Co que cantaban, as cantareiras reivindicábanse de maneira grupal. Entendíanse e mostraban un compañeirismo que pon a proba a nosa mirada sobre elas. Paula Carballeira, María Lado, María Jorge da banda Caldo e Anxo Iglesias comparten o seu enfoque da poesía popular oral no Día das Letras Galegas
“Son mulleres alegres coma cunchas. Están decote coa pandeira dálle que dálle nas mans e non paran de tocar”, di Manuel Cajaraville, da agrupación Aturuxo, sobre as Pandeireteiras de Mens, na reportaxe documental de Tareixa Navaza para TVE emitida en 1983. Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda formaron parte deste grupo de tocadoras de Mens, Malpica, que un día, xa de vellas, subiron aos escenarios.
O mesmo lle pasou a Eva Castiñeira, de Agranzón, en Muxía, que traballaba na casa dun dos socios da discográfica Ruada, que a escoitou cantar e quedou sorprendido co seu talento. Por iso acabou colaborando con Milladoiro, foi a primeira tocadora en acompañar en directo a un grupo folk galego.
“Empezou a cantar dunha maneira que eu non lle escoitara a ninguén”, conta o músico Richi Casássobre a súa avoa, Rosa Casás, que xunto á súa sobriña Adolfina Casás foi unha das mellores informantes de Dorothé Schubarth para o Cancioneiro popular galego, que elaborou coa axuda de Antón Santamarina. “Lembro que me preguntei se iso era algo que só facía a miña avoa ou o faría máis xente”, engade.

“As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto”, asegura a académica Ana Boullón Agrelo, impulsora da candidatura da poesía popular oral para o Día das Letras Galegas.
"O bonito da oralidade é que dá vida de novo, temos que aproveitar este ano para que o que quedou na escrita volva ser oral e se siga transmitindo", salienta Paula Carballeira
Este ano é difícil non decatarse de que chega o 17 de maio, as actividades son tantas, tan variadas e tan espalladas polo país que practicamente toda a poboación ten algún plan relacionado con esta celebración a tiro de pedra da casa. “Non debe haber unha soa muller que saiba tocar a pandeireta que non teña un bolo este mes”, ironiza a poeta María Lado, encargada de recoller o legado das cantareiras e achegalo ás lectoras a partir de once anos co libro Canta, miña compañeira (Xerais), que leva na cuberta a ilustración de Xiralúa que ilustra esta reportaxe.
Paula Carballeira traza un fío condutor entre as cantareiras do pasado e do presente do país na peza teatral As ferreñas, escrita para a iniciativa da Academia Primavera das Letras, que conta coa axuda da Deputación da Coruña, e as ilustracións de Nuria Díaz. “Quería dar unha mensaxe de esperanza, de alegría para o futuro. Ás veces cando falamos de tradición pensamos que é cousa do pasado. Pero a tradición ten que estar viva, doutra forma, non existiría o presente. Estas mulleres crearon poesía oral e mantiveron viva unha parte fundamental da nosa cultura como pobo”, asegura Carballeira, que vive de “contar contos” e foi recoñecida en 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática.
“Semella que sempre estamos como secundarias na Historia, así que xa vai sendo hora de que nos deixen ocupar o noso lugar. Que este ano lle dean o protagonismo ás cantareiras é moi merecido. Ademais, son moitas as mulleres que están traballando nese novo aire da música tradicional, achegando unha visión contemporánea: O que non fai se non demostrar que estas músicas están vivas”, engade Carballeira.
Paula Carballeira non pode deixar de apuntar a importancia da oralidade, porque di que é necesario que haxa un arquivo, e pon en valor o labor ímprobo de Dorothé Schubart e Antón Santamarina co Cancioneiro popular galego, mais defende que “a oralidade ten que existir”. Por iso, As ferreñas pode converterse nun programa de radio ademais de ser teatro.
"Quería facer un xogo para situar no mapa o que é Galicia e como somos as xentes de aquí", sinala Anxo Iglesias sobre o seu poemario 'Tacón, punta, tacón'
“O bonito da oralidade é que dá vida de novo, temos que aproveitar este ano para que o que quedou na escrita volva ser oral e se siga transmitindo. Debemos celebrar que temos unha cultura viva, unha cultura que nos fai estar no mundo doutra maneira”, asevera.
