"A música é unha mestura dunha inquietude artística persoal cun labor social, e é moi militante"

A banda da Loba, nunha imaxe promocional de 'Lovismo', cunha identidade gráfica creada por Sonia García © Sonia García

A banda da Loba son Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás. Lovismo é o seu quinto álbum, once cancións unidas por un fío vermello desde o corazón. A presentación será nun concerto na Sala Capitol de Santiago este sábado, 1 de febreiro. Unha festa na que estarán rodeadas de artistas como De Vacas ou Tomé Mouriño (De Ninghures) e dos músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. Falamos con Xiana Lastra desta nova viaxe musical das Lobas

Quererse ben. Por que vos levaron por este camiño as cancións deste Lovismo?

Todo o ano pasado, no que estivemos sen subirnos aos escenarios, foi un momento para o grupo que estivo moi centrado nos coidados. Chegou unha nova lobiña ao cubil, que é a nena de Andrea, a nosa baixista. A guitarrista tivo que marchar da banda e houbo que buscar unha nova incorporación, o que supuxo un proceso de perda e de acompañamento que tamén nos levou a pensar cara a onde queriamos ir. Mereciamos un proceso compositivo máis calmado que nos permitise gozar desta parte do traballo. Estivemos moi centradas no autocoidado e no coidado entre todas así que decidimos que tiñamos que falar disto, porque ademais vivimos nunha sociedade que cada vez foxe máis dos afectos e da vinculación. Entón, quixemos que o disco falase do amor, pero dun xeito moi poliédrico desas caras do amor. Penamos que para querer aos demais é fundamental quererse a unha mesma, por iso esta idea tiña que estar aí.

A banda da Loba no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, onde rodaron o videoclip de 'Lova' © Sonia García

Un concepto case revolucionario para as mulleres.

Si, claro. Precisamente na canción Olliños contamos como non nos ensinan a xogar ao xogo do amor, non sabemos as normas; e moitas veces pensamos que o amor consiste na renuncia persoal e a entrega por completo á persoa que amas, porque é a idea do amor romántico que nos venden nas películas e a sociedade desde hai moitísimo tempo. Afortunadamente, cada vez a xente é máis consciente de que querer a outra persoa non quita de quererte a ti e de prestarte atención a ti mesma.

Dentro deses amores está o amor das amigas, que é a base a banda da Loba, non?

A amizade, a sororidade, o compañeirismo: a manda. É un vínculo moi importante que tiña que estar á hora de falar nós de amor.

"Cada vez é máis esixente e neste disco estamos intentando facer as cousas da maneira máis profesional e coidada posible"

Sendo o quinto disco d’A banda da Loba vivides coa mesma inquietude os días previos ao inicio da xira de presentación?

A inquietude diría que é a mesma. Eu penso que teño máis ou menos o mesmo nerviosismo, aínda que igual non que cando saíu o primeiro. Porque no primeiro vas moi a cegas, non sabes canta xente vas ter nos concertos nin que repercusión terá o grupo. Quizá agora é peor porque, ao ter xa unha traxectoria, con cada disco semella que tes que dar un pasiño máis. Cada vez é máis esixente e neste disco estamos intentando facer as cousas da maneira máis profesional e coidada posible. Estamos traballando moitísimo e expectantes por como se vai recibir este disco por parte do público nos directos. Nervios e ilusión a partes iguais.

No grupo todas tedes outros traballos que pagan as facturas, faise moi duro ter que compaxinar a música con outra vida laboral?

Hai xente que pode vivir só da música, e é unha sorte. Pero a min o que me parece complicado é manterse no tempo, converter a música nun traballo que che permita vivir toda a vida diso sen ter que preocuparte de cando chega a idade de xubilación. No noso caso o de ser músicas tamén é un pouco de militancia, é algo que fas porque che aporta a ti pero porque cres que aporta tamén aos demais. Só coas ideas que defendemos sobre a cultura, a lingua ou o feminismo desde A banda da Loba pensamos que é interesante que cheguen a quen nos escoite. A música é unha mestura dunha inquietude artística persoal cun labor social, e é moi militante porque invistes moito máis do que gañas, en tempo ou incluso en cartos.

Olga Novo, Luísa Villalta, Rosalía de Castro... as poetas están moi presentes sempre nas vosas cancións, como se escolleron os poemas que vos inspiran para as novas cancións?

