O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de publicar o seu manifesto co gallo do Día Internacional da Liberdade de Prensa que, co título de "Morte, silencio, vergoña" e asinado por Isabel Quintairos, fai unha reivindicación cun xornalismo "con liberdade para falar" e enfrontado ao poder. O texto ten varios protagonistas, aos que a autora erixe en referentes duns medios que conten "o que hai que contar" e non "parvadas": por unha banda Manuel Rico, galardoado este ano co Premio José Couso pola súa traxectoria e a súa investigación sobre a xestión das residencias durante a pandemia; pola outra Roberto Fraile e David Beriain, asasinados en Burkina Faso.
Quintairos reivindica a "liberdade para falar, para escribir, para expresar, para vivir. Iso é o que esixo, o que defendo, o que no seu momento tamén paguei"
Isabel Quintairos reivindica a "liberdade para falar, para escribir, para expresar, para vivir. Iso é o que esixo, o que defendo, o que no seu momento tamén paguei". A xornalista bota man da súa propia experiencia, pois no ano 2008 foi despedida da COPE en dúas ocasións por estar casada cunha muller e se considerarada simpatizante do BNG, segundo quedou recollido nunha sentenza xudicial.
"Manuel Rico deu de novo clase maxistral de como se enfronta o poder para expoñer as mortes ocultadas, para denunciar a falla de coidados ás persoas maiores e de información ás súas familias, as mentiras, a corrupción, a impunidade"
Sobre Fraile e Beriain, Quintairos destaca que "perdemos dous compañeiros valentes e comprometidos, dous xornalistas dos que contan o que hai que contar e non parvadas para ter a xente entretida ou mentiras para alimentar a crispación". "Dous profesionais dos que hai que aprender nas universidades e nas redaccións", engade.
De igual xeito, sobre Manuel Rico a autora salienta "o seu bo hábito de non andarse con trapalladas, que xa lle valeu desgustos dabondo, pero tamén o fixo mestre de mestres". "Manuel Rico deu de novo clase maxistral de como se enfronta o poder para expoñer as mortes ocultadas, para denunciar as xestións dilapidadoras, a falla de coidados ás persoas maiores e de información ás súas familias, as mentiras, a corrupción, a impunidade. A morte, o silencio, a vergoña", afirma.
Denuncia que nas residencias "as parellas homosexuais, por exemplo, ou persoas con discapacidades, en especial con problemas de saúde mental, teñen (temos) graves problemas para sermos admitidas"
No texto, Quintairos chama a atención a partir da investigación de Manuel Rico sobre a situación das residencias e lembra que nestes centros "as parellas homosexuais, por exemplo, ou persoas con discapacidades, en especial con problemas de saúde mental, teñen (temos) graves problemas para sermos admitidas". "Atacamos, seica, a moral doutras persoas e parellas se queremos morrer xuntas despois de vivir xuntas; ou temos mil obstáculos para convivir, aínda medicadas e facendo vida normal, con quen ten outras discapacidades, pero non problemas de saúde mental", engade. Quintairos é integrante do Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste vídeo de Nós TV afonda nos prexuízos cara as persoas con doenzas mentais.
"Esa liberdade debería ser a primeira palabra que usara cada xornalista para iniciar cada día o seu traballo, sabendo que acollerse a ela e buscar a verdade deberían ser os dous piares da súa profesión"
"A fin de contas, de respecto vai todo. Respecto pola liberdade, o ben máis sagrado, que cada día me parece máis fráxil e menos protexido", conclúe. E reivindica que "esa liberdade debería ser a primeira palabra que usara cada xornalista para iniciar cada día o seu traballo, sabendo que acollerse a ela e buscar a verdade deberían ser os dous piares da súa profesión". "Esa liberdade que damos por feita e que nun segundo podemos perder, simplemente por deixar facer, por baixar a cabeza, por non protestar, por non aguantar", remata.