“Eu pretendía achegar a vida das cantareiras, trazando tamén un debuxo do momento no que elas viven e como é a Galicia na que nacen, medran e se converten en mulleres con certa presenza pública como cantareiras”, explica María Lado, quen aproveita para salientar o papel da oralidade na cultura galega: “Durante tres séculos a oralidade era o único que había”.
En Canta, miña compañeira, María Lado introduce curiosidades como a maneira de construír un instrumento que fai súa nai todos os veráns para as crianzas da familia, a historia dunha muller gaiteira ou mesmo un conto tradicional que lle contaba o seu bisavó e que aprendeu anos despois grazas a Celso Fernández Sanmartín.

Nas presentacións do libro, Lado está a atopar xente que di estar moi lonxe do cantigueiro popular, mais despois resulta que todos saben os catro primeiros versos dos poemas de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, que son precisamente os populares, os que non son de Rosalía.
O grupo de música Caldo, que bebe directamente da música tradicional e a leva ao seu terreo, tamén quixo participar da transmisión deste patrimonio ás xeracións máis novas. Faino a través do conto Dinguirindiña (Cumio), a historia de Saleta, a pandeireta, que nos ensina os ritmos tradicionais para todos os públicos.
"É a nosa responsabilidade mudar as letras para poder identificarnos realmente con elas, para que poidan identificar o momento vital no que nos atopamos", di María Jorge, de Caldo
Anaïs Barbier (voz e pandeireta), María Jorge (violín) e Pedro Fariñas (guitarra) publicaron un primeiro álbum como Caldo no que non se atreveron a modificar practicamente as letras das coplas populares. No seu segundo traballo, Lugar A Ponte, intensifican a experimentación e crean a maioría das letras. Iso sen deixar de acudir aos cancioneiros e arquivos como o do APOI do Museo do Pobo ou mesmo o do músico Xisco Feijoó, mestre na ETRAD, a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional, que recolleu moitas cantigas polo sur do país.
Dinguirindiña é unha palabra que serve para seguir o ritmo da muiñeira e, como o de Caldo é a música, ademais do libro fixeron unha canción [que podes escoitar sobre estas liñas], que é unha muiñeira, coa mesma protagonista que ilustrado Ro Ledesma no conto. “As melodías non teñen por que estar descontextualizadas, pero as letras en moitos casos si e é a nosa responsabilidade mudalas para poder identificarnos realmente con elas, para que poidan identificar o momento vital no que nos atopamos agora”, debulla María Jorge.
A casualidade quixo que fose este ano, coincidindo coas celebracións das Letras, cando saíse publicado outro libro Tacón, punta, tacón (Xerais), de Anxo Iglesias, que non foi pensado para acompañar os festexos propostos pola RAG, pero que demostra a boa saúde da música e da poesía populares. Un libro pensado para a cativada que engancha polos xogos coas palabras, amplificados polas ilustracións de Laura Romero.
“A intención do libro é poética, que nenos e nenas lle perdan o medo á poesía, que para min é un refuxio e me axuda a atopar as palabras. Eu quería facer un xogo para situar no mapa o que é Galicia e como somos as xentes de aquí. Iso fai que conecte coa tradición”, detalla Iglesias, que fala de Elisa e Marcela, Teresa Portela ou Iago Aspas, as Tanxugueiras e conta coa colaboración do xornalista da Radio Galega Roberto Carballo e da compañía teatral A Panadaría, entre outros.
O humor, a retranca e incluso a picaresca dalgunhas coplas. Os piques entre tocadoras. O compañeirismo sempre na base. Entre elas entendíanse, avisábanse, sabían do que estaban a falar. A súa realidade, naqueles tempos de forma máis extrema, era moi diferente á dos homes. Co que cantaban, estas mulleres reivindicábanse de maneira grupal. Unha mirada cargada de prexuízos podería ver nelas o atraso, pero nada máis lonxe da realidade. “Temos que utilizar o enxeño para darlle a volta ao atraso”, destaca Paula Carballeira.