A organización destaca que a elección de Reija como gañadora "recoñece o labor dos medios públicos e a especial relevancia que os medios de comunicación cobran nunha situación de guerra como a de Ucraína"
"A única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo", dicía nesta entrevista Mónica García Prieto, gañadora do Premio José Couso no ano 2013. O galardón á Liberdade de Prensa que todos os anos conceden o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol é neste 2022 para Érika Reija, xornalista lucense da Televisión Española que abandonou hai uns meses a correspondencia de Moscova en resposta á aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico en Rusia.
A gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. Nos vindeiros días, o Colexio de Xornalistas anunciará cando se vai realizar a entrega do premio, que habitualmente ten lugar en Ferrol nos primeiros días do mes de maio, coincidindo coa celebración do Dia Mundial da Liberdade de Prensa.
"Nun conflito como este, as e os xornalistas seguen a arriscar a liberdade e mesmo a vida para trasladar a información á sociedade, unha situación de especial risco para os e as freelance"
Reija era candidata ao premio xunto con Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero. A organización do galardón salienta que as catro candidaturas eran merecedoras do galardón e destaca que a elección de Érika Reija como gañadora "recoñece o labor dos medios públicos e a especial relevancia que os medios de comunicación cobran nunha situación de guerra como a de Ucraína".
"Nun conflito como este, as e os xornalistas seguen a arriscar a liberdade e mesmo a vida para trasladar a información á sociedade, unha situación de especial risco para os e as freelance, que suman aos perigos xerais o de non teren a cobertura directa de ningún medio", engade a organización
O Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol quixeron facer unha mención especial á situación de Pablo González, detido e encarcerado por Polonia dende hai dous meses por exercer o seu traballo como xornalista
Neste senso, o Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol queren facer unha mención especial á situación de Pablo González, detido e encarcerado por Polonia dende hai dous meses por exercer o seu traballo como xornalista, polo que foi acusado de "espionaxe". Neste proceso, no que o país pode imporlle unha pena de ta dez anos de prisión, o xornalista español viu mesmo negado ata hai uns días o dereito a contar cun avogado da súa elección. A organización do Premio José Couso solicita ás autoridades "que realicen todas as xestións oportunas para que o xornalista poida recuperar a súa liberdade o antes posible".
Érika Reija
O pasado 5 de marzo Reija abandonou Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de ata 15 anos de cadea pola difusión de noticias consideradas "falsas" polo Goberno
Érika Reija López, nada en Lugo, é licenciada en Xornalismo por la Universidad Complutense de Madrid. Especializada no mundo árabe, en 2004 entrou a traballar en Televisión Española e foi enviada especial a diversos destinos, informando sobre a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia ou o conflito entre Israel e Palestina.
No ano 2015 foi designada correspondente de Televisión Española en Rabat e en 2017 foi enviada a Moscova para ocupar a correspondencia da capital rusa. Porén, o pasado 5 de marzo abandonou Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de ata 15 anos de cadea pola difusión de noticias consideradas "falsas" polo Goberno.
Reija súmase aos anteriores gañadores e gañadores do galardón: Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).