O dicionario medra co novo ano. A Real Academia Galega vén de engadir 400 novos termos ao seu Dicionario, incorporacións que son froito do traballo de revisión constante que realizan os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Ademais, parte das modificacións responden ao diálogo que se establece cos usuarios e usuarias da web, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar”.
Parte das modificacións responden ao diálogo que se establece cos usuarios e usuarias da web
Entre as novas palabras figuran algúns termos que xa son de uso corrente na lingua ou que responden a novas realidades ou a temáticas de actualidade. Outros cambios refírense á inclusión de novas acepcións para termos que xa contaban previamente cunha entrada do Dicionario.
Entre os novos termos introducidos figura a alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.
As incorporacións inclúen neoloxismos como idadismo, estranxeirismos como zápping ou jacuzzi, termos que dan conta de novas realidades, coma deporte electrónico
Así mesmo, o Dicionario inclúe tamén cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada. De igual xeito, a RAG acepta agora neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade. E tamén aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica, fundamental para tratar temas relacionados coa crecente produción eólica.
Hai novos termos relacionados coa crecente preocupación polo cambio climático, como a voz antropoceno e as locucións quecemento global e efecto invernadoiro
Tamén aparece agora deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores. E varias palabras relacionadas coa crecente preocupación polo cambio climático, como a voz antropoceno e as locucións quecemento global e efecto invernadoiro.
Entre as novas voces do dicionario están tamén estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e termos especializados no ámbito legal e da xustiza, como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo.
O Dicionario da Real Academia Galega rematou o ano 2022 con case 35 millóns de consultas
No apartado das voces que incorporan novas acepcións están crocante que, ademais do significado xa rexistrado de caramelo ou xeado con cachiños de améndoa, incorpora o de alimento que fai ruído ao mordelo e mastigalo; tamén compoñedor, -a, que suma o significado e persoa que pon de acordo dúas o máis partes que están enfrontadas por algún desacordo; e, igualmente transportador, cunha nova referida ao receptáculo utilizado para o transporte de animais domésticos pequenos.
A ferramenta dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles
Finalmente, a RAG engade novos termos que, na práctica xa existían a través do desenvolvemento de familias léxicas: expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.
O Dicionario da Real Academia Galega rematou o ano 2022 con case 35 millóns de consultas. A ferramenta dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.