O Arquivo da Real Academia Galega vén de estrear unha nova fiestra na rede para facilitar o acceso público á totalidade do seu catálogo, composto por 32.628 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Este servizo en liña ofrece ademais copias dixitais de case 3.750 destes documentos.
Todos estes materiais están dispoñibles na web do Arquivo Dixital de Galicia, un portal que dá acceso aos fondos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas, entre eles os da Fundación Penzol, o Arquivo do Reino de Galicia, arquivos históricos diocesanos e un bo número de arquivos municipais (entre eles os da Coruña, Ferrol e Vigo).
Entre os fondos dixitalizados por completo figuran os dos irmáns da Iglesia, que inclúen documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses no ano 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o fondo de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. O Arquivo prevé incorporar proximamente a esta plataforma a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas.
Están xa dispoñibles en copia dixital, así mesmo, manuscritos como o do poema "Os pinos" (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal, da obra teatral O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid; ou o tumbo de Caión (1582-1787).
Tamén se poden ver e descargar imaxes e documentos procedentes dos arquivos da familia Pardo Bazán, de Manuel Casás, de Manuel Murguia, de Xosé Neira Vilas, de Gala Murguía, de Sofía Casanova ou de Manuel Curros Enríquez.
No Arquivo online atopamos documentación e imaxes da diáspora, nomeadamente de actos das sociedades galegas en Arxentina. Tamén relacionados coa Guerra de Marrocos. E un bo número de imaxes da cidade da Coruña, procedentes de diferentes épocas.
"O cambio facilita a consulta do Arquivo da RAG á comunidade investigadora e a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas, e con el a institución avanza no seu compromiso coa divulgación do legado que preserva", destaca a Academia. "Desde esta nova plataforma, os usuarios poden xa acceder á copias dixital do 13 % dos documentos que custodia o Arquivo, que seguirá traballando para ofrecer cada día máis cun simple clic", engaden.