O Colexio de Xornalistas pide no Día da liberdade de prensa "primar a calidade sobre a cantidade" para "recuperar" a credibilidade

Consecuencias da guerra na Ucraína CC-BY-SA State Emergency Service of Ukraine
Publicidade
Publicidade

Érika Reija, gañadora do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, asina o manifesto polo Día internacional da liberdade de prensa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cun chamado a "recuperar algo do prestixio e a credibilidade que un día tivo este nobre oficio" 

"É hora de volver ás orixes. Primar a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor para as nosas audiencias".

Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade é o título do manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo Día internacional da liberdade de prensa, que este ano asina a xornalista Érika Reija, galardoada co XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa despois da súa cobertura como corresponsal de TVE en Rusia, que a levou a vivir en primeira liña as primeiras semanas da guerra da Ucraína.

A xornalista galega Érika Reija © CPXG

"O noso oficio, o bo oficio, require máis que nunca de tempo para separar o gran da palla”, afirma Reija

"O noso oficio, o bo oficio, require máis que nunca de tempo para separar o gran da palla, o que hai de certo entre tantos enganos... Difícil tarefa nesta era da inmediatez", razoa a xornalista de Lugo, que non pasa por alto a "precariedade" que golpea especialmente aos autónomos, "pero tamén aos reporteiros incluídos nos cadros de persoal, sometidos cada vez a maiores esixencias de produtividade".

Érika Reija afirma no manifesto que para "recuperar algo do prestixio e a credibilidade que un día tivo este nobre oficio" é precisa esa volta ás “orixes". "Pola contra, o xornalismo estará ferido de morte. Tamén a democracia. E os que queren impor o seu dominio, matando antes a verdade, terán gañado. Non o permitamos", asevera.

Publicidade
Publicidade

Reija tivo que abandonar a corresponsalía en Rusia cando informar desde este país se converteu nun imposible: "Na Rusia de Putin só se escoita xa a propaganda oficial, empregada a fondo en xustificar os seus ataques e construír unha realidade alternativa, segundo a cal matanzas como a perpetrada en Bucha serían unha montaxe". 

A xornalista recolle no manifesto para o Día internacional da liberdade de prensa como en Rusia "os poucos medios independentes que loitaban por sobrevivir á xa asfixiante falta de liberdade de prensa tiveron que pechar". E incide en que "ante campañas de desinformación promovidas desde calquera Estado, o deber dos xornalistas é investigar para dar coa verdade", para que a opinión pública non chegue á conclusión de que "agresores e agredidos, vítimas e verdugos, son o mesmo". 

Xoana Almar e Iago Eireos, ante os traballos do mural promovido polo Colexio de Xornalistas co apoio do Concello de Lugo CC-BY-SA CPXG

Un mural en defensa da liberdade de expresión, as mulleres xornalistas e a igualdade de xénero na profesión

Un mural pola liberdade de expresión

Con motivo da celebración do Día internacional da liberdade de prensa, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tamén promove, neste caso coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Lugo, a realización dun mural en defensa da liberdade de expresión, as mulleres xornalistas e a igualdade de xénero na profesión.

Unha obra que estará a cargo da artista Xoana Almar, que xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo constituíu a cooperativa Cestola na Cachola, onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. Este martes comezou os traballos que farán realidade o mural na parede circular dun dos edificios da antiga Frigsa, no lucense parque da Milagrosa.

Publicidade
Publicidade

"A artista traballa nunha proposta fundamentada nun dos principos básicos do xornalismo que resume a profesión en tres accións: ir, ver e contar. Ao tempo visibiliza como as mulleres constitúen na actualidade a maior forza de traballo nas redaccións de todo o país e tamén a importancia de escoller voces e olladas femininas como fonte de información para reflectir axeitadamente a pluralidade do noso mundo", explican desde o Colexio de Xornalistas. 

Este proxecto encádrase na terceira edición do festival de arte urbano Culturban, organizado pola área de Cultura do Concello de Lugo e o Espazo Lupa Arte, e coordinado polo artista lugués Iago Eireos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.