O acto central do Día das Letras Galegas, que se celebrará o 17 de maio en Malpica, incluirá o recoñecemento ás gardiás da tradición, personificado na homenaxe ás Pandeireteiras de Mens, e tamén mirará para as novas voces, coa actuación das Tanxugueiras nesta sesión extraordinaria da Real Academia Galega
Dende o momento en que a Academia anunciou que a edición 2025 das Letras Galegas ían estar dedicadas á A poesía popular oral e as cantareiras, fíxose fincapé en que a homenaxe miraba cara atrás -ás mulleres que "arrequentaron e transmitiron” a tradición- e tamén cara adiante, "ás novas xeracións de intérpretes e creadores actuais que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar".
O acto central do Día das Letras Galegas, que se celebrará o 17 de maio en Malpica, incluirá esta dobre dimensión de recoñecemento ás gardiás da tradición, personificado na homenaxe ás malpicás Pandeireteiras de Mens, e tamén de camiño aberto para as novas voces, coa actuación nesta sesión extraordinaria da Real Academia Galega das Tanxugueiras, "exemplo destacado dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade".
O pleno da RAG celebrarase no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños a partir das 12:30 horas e comezará coas alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; de Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende academia.gal.
O pleno da RAG celebrarase no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños a partir das 12:30 horas e comezará coas alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; de Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero
O programa, destaca a Academia, "reivindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos".
A sesión extraordinaria do 17 de maio será a segunda gran cita presencial do ano das Letras para a Academia, despois da presentación da nova edición de Primavera das Letras, o proxecto web para o público infantil, en Cerceda, concello natal de Rosa e Adolfina, que tivo lugar o pasado 10 de marzo. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral.
A terceira gran cita das Letras terá lugar no outono en Muxía. A terra de Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral
O día 17 repartirase entre os asistentes ao pleno extraordinario Por que non hei de cantar?, unha proposta do servizo de publicacións da Academia. A edición, ao coidado do musicólogo Manuel Rico Verea, poderase descargar tamén na web da RAG. O volume ofrece de maneira breve e didáctica unha aproximación ás recolleitas dos corpus da literatura popular de Galicia e á historia dos cancioneiros que reproducen as melodías tradicionais de Galicia, cunha primeira parte dedicada ás cantareiras homenaxeadas e unha final a Dorothé Schubarth.

As Pandeireteiras de Mens, protagonistas
De acordo cos seus estatutos, a Real Academia Galega personificou a celebración do vindeiro 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e dunha comarca, extraordinariamente rica no tocante á tradición oral e escenario de múltiples recollas en distintos momentos históricos.
Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral
O Boletín da Real Academia Galega recolleu dende os primeiros anos de vida da institución algúns destes traballos, entre os que destaca o Cancioneiro de Buño, composto por 84 coplas publicadas en varios números saídos do prelo entre 1911 e 1913. Todas elas foron escoitadas a Dolores Cancela Pérez, labrega de 17 anos natural de Buño, cuxa contribución facilitou que este herdo siga a ser interpretado por cantareiras e bailado en foliadas.
A comezos dos anos 80, Dorothé Schubarth recollería pola súa banda numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego. A musicóloga tamén visitou Muxía, outra terra especialmente fértil no que atinxe á cultura que une música e poesía popular oral, pero naquela altura había xa tempo que Eva Castiñeira vivía na Coruña. A súa voz, xunto á de Florencio da Fontaneira, o Cego dos Vilares, sería rexistrada para sempre no disco Recolleita Vol I (1981), ao coidado de Pablo Quintana e publicado polo selo Ruada.

A comezos dos anos 80, Dorothé Schubarth recollería pola súa banda numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego
A “descuberta” de Eva foi froito dunha afortunada casualidade, ao ela traballar como asistenta doméstica na casa de Martín Fernández Maceiras, un dos cofundadores da discográfica. Canda a súa irmá Engracia, Eva Castiñeira protagonizou outro fito do cancioneiro popular cando, no verán de 1981, as dúas compartiron escenario co lendario Milladoiro no pavillón de deportes de Riazor. Por primeira vez na historia, unhas pandeireteiras participaban nun concerto dun grupo folk.
Dorothé Schubarth é outra figura relevante nestas Letras Galegas como recompiladora de referencia: a etnomusicóloga suíza gravou, ordenou e catalogou os versos e as melodías que lles escoitou a preto de 600 informantes de todo o país entre finais dos anos 70 e os 80 do séculos XX. Co traballo que realizou en colaboración con Antón Santamarina, considerado a biblia dos cancioneiros, a estudosa foi quen de facer agromar “tempos novos para a lírica e a música de tradición oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega de cambios abruptos vividos durante o século XX”, valora Rico Verea.
As Letras, na Rede
A Academia tamén está a celebrar as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades
A Academia tamén está a celebrar as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades. Por unha banda, Primavera das Letras céntrase no público máis novo. Neste espazo pode descargarse a edición dixital da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. Na web tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras.
Así mesmo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais dende este luns en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estreará este mes varios episodios da serie O Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: A Vila da Igrexa, Cerceda, Mens, Malpica de Bergantiños e Muxía.