"Agora vou cantar eu que xa hai que non cantei": o CCG acompaña as Letras cun libro que é unha foliada

Ilustracións realizadas por Cestola na Cachola dalgunhas das cantareiras destacadas no libro ©

A obra busca servir de homenaxe “a todas aquelas mulleres que cantaron, tocaron e bailaron, e mantiveron en circulación a nosa cultura popular e aseguraron a súa supervivencia”

O Consello da Cultura Galega presentou este mércores Agora vou cantar eu, a publicación conmemorativa da institución para o Día das Letras Galegas, un libro coordinado e editado pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes que busca servir de homenaxe “a todas aquelas mulleres que cantaron, tocaron e bailaron, e mantiveron en circulación a nosa cultura popular e aseguraron a súa supervivencia”, como destacou na súa presentación a coordinadora da obra.

O libro divídese en dúas partes ben diferenciadas: por unha banda, unha escolma de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que se mergulla no Cancioneiro popular galego e selecciona textos recollidos nos anos oitenta por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina. E unha outra parte, de carácter transmedia, que inclúe unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) e un especial web con audios e algún vídeo para ver e escoitar as catorce cantareiras e seguir os textos a través das transcricións.

As doce ilustracións de Cestola na Cachola de mulleres informantes seleccionadas por Beatriz Busto © CCG

A primeira parte da obra, dedicada “ás portadoras do lume”, está formada por unha colección de doce ilustracións de mulleres informantes seleccionadas por Beatriz Busto e outras tantas gravacións

O libro, en palabras da vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, “recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo”. O libro pódese descagar nesta ligazón.

A primeira parte da obra, dedicada “ás portadoras do lume”, está formada por unha colección de doce ilustracións de mulleres informantes seleccionadas por Beatriz Busto atendendo a criterios de relevancia musical, vocal e social, á variedade de músicas e textos que representen a riqueza da produción oral, lírica e musical galega, e na procura do equilibrio territorial.

As mulleres retratadas por Xoana Almar e Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, son Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos (Pandeireteiras da Alén, Ourense), Rosa de Moscoso (Pazos de Borbén, Pontevedra), Concha de Luneda (A Cañiza, Pontevedra), Felicia de Fofe (Covelo, Pontevedra), Josefa de Mongarillo (A Fonsagrada, Lugo), Josefa de Bastavales (Brión, A Coruña), Áurea de Laxoso (Ponte Caldelas, Pontevedra), Dolfina de Añobres (Muxía, A Coruña), Estrela do Marmito (Dumbría, A Coruña), Inés de Naipes (Cervantes, Lugo) e Ilda Álvarez Macía (Folgoso do Courel, Lugo).

O libro, en palabras da vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, “recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo”.

Inclúense doce gravacións, das que catro pertencen ao programa Alalá do arquivo da CRTVG; tres forman parte da colección D. Schubarth-A. Santamarina depositada no Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, e as cinco restantes foron cedidas por compiladoras ou compiladores individuais ou por institucións para esta publicación (Luís Prego, Leni Pérez, Xerardo Fernández Santomé, Xosé Lois Foxo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega).

A segunda parte é un estudo crítico arredor da oralidade a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto, que reflexiona sobre o feito de que a poesía popular oral ten un dobre proceso: un de creación e composición individual e outro de recreación colectiva "no que interveñen dinámicas que teñen que ver co préstamo cultural, coa solidariedade na composición e coa improvisación". E que, ademais, non se pode desligar da música nin tampouco do baile. 

O libro inclúe unha escolma de 94 cantareiras a partir do corpus do Cancioneiro popular galego, unha antoloxía que "é en certo modo unha foliada"

"O que querían todas estas mulleres era bailar. Pero para poder bailar precisábase que alguén se ocupara de cantar, e así íanse facendo as remudas", di a autora, que engade: "para min este canto é coma un lume, que debe ser coidado para que non se esgote".

A seguir, a coordinadora do libro realiza unha escolma de 94 cantareiras de toda Galicia partir do corpus do Cancioneiro popular galego, unha antoloxía que "é en certo modo unha foliada", destaca, xa que as coplas están agrupadas seguindo unha estrutura: "as que abren o corpus son as que activan o baile mentres que as que falan do cansazo, da chegada da noite, do desexo ou da despedida son as que o pechan, e polo medio moita música, baile e poesía".

"O que querían todas estas mulleres era bailar. Pero para poder bailar precisábase que alguén se ocupara de cantar, e así íanse facendo as remudas", di a autora, que engade: "para min este canto é coma un lume, que debe ser coidado para que non se esgote"

"Agora vou cantar eu que xa hai que non cantei", comeza a copla que abre a escolma, achegada por Inés, de San Paio (Maside) en 1979. Un percorrido poético que subliña o peso do colectivo ("Axúdame compañeira a face-la fuliada porque si ti non m’axudas eu sola non valgho nada"), no que se van introducindo voces e instrumentos ("Aghora que me puxeron a pandeireta na manhe se me peta na cabeza tocarei hasta mañánhe") e que sempre remata no baile ("Baila queridiño baila ca me dá ghusto en te vere o donairo do teu corpo chegha ben pra te mantere").

O estudo de Beatriz Busto Miramontes péchase cunha reflexión. Despois de celebrar a importancia do Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, sinala que "hoxe, 40 anos despois, fica case todo por facer. As investigacións e publicacións que se desenvolveron e reconstruíron os relatos de vida de cantadoras e tamén os 40 traballos que desenterraron —no sentido máis arqueolóxico— os seus nomes, as súas voces, a súa poesía, os seus xeitos de tocar e bailar e as súas características musicais son tan poucos que non podemos escribir case nada".

"Oxalá que a dedicación deste 2025, lonxe de ser considerada como un punto e final dunha negación histórica", di Busto

"Oxalá que a dedicación deste 2025, lonxe de ser considerada como un punto e final dunha negación histórica, apunte a que só é o inicio do camiño da emenda; pois malia que o que sabemos o sabemos entre todas, apenas sabemos algo. Aínda que a dedicatoria servise unicamente para evidenciar isto e comezar a mudalo, xa serviría para algo", apunta a autora.

"Cantemos. Polo pasado que fomos, o presente que somos e o futuro que seremos: fillas e fillos da cantaruxeira", conclúe a autora

Busto remata cun chamamento a reivindicar e recuperar "o canto activo nas foliadas porque coidar do canto (e non só do baile) é coidar de que non se apague o lume". "Eran as mulleres as que aseguraban que ese lume festivo non se extinguise, mantendo o canto, aquendándose entre elas, coidando —solidaria e autoorganizadamente— de que todas e todos puidesen bailar", di, engadindo que "todas elas preferían bailar pero todas elas cantaban, facéndose cargo de que bailar fose posible xa que sen canto non hai baile. E o canto é poesía e melodía feitas un". "Cantemos. Polo pasado que fomos, o presente que somos e o futuro que seremos: fillas e fillos da cantaruxeira", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.