Como arquivar a tradición oral? Á procura de "boas prácticas legais e éticas"

Teresa, Prudencia, Manuela e Adela en Mens (1982) © Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

O programa 'A cultura é un dereito' da Deputación da Coruña xunta voces expertas da música, o dereito e os arquivos nas xornadas 'Traducir a tradición'

Traducir a tradición. É o lema baixo o que, do 19 ao 21 deste mes de marzo, a sede da SGAE en Santiago vai acoller as xornadas que abordarán "necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles".

No marco do programa A cultura é un dereito, da área cultural da Deputación da Coruña, a cita pretende "colocar o noso patrimonio oral, os saberes comunais transmitidos de xeración e xeración, construídos colectivamente, na creación musical contemporánea", resume a súa responsable, a deputada Natividade González. E cómpre, engade, atender a "todo o que isto implica en canto a distribución, visibilidade e comercialización".

Rosa e Aida Garrido, de Moscoso (Pazos de Borbén) interpretan un 'Canto de sachar o millo' en 1998, nunha gravación compartida por Xabier Díaz © Xabier Díaz / Remitida

"É evidente -agrega González- que hai un debate aberto sobre a propiedade e o recoñecemento de toda a cadea, pero tamén sobre a xestión emocional deste momento histórico que estamos a vivir en torno á música tradicional". Máis aínda no ano no que as cantareiras e a música popular centran o Día das Letras Galegas.

As xornadas, que culminarán coa presentación do 'Cancioneiro galego serodio' de Xabier Díaz, teñen as inscricións abertas ata este 18 de marzo

Coa música, produtora e xestora cultural Aitana Cuétara como comisaria do ciclo, as xornadas Traducir a tradició combinan intervencións como as das pandeireteiras Antía Vázquez e Pedro García con intervencións en clave legal, coa avogada Ania González, ou etnomusical, con Xulia Feixóo. Estas disciplinas e outras confluirán tamén nunha mesa redonda sobre as boas prácticas neste eido no que as devanditas relatoras conversarán co etnomusicólogo Jaume Ayats, eo editor de aCentral Folque, Ramom Pinheiro.

Análises sobre a cultura local no mundo global, sobre as boas prácticas á hora de recoller a tradición oral ou sobr a xestión dos arquivos da música de tradición oral centrarán tamén unhas sesións que, na súa xornada final, xuntarán a Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, institución responsable do Arquivo do Patrimonio oral da identidade; co compositor e mestre Quique Peón e mais con Rubén Troitiño, do proxecto Músicas da Terra de Montes.

Estrella, veciña de Mazaricos, informante do Cancioneiro, canta para Dorothé Schubarth © Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

As xornadas culminarán, o venres 21 ás 19h, coa presentación do Cancioneiro galego serodio (1989-2012) de Xabier Díaz. As inscricións nas xornadas están abertas no sitio web da área de Cultura da Deputación coruñesa ata este 18 de marzo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.