O xornalista e profesor Álvarez Pousa recompila en Medios e políticos, baixo a sospeita 1990-2023 artigos e análises sobre a evolución da comunicación xornalística en Galicia e no mundo nas últimas décadas, nas que ve unha imposición do ruído fronte a información
Luís Álvarez Pousa (Trasmiras, 1948), xornalista, profesor de xornalismo e director da revista Tempos Novos, con máis de 25 anos de traxectoria, publica Medios e políticos, baixo a sospeita 1990-2023 (Laiovento), unha recompilación de artigos e análises escritos ao longo de máis de tres décadas de vida profesional que analizan a situación e evolución da comunicación xornalística en Galicia e no mundo. Unha evolución na que se foi impoñendo o ruído fronte a información e na que as redes e internet fan dos medios tradicionais, a xuízo do autor, "ao tempo vítimas -desactivan a súa función política de intermediarios- e cómplices -réndense ao sensacionalismo e deixan de preocuparse por interpretar o mundo".
A visión que transloce todo o libro é a dun progresivo empeoramento do papel do xornalismo como fiscalización do poder, que atribúe tanto ao ruído e inmediatez das redes e internet como ao control económico que os poderes políticos e económicos tentan exercer sobre os medios. Parece claramente un apocalíptico. Non nos pode dar unha visión máis integrada, recorrendo á dicotomía xa clásica de Umberto Eco entre apocalípticos e integrados sobre a cultura de masas?
Eu o que fago é utilizar moitas páxinas, cun itinerario temporal que abarca os últimos 33 anos da miña dedicación profesional ao xornalismo e a docencia universitaria, para demostrar o que o mestre Kapuściński sintetizou nunha frase cando lle deron un premio e dixo "cando se descubriu que era un negocio, a verdade deixou de ser importante". Isto é o auténtico trauma e a auténtica traxedia que está condicionando algo tan fundamental para as democracias como a existencia de medios plurais e independentes que contribúan a que a sociedade sexa máis consciente da realidade que a envolve á hora de tomar decisións. Por exemplo á hora de votar nunhas eleccións. Hai que constatar en primeiro lugar cal é o problema para buscar alternativas.
E que hai de positivo na evolución dos medios?
"A gran contradición é que tendo hoxe moitísimos más recursos, que permiten unha comunicación máis directa, pese a todo os medios están producindo un peor xornalismo"
Hai unha evolución, a revolución tecnolóxica, que vai facilitando moitas cousas á hora de que os medios de comunicación, tanto os grandes como os pequenos, poidan producir información de calidade. Non é igual cando tiñamos unicamente un teletipo para transmitir información que agora que podes utilizar o móbil para simultaneamente transmitir os acontecementos que están sucedendo. Os medios teñen moitísimos máis recursos dos que valerse para levar a cabo os seus obxectivos, que son de tipo social e político, non económico. A gran contradición é que tendo hoxe moitísimos más recursos, que permiten unha comunicación máis directa, pese a todo os medios están producindo un peor xornalismo. Están incumprindo aquelo para o que deberían ser útiles tantos recursos. Porque hai outras forzas e poderes que están aproveitándose doutras debilidades de tipo económico para instrumentalizar eses medios ao seu favor con obxectivos non de interese público senón de interese privado.
O libro relata como o poder político e económico tenta constantemente comprar o discurso mediático, en Galicia e no mundo, nos 90 e nos últimos anos. Pero para que iso pase, ten que haber xornalistas que se deixen comprar, que digan que si ao que lles ordena alguén. Por que nos deixamos comprar?
"Hai medios que abren unha porta á esperanza, porque están funcionando sen teren unha especial busca do negocio por riba do que é producir información, e temos que apoialos e gastar os nosos cartos neles"
Hai que falar de empresas que se deixan comprar. De empresas que están xestionando medios de comunicación. Son as que teñen unha relación directa con aqueles poderes de tipo económico ou político que necesitan tanto do seu favor, da súa información para usala en beneficio propio. Os xornalistas son os que están nun terreo de ninguén sen que teñan ningún tipo de defensa articulada ou legal que lles facilite ir contracorrente pese a que o empresario os estea presionando para que non cumpran co seu deber de intermediarios na xestión de información veraz. Distingo entre empresarios e xornalistas. É certo que hoxe hai determinado tipo de novas empresas de comunicación que abren unha porta á esperanza, porque están funcionando sen teren unha especial busca do negocio por riba do que é producir información. Nese sentido o voso propio modelo de Praza Pública é un modelo distinto [Praza.gal está promovido pola Fundación Praza Pública, sen ánimo de lucro]. Temos que apoiar esas empresas e gastar os nosos cartos nesas empresas que non se deixan comprar polos poderes económicos ou partidarios. Así que distingamos entre xornalistas e empresas que na medida en que entran nese tipo de negociación co poder político ou económico manteñen unha relación de tipo corrupta. Sería importante unha lexislación que permitise que os xornalistas en cada empresa teñan un estatuto interno que os libere de sancións que o propietario puidera marcarlles.
