Todos os libros editados pola RAG dende 1906, dispoñibles xa na rede: 37 mil páxinas encabezadas polo seu primeiro dicionario

Proceso de dixitalización dun volume histórico © RAG

 

O arquivo da Real Academia Galega agocha grandes tesouros. Dende hai anos a institución iniciou un ambicioso proceso de dixitalización dunha parte importante destes materiais co obxectivos de que estivesen dispoñibles na rede para a súa consulta e descarga libre e de balde. Xa no ano 2017 facilitou, a través do Arquivo Dixital de Galicia, o acceso público á totalidade do seu catálogo, composto por 32.628 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Este servizo en liña ofrecía nese momento, ademais, copias dixitais de case 3.750 destes documentos. 

En total, son 177 títulos con preto de 37.000 páxinas e o catálogo completo suma así uns 325 volumes dixitalizados

Agora a RAG vén de anunciar que completou a dixitalización da totalidade de obras editadas pola institución dende a súa fundación en 1906, libros aos que xa se pode acceder a través deste arquivo dixital. En total, son 177 títulos con preto de 37.000 páxinas e o catálogo completo suma así uns 325 volumes dixitalizados que poden consultarse de balde dende calquera parte do mundo.

Páxina do primeiro dicionario galego-castelán da RAG © RAG

Entre as novas obras dixitalizadas destaca o primeiro dicionario da RAG, editado por fascículos entre 1913 e 1928. Trátase do Diccionario gallego-castellano elaborado polo historiador César Vaamonde Lores

Entre as novas obras dixitalizadas destaca o primeiro dicionario da RAG, editado por fascículos entre 1913 e 1928. Trátase do Diccionario gallego-castellano elaborado polo historiador César Vaamonde Lores, segundo arquiveiro-bibliotecario da Academia. Aínda que o dicionario ficou incompleto, pois remata na voz cativo, ten un "indubidable interese histórico e lexicográfico", destaca a Academia." Alén de atender, coma os anteriores dicionarios galegos, a recolla de voces usadas, antigas ou modernas, este foi o primeiro que se preocupou tamén pola modernización do idioma. Inclúe así tanto formas usadas de xeito tradicional como neoloxismos da época e ofrece exemplos tomados de obras lexicográficas de Sarmiento ou do Padre Sobreira, así como versos de obras medievais e contemporáneas a modo de exemplos", explica.

Entre as restantes obras dixitalizadas pódense salientar as edicións orixinais dos discursos de ingreso na RAG

Entre as restantes obras dixitalizadas pódense salientar as edicións orixinais dos discursos de ingreso na RAG de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xenaro Mariñas del Valle, Xosé Neira Vilas e Luz Pozo Garza. E, igualmente, as edicións especiais co gallo do Día das Letras Galegas ao coidado de membros da Academia, entre elas as dos títulos dedicados a Ramón Cabanillas (1976), de Carballo Calero; Francisca Herrera Garrido (1987) e Otero Pedrayo (1988) a cargo de Carlos Casares; Celso Emilio Ferreiro (1989) por Antonio Fraguas; Álvaro Cunqueiro (1991), por Xosé Filgueira Valverde; Rafael Dieste (1995), a cargo de Salvador García Bodaño; ou Xesús Ferro Couselo (1996), de Olga Gallego.

Portada do discurso de ingreso de Ramón Otero Pedrayo na RAG © RAG

A dixitalización evita a deterioración dos exemplares orixinais custodiados na biblioteca da RAG

No arquivo dixital pódense atopar tamén as normas históricas da lingua galega ditadas pola RAG dende os anos 70 do século pasado. Así mesmo, a edición das cartas a Murguía conservadas na RAG ao coidado dos académicos Xosé Ramón Lorenzo e Xosé Luís Axeitos ou os dous volumes de Libros e autores galegos de Ricardo Carvalho Calero.

A RAG fai fincapé en que o proceso de dixitalización, ademais de facilitar a consulta dos títulos, "cumpre outro obxectivo fundamental: evitar a deterioración dos exemplares orixinais custodiados na biblioteca da RAG, xa que moitas consultas ata o momento física poderán resolverse de maneira exclusivamente virtual".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.