O coruñés Playa Club acolle este 7 de febreiro o acto central da celebración organizada pola Asociación de Medios en Galego baixo o lema 'A lingua que nos une'
A Asociación de Medios en Galego (Amega) organiza cada 7 de febreiro o Día dos Medios en Galego, cadrando co aniversario da considerada como primeira publicación periódica monolingüe no noso idioma, O Tío Marcos d'A Portela, en 1876. O Playa Club da Coruña é neste 2025 o escenario principal da celebración, que volve ter forma de concerto, desta volta con Leria e A Banda da Loba como protagonistas.
O lema A lingua que nos une acompaña este ano unha conmemoración que, resalta o presidente da Amega, Pablo García, pretende facer ver que "máis alá do noso labor inormativo, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, espazos e liberdade". Tamén, agrega, de que "ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información.
A xornada volve contar con apoio da Secretaría Xeral da Lingua. O seu titular, Valentín García, pon o foco en que o Día dos Medios en Galego procure xuntar as propias cabeceiras "con outra parte moi importante da comunicación, os receptores e receptoras". Neste sentido, García pon o foco en que Amega xunte máis dun cento de cabeceiras, "unha cifra que hai anos nos parecería incrible" e que, asegura, "nos obriga aos que temos responsabilidades públicas a seguir apoiando e a traballar na liña de que cada día sexamos máis", asegura.
O concerto de Leria e A Banda da Loba no Playa Club principia ás 21h30. As entradas, a 7 euros, están á venda n portal Entradium.
Cen medidas para o galego
Alén deste concerto, a Amega -da que forma parte Praza.gal- tamén encadra na súa celebración deste ano a "elaboración de cen medidas para mellorar a situación do galego". O proxecto inclúe unha recolleita aberta de propostas a través do web medidas.gal.
Accións coma esta, di Pablo García, pretenden amosar o "papel fundamental que os medios de comunicación teñen no avance da nosa sociedade, no fortalecemento da nosa democracia e como garantes de dereitos e liberdade". E, ao tempo, "que os medios en galego permiten escoitar, ler e ver o mundo dende a nosa propia identidade, sen filtros alleos que distorcen a nosa realidade". "Son a proba de que o galego é unha ferramenta de comunicación plena, válida e necesaria para o presente e para o futuro", agrega.