E que responsabilidade teñen os lectores? Non hai un desexo de ver ratificadas as propias ideas nos medios que lemos? Hai quen quere que lle conten só o que quere ler ou escoitar.
Efectivamente. Nun semanario estatal un comentarista, un intelectual de dereitas moi coñecido, Juan Manuel de Prada, escribía un artigo, Periodismo farlopero, no que acusaba ás dereitas españolas, e os públicos que seguen a determinados medios moi ligados á dereita, de ter unha grande influencia á hora de pasivizar e descontextualizar ante determinados acontecementos políticos. Di que cada vez hai máis xente que extraviou por completo o xuízo e que está fanatizada por antagonismos ideolóxicos que este tipo de xornalismo farlopeiro acirra porque garante un exército de zombis pero non de cidadáns. É certo que a xente moitas veces está buscando unicamente aquelo que vai coa súa maneira de pensar, e iso ten unha certa lóxica, pero o peor é que ao final esa xente acabe guiándose exclusivamente por un determinado tipo de xornalismo e se potencie un pensamento único. É certo que a xente agora mesmo está moi polarizada. Nese sentido ese tipo de audiencias está tamén deixándose facilmente seducir por aqueles que queren potenciar esa polarización, tanto por parte das dereitas, fundamentalmente, pero tamén por parte das esquerdas.
No libro insiste en que malia ter culpa o poder político de orientar as axudas económicas aos medios en función dos seus intereses e non dun xornalismo libre, os medios poderían afastarse delas se non elixisen voluntariamente hipotecarse. Hai mercado en Galicia para facer xornalismo sen depender das axudas públicas?
"Avalo que haxa unha corrente de axudas aos medios para garantir o pluralismo, que non haxa unha única cabeceira, pero sen sometelas a que todas digan o mesmo"
Eu entendo as axudas públicas de dúas maneiras. Unha cousa son as axudas que está obrigado a dar un goberno democrático para facer posible no caso da comunicación unha pluralidade de ofertas. En momentos de crise como a de 2008, que foi mortal para moitísimos medios, o poder político debe tentar salvagardar ese pluralismo, porque sen el dificilmente podemos falar dunha democracia de calidade. Outra cousa son as axudas que se levan a cabo dunha maneira non transparente, oculta, sen oferta pública, para unicamente tentar contentar a determinados empresarios para que cedan a capacidade de iniciativa nos seus medios. Avalo que haxa unha corrente de axudas para garantir o pluralismo, que non haxa unha única cabeceira, pero sen sometelas a que todas digan o mesmo.
Fala tamén do sistema mediático galego como unha loita constante entre a consolidación, grazas a iniciativas públicas ou privadas máis ou menos arriscadas, e o fracaso, co control político ou o afundimento económico desas mesmas iniciativas. Pero hai un lector galego? Por veces parece que algo que pasa aquí sexa máis importante cando o conta o New York Times ou El País que cando o contou antes un medio galego.
"O índice de lectores de prensa e libros no país nunca foi competitivo con outros países ou outras nacionalidades históricas"
Iso obedece a que hai moitos anos de descrédito. Podemos partir de que o índice de lectores de prensa e libros no país nunca foi competitivo con outros países ou outras nacionalidades históricas españolas. Sempre foi un número pequeno de lectores, pero suficiente para alimentar a unha serie de empresas de carácter familiar que foron facilitando a comunicación dos pequenos acontecementos, das realidades de tipo local, comarcal, provincial, como para que a xente puidera, sobre todo na Transición, darlles un certo crédito e que esas empresas non necesitasen doutro tipo de ingresos que os tradicionais, a compra en quiosco e a publicidade. O dano foi que chega un momento en que hai un poder político establecido en Galicia no que as empresas chegan a un momento de resistencia, con intentos de penetración no tecido mediático galego de grupos de fóra. E nese momento a prensa galega de carácter tradicional e familiar vese con dificultades para confrontarse con esas novas iniciativas. Nese momento as empresas galegas endebédanse para subsistir nesa competencia tamén entre elas mesmas. Seguramente algunhas delas tiñan que acabar caendo, pero nese momento a Xunta, mesmo desde os seus primeiros anos, fai todo o posible porque non caian e todas se sintan beneficiadas polas súas axudas. Nunca o fixo con transparencia, que é o que estou criticando. E por outra parte os créditos bancarios tamén acabaron buscando a súa propia mordida dentro desas empresas. As caixas de aforros tiveron unha fortísima influencia sobre as informacións das seccións de economía de todos os medios de Galicia ata a súa desaparición. Foi lamentable porque a sociedade estivo á marxe do que se estaba xerando nesas entidades. Marcos Pérez, compañeiro teu en Praza Pública, que fixo a súa tese doutoral sobre a prensa na transición en Galicia, documentou moi ben ese período. Agora estamos nun momento distinto pero hai determinadas circunstancias que nos fan pensar que vivimos algo parecido pero cunhas dimensións moito maiores. Porque o grao de competitividade xa non é só entre medios similares, por exemplo entre a prensa escrita, senón que todo o que significa internet fai que o cuarto poder estea recaendo en mans doutras persoas, o problema é con que tipo de filtros.
