A sesión inaugural acolle a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras, coa colaboración da artista visual Arancha Brandón
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) abre este martes a súa XXI edición, que ten nas redeiras unhas das grandes protagonistas. A MICE desenvolverá ata o 15 de marzo unha programación que combina cinema, pensamento e procesos de creación arredor da antropoloxía visual e das prácticas contemporáneas do rexistro do real.
A sesión inaugural, o martes 10 de marzo ás 20:30 horas no Teatro Principal, acollerá a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras, coa colaboración da artista visual Arancha Brandón. A obra constrúe unha experiencia sonora e visual baseada nos sons do propio traballo —o manexo das redes, as conversas, os silencios e o mar— e propón unha aproximación sensible a un oficio historicamente feminizado que durante décadas formou parte inseparable da vida dos portos galegos.
A inauguración complétase coa proxección de Psicoxeografía de Santiago de Comfiostela, unha peza de cinema experimental realizada no marco do obradoiro de iniciación ao cinema en 16 mm impartido por Pablo Useros e desenvolvido coa financiación da ECAM. Durante a semana previa ao festival, as persoas participantes achegáronse ao formato fotoquímico mentres percorrían e filmaban a cidade, construíndo colectivamente unha película sobre Santiago que será proxectada tamén en 16 mm na propia sesión inaugural.
A inauguración complétase coa proxección de Psicoxeografía de Santiago de Comfiostela, unha peza de cinema experimental realizada no marco do obradoiro de iniciación ao cinema en 16 mm impartido por Pablo Useros
Cinema e territorio
Dende a súa creación, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego consolidouse como un dos espazos de referencia para o cinema etnográfico e a antropoloxía visual no ámbito estatal. A programación desta edición reforza esa identidade, situando o festival como un lugar de encontro entre creación cinematográfica, investigación e pensamento crítico arredor das formas de representación do territorio e das comunidades.
Ao longo da semana, a MICE desenvolverá as súas seccións competitivas, nas que once películas dialogan coa antropoloxía visual e coas distintas formas contemporáneas de aproximación ao real.
Ao longo da semana, a MICE desenvolverá as súas seccións competitivas, nas que once películas dialogan coa antropoloxía visual e coas distintas formas contemporáneas de aproximación ao real
A Sección Galicia, que poderá verse o mércores 11 de marzo ás 20:30 horas no Teatro Principal, ofrece un percorrido polas direccións que está a tomar o cinema galego actual. Títulos como El cuerfio de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada Negra, de Berio Molina; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo compoñen unha sesión na que conviven propostas que se moven entre o ensaio audiovisual, o cinema sensorial ou a reflexión simbólica sobre o territorio.
Pola súa banda, a Sección Internacional, celebrarase o xoves 12 e o sábado 14 de marzo ás 20:30 horas tamén no Teatro Principal.
As miradas femininas ocupan un lugar central na programación da MICE, con nomes como Bea Lema, Sabrina Fernández Casas, Diana Toucedo, Maureen Fazendeiro, Laura Gonçalves, Alexandra Ramires ou Emilia Auhagen-Kuoppamäki
As miradas femininas ocupan un lugar central na programación da MICE, con nomes como Bea Lema, Sabrina Fernández Casas, Diana Toucedo, Maureen Fazendeiro, Laura Gonçalves, Alexandra Ramires ou Emilia Auhagen-Kuoppamäki.
Dixitalización de arquivos caseiros
A programación inclúe tamén Home Movie, un estudo de investigación e creación centrado no cinema doméstico que traerá ao festival un servizo de dixitalización gratuíta de arquivos en formato Super 8.
A programación inclúe tamén Home Movie, un estudo de investigación e creación centrado no cinema doméstico que traerá ao festival un servizo de dixitalización gratuíta de arquivos en formato Super 8
A actividade desenvolverase o 12 de marzo no Museo do Pobo Galego, en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas. Durante esa xornada, o equipo de Home Movie recibirá a todas as persoas que se acheguen coas súas películas familiares para realizar unha primeira dixitalización do material. Ademais, ofrecerán pautas prácticas de preservación doméstica, con recomendacións sobre almacenamento, manipulación segura e coidados preventivos que permitan prolongar a vida destes arquivos nas casas da veciñanza.
O obxectivo é poñer á disposición da cidadanía os medios técnicos necesarios para viaxar pola memoria a través das súas propias imaxes familiares. Como peche da experiencia, cada participante poderá dixitalizar ata 15 metros de metraxe e levar consigo unha copia dixital dunha das súas películas.