Intentamos sempre musicar literatura e poesía porque, como dicía Xela Arias, é necesario sacalas da butaca do lector ou lectora e levalas a outros espazos. Moitas somos profesoras e queremos achegarlle á xente nova o que están facendo –e o que fixeron– estas autoras. Cremos que é necesario que as coñezan e desfruten da súa poesía, para iso intentamos achegarlla dunha maneira máis sinxela, porque sabemos que ás veces para a mocidade resulta máis complexo ler poesía. Neste disco contamos con Luísa Villalta e por iso publicamos antes esas cancións, para gozalas no seu ano das Letras.

E que pasa en Un pelouro que roda?

Pois é que Rosalía sérvese dese pelouro que vai rodando para falar do desexo feminino e parecíanos importante que estivese tamén no disco, aínda que realmente está composta para unha iniciativa que organiza todos os anos o Concello da Estrada para homenaxear a poeta. Xa no século XIX ela estaba falando de algo que hoxe en día é un pouco tabú. No disco completamos esta mensaxe coa canción A bachata da gata, inspirada no poemario Nós Nús, de Olga Novo, que tamén fala do desexo das mulleres.

Este 2025 o Día das Letras Galegas ten moita forza feminina, e moita sororidade, coa homenaxe a todas esas mulleres que preservaron e compartiron a nosa tradición oral a través das cantigas.

É de xustiza poñer no seu lugar a nosa literatura de transmisión oral. Creo que o recoñecemento da Academia é moi importante para poñer en valor esta literatura e a quen nola transmitiu.

"Segue a ser un disco súper heteroxéneo, con cancións moi distintas unhas das outras, no que explotamos novas sonoridades como a bachata ou o arrolo"

Dirías que este disco é máis pop?

Os nosos discos sempre son pop porque se nos preguntas que música facemos, que é difícil encaixala porque é moi diversa, si que a metemos dentro do paraugas do pop, pois a estética sempre bebe un pouco desa gran fonte. Ao mellor este disco pode ter unha estética aínda máis definida porque ten unha produción máis coidada –por parte de Arturo Vaquero, de Abrigueiro Estudios– e porque o violín, aínda que está presente no disco, está máis equilibrado porque agora tamén temos teclados e sintetizadores. Noutros aspectos non diría que é máis pop porque segue a ser un disco súper heteroxéneo, con cancións moi distintas unhas das outras, no que explotamos novas sonoridades como a bachata ou o arrolo. Pero sempre coa perspectiva de facer a música que queremos con total liberdade, tirando máis cara a un estilo ou cara a outro segundo a canción.

"En canto á escena musical, vexo que non se lle está dando visibilidade a outros estilos e grupos, que todo está máis concentrado"

Sempre presente o espírito de saír a bailar.

Sempre. O que intentamos é transmitir mensaxes profundas envoltas por melodías pegañentas que che fagan bailar ata que acabes interiorizándoas –iso esperamos–. Queremos que a música axude a que reteñas esas mensaxes desde a emoción, desde un sitio que te mova.

Atopastes máis problemas para conseguir directos con este disco tal e como está a escena musical?

É cedo para facer unha valoración obxectiva, temos bastantes datas de concertos ata o verán e penso que en festivais estaremos máis o verán seguinte. O que si vexo é que a escena galega está cada vez máis profesionalizada, e iso é moi bo, hai grupos que están tocando a un nivel que antes se daba en moi poucos casos; pero por outro lado creo que a escena está máis polarizada ca nunca: que eses grupos que se están profesionalizando e están a ter máis éxito son a maioría dun mesmo estilo –que é o que está de moda–, que é o neotrad, ou como lle queiras chamar. Iso é marabilloso porque se está a conquistar públicos novos, o que implica que a lingua galega está chegando a lugares aos que non chegaba antes, e que se están creando referentes para a xente nova que fan que vexan a nosa cultura e o noso idioma doutra maneira e o poñan máis en valor. Porén, en canto á escena musical, vexo que non se lle está dando visibilidade a outros estilos e grupos, que todo está máis concentrado. Na escena galega sempre houbo un mal que facía que uns grupos tocasen moito e outros moi pouco, e penso que isto está chegando ao extremo. Debera estar de man das administracións públicas, sabendo que temos unha escena tan rica e diversa, e con altísima calidade, que haxa espazo para todos os tipos de música.

Presentan 'Lovismo' o 1 de febreiro na Sala Capitol © Sonia García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.