A Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal vólvense unir para celebrar o Día das Letras Galegas e o Día de Internet
Seres socia ou socio de Praza.gal implica contribuíres a poder ler cada día un xornal plural e en galego e a que outras persoas tamén poidan facelo. Ademais, dado que as cotas das socias e socios son doazóns á nosa editora, a Fundación Praza Pública, ata o 80% da túa achega anual vénche de volta na declaración da renda do ano seguinte. Así, por exemplo, unha cota mensual de 10 euros quédache nun gasto real de 2 euros.
A estas vantaxes e outras como ter un contacto máis estreito coa nosa redacción únese, un ano máis, a que trae consigo a alianza da Asociación de Medios en Galego, a provedora de servizos Dinahosting e a asociación PuntoGal noutra edición da campaña Subscríbete ao galego, que xunta a celebración do Día das Letras coa do Día de Internet, conmemoracións que cadran xuntas cada 17 de maio. Se te fas de Praza.gal no mes das Letras Galegas levas de balde por un ano un dominio .gal e mais un servizo de hosting.
A campaña Subscríbete ao galego estará activa dende o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e ata a fin do mes, o día 31. Todas as persoas que se dean de alta como socias e socios de Praza.gal (unha achega mensual mínima de 5€/mes, na modalidade de cota periódica, ou unha achega puntual de cando menos 60€, na modalidade de pagamento único) terán acceso de balde ao seu dominio web .gal e ao hosting en Dinahosting por doce meses.
Todas as persoas que se dean de alta como socias e socios de Praza do 17 ao 31 de maio recibirán o agasallo, valorado en 170 euros, mediante un código que poderán empregar ata o 30 de xuño
O agasallo está valorado en 170 euros. Ao remate da promoción, todas as novas socias e socios recibirán un código para inserilo ata o 30 de xuño no sitio web que indicaremos e, dende aí, obter o hosting e dominio gratis.
Un dominio .gal e un hosting web de balde permitirán ás persoas beneficiarias gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio e iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ningún investimento inicial. É "un xeito de impulsar a comunidade de creación de contido en galego e de fomentar a normalización do idioma en todos os ámbitos", salienta a Asociación de Medios en Galego.
A Asociación de Medios en Galego agrupa cabeceiras en todos os soportes no noso idioma dende 2013. Nesta acción vai da man de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego en internet, que tras unha década de andaina contabiliza xa máis de 7.000 dominios rexistrados. Dinahosting acumula máis de dúas décadas ofrecendo solucións para todo tipo de proxectos web e é o único rexistrador autorizado por ICANN en Galicia para a venda de dominios.