Fala no libro tamén de intentos de compra de medios galegos por capital foráneo. Vendo a evolución dalgúns, non seria mellor que fosen hoxe doutras empresas e non de quen foron ata agora? Un medio é mellor ou conta mellor Galicia por ser galego ou en galego?
Non. Sempre que me formulaban en público ou nas clases na facultade se eu cría que os medios en galego eran unha necesidade, sempre dicía que si, pero eu enténdoos en primeiro lugar como unha alternativa de tipo informativo, e en segundo lugar, ademais, en galego. Que estea en galego un medio non garante que ofreza calidade informativa. Aínda que haxa boa intención. Eu mesmo son director dun medio en galego como é a revista Tempos Novos, levamos 26 anos no mercado, temos as mesmas dificultades agora que tiñamos ao comezo cando en 1997 a puxemos en marcha co apoio de 150 persoas. A sociedade galega debera entender isto. Comprometerte coa túa achega para facer que esas empresas que queren publicar en galego poidan ter capacidade operativa suficiente como para marcar axenda e competir, se non en cantidade si en calidade, con outras con control partidario e político. A clave está nesa cidadanía. Polo tanto, prensa en galego si, é necesaria, cada vez máis porque o galego precisa de medios de comunicación, que son os que garanten calquera tipo de proxecto político, cultural ou económico. Temos esa obriga de manter o galego nos medios, pero sempre e cando as empresas teñan o respaldo cidadán suficiente para poder darlle un corpo, para poder competir no mercado con aqueles que teñen moitos máis recursos en castelán.
Na espectacularización da información teñen un papel destacado os medios audiovisuais, que nos últimos anos orientan a axenda pública tamén cos faladoiros. Hai un xornalismo de declaracións e comentarios que parece impoñerse, pero no fondo esas declaracións teñen que referirse a feitos, reais ou inventados (fake news). Mesmo os medios máis analíticos, como Tempos Novos, fan o seu traballo sobre feitos, novas que previamente dan outros xornalistas. Non cre que sempre vai ser necesario ese xornalismo máis básico, o informativo, o que se basea en feitos e documentos, aínda que sexa para deturpalo despois coa opinión?
"A verdade nunca está á vista, sempre está moito máis alá dos acontecementos, dos feitos. Tes que achegar claves e contexto. É un xornalismo máis difícil, máis custoso, pero que diferenza claramente uns medios doutros"
Evidentemente. O xornalismo ten como obxectivo prioritario o de estar poñendo o obxectivo sobre a realidade, sobre os feitos. Os medios teñen ese primeiro gran deber de recoller de entre os feitos, sempre cunha clara visión de que escollo, tendo claro que tes que escoller aqueles feitos que máis repercusión de carácter público teñan. E acompañalos do suficiente contexto para que a cidadanía saiba interpretalos. Ese é o problema. Estase facendo un mal xornalismo político, non só en Galicia pero tamén en Galicia. Ese xornalismo baseado en declaracións. Póñolle o micrófono a este político e ao contrario e con iso xa está. E non, porque non estás sendo máis que un voceiro deses dous señores. Pero o xornalista ten que intermediar, cumprir coa súa función de mediación e achegar aquela documentación para que o lector se dea conta de quen dos dous ten razón ou está máis ligado coa verdade. E a verdade nunca está á vista, sempre está moito máis alá dos acontecementos, dos feitos. Non debes achegar só a descrición do feito senón tamén algunhas claves que permitan interpretar o que está detrás deses feitos. É un xornalismo máis difícil, máis custoso, pero que diferenza claramente uns medios doutros.