Teresa dos Cucos, Felisa Segade, Sés, Mercedes Peón, Beatriz Busto, Branca Villares, Lupe Blanco, Xiana Lastra e as Lilaina, entre outras, participan no documental 'Lévame a idea'
Unha ollada feminista sobre a cultura tradicional galega uniu a Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso, que se marcaron o obxectivo de recolocar o foco para ver de onde parte a tradición e quen foron as súas iniciadoras e mantedoras. O resultado é o documental Lévame a idea, producido por Navíos e Folerpas, que a través de múltiples entrevistas fía unha historia colectiva de resistencia que queren dar a coñecer.
Mulleres de distintos eidos, como o musical, académico, divulgativo, artístico ou antropolóxico aportan a súa testemuña nun momento de vital importancia: o foco está posto nas cantareiras grazas á homenaxe das Academia nas Letras Galegas deste ano, e Varela, Villares e Siso queren que a realidade destas mulleres e o seu papel na nosa identidade colectiva como país chegue a toda a sociedade. Para iso, contan con Teresa dos Cucos, Baselisa Romay, Carme de Tines, Felisa Segade, Sés (Mª Xosé Silvar), Mercedes Peón, Xulia Feixoo, Beatriz Busto, Branca Villares, Felicidad Casás, Lupe Blanco, Isabel Vigo, Lola López e Isolina Rodríguez, Malvela, Xiana Lastra, as Lilaina (Andrea, Alejandra, María e Mariana Montero), Eva Fernández e Julia Marín.
"Independentemente de onde vivas, ou de onde nazas, é a nosa identidade"
"Cando pensamos no tradi é case imposible que non nos veñan directamente moitos nomes masculinos á cabeza e queriamos mudalo. Claro que hai nomes masculinos que quixeron recuperar a tradición, pero é que elas son a tradición, o que se vai recoller despois non existiría sen elas. Non lle podemos negar a eles que tiveron un traballo de recollida, pero son elas as que son as transmisoras. E hai moitas mulleres que seguiron buscando, creando, facendo e que consideramos que non teñen o recoñecemento que se merecen", explica Laura Varela.
"Independentemente de onde vivas, ou de onde nazas, é a nosa identidade. Esta xente cantaba e bailaba para todo: para festexar, para pasar o rato, para durmir un meniño... O que nos chega hoxe en día en forma de música, de poesía, de canción ou de libro é o que facían elas, principalmente elas, non eles. Paréceme que isto é o que hai poñer en valor, porque eran persoas na súa maioría analfabetas, que non puideron acceder ao ensino, coma a miña avoa. Todo iso que hoxe sabemos que era a nosa cultura, e os nosos costumes, é grazas a elas. Iso é a nosa identidade", engade.
"Diso tamén vai este documental: de que as mulleres recuperen os espazos públicos que durante tanto tempo lles foron negados"
Presentaron o documental o pasado marzo nun ateigado auditorio de Vilalba e este mércores levárono á Casa da Cultura de Malpica, onde dúas das protagonistas veciñas de Seaia, Teresa dos Cucos e Carme de Tines, reencontráronse tras máis de trinta anos e puideron verse –tamén– na pantalla. “Diso tamén vai este documental: de que as mulleres recuperen os espazos públicos que durante tanto tempo lles foron negados”, escribiron as autoras de Lévame a idea na conta de Instagram desde a que están divulgando a película.
As seguintes datas confirmadas para ver o documental son o 29 de abril na Filmoteca de Galicia, na Coruña; o 2 de maio no auditorio de Carballo; o 16 de maio na asociación A Rumboia de Abadín, na Casa da Cultura de Burela e na asociación Artabria de Ferrol; o 17 de maio na asociación Vai ranhala meu de Narón; e o 6 de xuño na VIII Foliada da Pontenova. Traballan para que chegue a todas as agrupacións, asociacións e concellos do país interesados en proxectalo, pero o seu maior desexo sería que chegase a verse nos centros de ensino.
"Se nos criamos nunha a sociedade que non valora este tipo de tradición é normal que os fillos e as fillas desa sociedade non reparen nisto. Ao final, case nin é unha postura individual, porque eu, por exemplo, entrei en contacto con esta música porque no seu día a miña nai considerou que con tres aniños me tiña que levar a unha asociación de música tradicional, pero realmente na miña familia non había ninguén que soubera cantar, tocar a pandeireta nin nada. Se non tes ningún referente, e a sociedade non mostra nada do valor que ten isto, é normal que nin repares na súa existencia. É triste, e non é culpa deses nenos ou nenas, é culpa de quen decide que isto non ten valor. Pero aí estamos, indo en contra", debulla Vanesa Siso, mestra de pandeireta e parte da agrupación as Lambe Lambe xunto a Iria Villares.
As súas creadoras queren que esta película documental, producida de maneira totalmente independente, funcione como un convite á reflexión e ao diálogo. Iria Villares razoa que hai unha burbulla do tradi á que permanece allea gran parte da sociedade galega, e que, a causa disto, pode chegar a parecer que a tradición oral e musical non é de todas e todos. "Para conservar a nosa cultura e o noso idioma é fundamental que a xente empece a amar todo isto que forma parte da cultura popular. Gustaríame que con este documental conseguísemos devolvervos o que é voso e facervos ver un mundo que tamén é voso. Vale, o reggaetón está moi ben, ou non, pero o noso é isto; pódeche gustar máis ou menos, pero tamén é teu", incide Villares.
"Toda a invisibilización e infravaloración pódese resumir nesta perspectiva clasista de que son as da Sección Femenina as que descobren as mulleres pandeireteiras"
Entre outras cousas, no documental a etnomusicóloga Beatriz Busto, autora do libro Pandeireteiras de Mens, o grupo no que se centra a homenaxe das Letras Galegas este ano, lembra que estas mulleres foron 'descubertas' pola Sección Femenina da Falange Española durante a ditadura franquista. "Toda a invisibilización e infravaloración pódese resumir nesta perspectiva clasista de que son as da Sección Femenina as que descobren as mulleres pandeireteiras e as colocan nun palco para poder actuar e ensinar esa música que ven como algo folclórico", apunta Vanesa Siso.
Siso describe a teoría de Beatriz Busto, que emprega o concepto do "extractivismo" para contar como desde a Galicia urbana foise á aldea a recoller ‘material’ para despois compoñer un repertorio e poder "competir" con outras agrupacións. "Dentro do mundo da música tradicional pensamos que o estamos facendo ben polo simple feito de tocar música tradicional, e se cadra nós tamén temos que revisar que estamos facendo e como. As protagonistas son elas, non somos nós. Que se queiran crear, a partir da tradición, coplas e melodías é fenomenal porque bebemos desas fontes, pero debemos saber de onde parten e darlle o valor á raíz", defende Vanesa Siso.
Aínda que celebran a 'explosión' da música tradicional que estamos a vivir, teñen moi presente que é necesaria a supervivencia das agrupacións de base para que perviva a transmisión da nosa cultura
Na mesma liña, Iria Villares destaca que isto tamén está relacionado co machismo, que está presente en moitas coplas, o cal non significa que haxa que reproducilas así hoxe. "Branca Villares explica no documental que moitas veces somos responsables e está na nosa man que isto cambie, porque as que soben a un escenario a cantar esas coplas hoxe en día somos nós. Son coplas e cantares que agora están sacados do seu contexto, e nós temos a oportunidade de subir a un escenario a cantar as letras revisadas", asegura.
En Lévame a idea as protagonistas van cedéndose a palabra unhas ás outras sen sabelo, as autoras salientan que todas ían tocando os mesmos temas, cada unha desde o seu enfoque, o que lles permitiu ir fiando a película a partir dos seus discursos. Para darlle continuidade ao expresado no documental, pedíronlle a cada entrevistada unha reflexión sobre como ve o futuro. Aínda que celebran a 'explosión' da música tradicional que estamos a vivir grazas ás Tanxugueiras ou ás Fillas de Cassandra, teñen moi presente que é necesaria a supervivencia das agrupacións de base para que perviva a transmisión da nosa cultura.