Venres de cantareiras: Xabier Díaz comparte dúas décadas de recolleita no ano das gardiás da tradición musical

Rosa e Aida Garrido, de Moscoso (Pazos de Borbén) interpretan un 'Canto de sachar o millo' en 1998, na primeira das gravacións compartidas por Xabier Díaz © Xabier Díaz / Remitida

O músico e investigador divulgará durante o ano das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras 54 gravacións realizadas entre 1989 e 2011 con cantareiras de todo o país

Durante máis de dúas décadas, entre 1989 e 2011, un grupo de compañeiros entre os que se atopaba o músico Xabier Díaz dedicaron tempos de lecer coma fins de semana ou vacacións de Nadal á recolleita. Á recolleita da nosa tradición musical e oral da man das súas gardiás, as cantareiras e tocadoras que este 2025 son protagonistas do Día das Letras Galegas.

Cadrando con esta homenaxe, o músico e investigador vén de decidir compartir unha parte dese inmenso patrimonio, composto por máis de 500 entrevistas. Xabier Díaz escolmou un total de 54 que compartirá a través das súas redes sociais cada venres de 2025. Un venres de cantareiras que, explica, "busca achegar o patrimonio cultural galego ao público" demostrando "que a tradición segue viva" e pode continuarse "ampliando esa escola de vida" que tanto o marcou.

Rosa e Aida Garrido, de Moscoso (Pazos de Borbén) interpretan un 'Canto de sachar o millo' en 1998, nunha das recolleitas compartidas por Xabier Díaz

Porque para Xabier Díaz aquelas recolleitas supuxeron "unha auténtica revelación". "Os que estabamos no folclore pensabamos que era unha sorte de testamento da tradición" pero decatáronse de que non era tal. "Era algo que estaba vivo, que fluía, que estaba en permanente transformación, como segue estando ata o día de hoxe". O primeiro vídeo compartido achéganos a Moscoso (Pazos de Borbén) con Rosa e Aida Garrido a cantar un Canto de sachar o millo en 1998.

"Pensabamos que eran un testamento da tradición, pero era algo que estaba vivo", resalta Xabier Díaz sobre a "escola de vida" que para el foi o contacto coas cantareiras, cuxa homenaxe "no pode chegar en mellor momento, nun tempo no que as herdeiras daquelas mulleres son as protagonistas dun novo rexurdimento da música de noso"

As gravacións levárono en sentido extenso por todo o país, con paradas reiteradas en parroquias "especialmente fértiles" de Bergantiños, Mondariz, Soutomaior ou o sur de Ourense e tamén achegamentos a puntos dos Ancares Leoneses, de Zamora ou Asturias. Cada achegamento era unha nova descuberta de "novos nomes de cantareiras, bailadoras e bailadores e músicos, alimentando unha rede de coñecemento" que chega aos nosos días.

Nestas pezas audiovisuais atoparemos "instrumentos característicos de cada zona", detalla Xabier Díaz. Dende as tixolas ourensás ás latas máis empregadas en zonas da montaña, das pandeiras ancaresas aos pandeiros máis comúns en Pontevedra. "A publicación destas mostras -explica- é unha sorte de homenaxe, de celebración e de gratitude polo que toda esa xente nos regalou" e tamén "un xeito de perpetuar a súa xenerosidade".

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, na presentación do seu disco 'Axúdame a sentir' (2024) © Carlos Abal

A parte pública da colección, sinala, foi elaborada con "todo o cariño e respecto" e coa intención de "destacar o papel das mulleres na transmisión oral e musical ao longo das xeracións". Non é, en todo caso, unicamente unha homenaxe. "Tamén é un elo máis na cadea de transmisión cultural" nunha celebración que "non pode chegar en mellor momento", agora, nun tempo "no que as herdeiras daquelas mulleres que tocaban a pandeireta coa man e co puño son as protagonistas deste novo rexurdimento da música de noso".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.