", destaca o texto
O dicionario amosa na súa web a listaxe de palabras máis buscadas na última semana e no último mes, unha relación que varía moito e que no último mes está encabezada por raspa, pub e leite, pero que noutros momentos tivo como palabra máis procurada termos como afouteza, a entrada máis consultada no ano 2017, coincidindo coa chegada do Celta ás semifinais da Europa League e cunha campaña de captación de socios/as realizado polo club vigués. Despois de afouteza, no ano 2017 as palabras máis buscadas foron cona, botar, esmorga, conacha, porén e dioiva.
A revista Cadernos de Lingua analiza no seu último número que é o que máis inflúe no número de procuras no Dicionario da RAG, destacando que os principais factores externos son a circulación dun termo nos medios de comunicación e no mundo escolar.
Entre os termos máis consultados no ano 2017 estiveron afouteza, teimudo, sapoconcho, chimpín, miñaxoia, trosma ou luscofusco
Os autores do traballo, Manuel González (responsable do Seminario de Lexicografía) e Begoña González Rei (profesora de galego do Instituto español Vicente Cañada Blanch de Londres), destacan que a análise dos termos máis buscados no ano 2017 revela que o dicionario revela outros usos distintos ao da simple procura de palabras que se descoñecen, servindo tamén para resolver dúbidas ortográficas ou buscar sinónimos e antónimos e mesmo para coñecer a realización fonética dun termo.
Así, entre as palabras máis consultadas están botar e votar, o que podería indicar un interese por resolver a escrita correcta de ambos os dous termos homónimos. E tamén aparecen so/só, fora/fóra e mais/máis, polo que se pode inferir que moitas procuras buscan resolver a dúbida sobre a correcta utilización do til diacrítico nestas palabras. Así mesmo, entre as palabras máis buscadas aparecen labor ou personaxe, termos sobre os que moitas persoas poderían non estar seguras sobre o seu xénero.
En ocacións, a existencia "dun factor esóxeno ao propio coñecemento lingüístico da comunidade" provoca que se disparen as consultas dese termo no dicionario
Con todo, entre as entradas máis procuradas aparecen tamén outros termos máis específicos, como por exemplo afouteza, teimudo, sapoconcho ou chimpín, pero tamén miñaxoia, trosma ou luscofusco. Os autores destacan que neste caso "o déficit de coñecemento do léxico galego entre persoas educadas en castelán provoca tamén que sexan habituais as buscas de palabras que non teñen un equivalente claro no castelán actual". E engaden que en certos momentos, a existencia "dun factor esóxeno ao propio coñecemento lingüístico da comunidade" provoca que se disparen as consultas dese termo no dicionario.
Así, as procuras de afouteza coincidiron co bo momento do Celta, as de teimudo coa súa utilización nunha campaña publicitaria de Gadis, as de sapoconcho polo seu uso por parte dun dos concursantes de Operación Triunfo, e as de chimpín coa visibilidade acadada nos medios de comunicación polo Festival de Cans.
Os autores destacan que o dicionario tamén se emprega para resolver dúbidas ortográficas ou buscar sinónimos e antónimos e mesmo para coñecer a realización fonética dun termo
O estudo subliña tamén a importancia do uso de certas palabras no ensino, que explicaría a súa presenza na lista das máis procuradas. É o caso de esmorga, empregada ao falar de Eduardo Blanco Amor. "Dado que se trata dunha voz que reflicte aspectos da nosa etnicidade, con significados non transparentes e descoñecidos nunha gran parte do territorio galego, non é estraño que moitos alumnos e lectores acudan ao dicionario”, explican Manuel González González e Begoña González Rei.
Os autores tamén destacan a presenza entre os máis consultados de certos termos escatolóxicos ou relacionados coa sexualidade (cona, conacha, pirola...), que relacionan co "uso lúdico do dicionario que sempre existiu na infancia e na puberdade".