A banda da Loba con "Bailando as rúas" e Salvador e Luísa Sobral con "Amar pelos dois" son as gañadoras do certame aRi[t]mar de música galega e portuguesa, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. Os votos populares escolleron ambas as dúas cancións por diante de De Vacas con "Amodiño" e Tiago Bettencourt con "Se me deixasses ser", que ficaron en segundo lugar; e de MJ Pérez con "Casandra", Ana Bacalhau con "Leve como uma pena" e Carolina Deslandes con "A vida toda", en terceira posición.
Estes premios, xunto cos de poesía, entregaranse a artistas e poetas gañadores na Gala aRi[t]mar 2018. Precisamente, a seguinte fase do certame consiste na escolla de poesías gañadoras, que se poderán votar desde mediados de abril até o 20 de maio.
A Banda da Loba, que se presenta como "Música con M de Muller", publicou a finais do pasado ano o seu primeiro disco, Bailando as rúas
A Banda da Loba, que se presenta como "Música con M de Muller", publicou a finais do pasado ano o seu primeiro disco, Bailando as rúas, que contén once temas a partir de textos de Rosalía Fernandez Rial ("Bailando as rúas" e "Nunca ninguén") e Celia Parra ("Tres segundos de memoria" e "Coma un blues") ou de Celso Emilio Ferreiro ("Ti e eu" e "Abrente"). Coincidindo co Día de Rosalía, o mes pasado, entrevistamos a Xiana Lastra, unha das súas compoñentes, que destacaba que "Temos moita sorte, porque a verdade é que no eido da poesía contemporánea temos un nivel enorme en Galicia". Pola súa banda Salvador e Luísa Sobral acadaron unha enorme popularidade a partir da participación de "Amar pelos dois" no último certame de Eurovisión, onde a canción representante de Portugal se fixo co triunfo.
Salvador e Luísa Sobral acadaron unha enorme popularidade a partir da participación de "Amar pelos dois" no último certame de Eurovisión, onde a canción lle deu o triunfo a Portugal
aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Participan tamén as comunidades educativas e sociais da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior.