Manuel Rico gaña o Premio Couso trala súa investigación sobre a xestión das residencias na pandemia

Manuel Rico © InfoLibre

O xornalista de investigación Manuel Rico é o gañador da XVII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Rico (Fabero, 1967) impúxose nas votacións ás outras candidatas: a mexicana Lydia Cacho, as bielorrusas Daria Chultsova e Katerina Bakhválova, a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información. A súa candidatura obtivo "maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado", destaca o Colexio.

Nos últimos meses centrouse na investigación sobre a xestión realizada polas residencias de maiores durante a pandemia de Covid, na que milleiros de usuarios faleceron

Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de infoLibre, ten unha longa traxectoria en varios medios, nos que dende hai anos destaca polo seu traballo de investigación e polo seu compromiso coa liberdade de prensa e co dereito á información. Nos últimos meses, ademais, centrouse na investigación sobre a xestión realizada polas residencias de maiores durante a pandemia de Covid-19, na que milleiros de usuarios faleceron. Froito desa investigación é o libro Vergüenza, el escándalo de las residencias.

Portada do libro de Manuel Rico sobre as residencias © Planeta

A súa carreira como xornalista comezou como redactor de El Correo Gallego en 1990. Posteriormente incorporouse a El Mundo, do que chegou a exercer como subdelegado en Galicia. No 2000 pasou ao Grupo Zeta, onde puxo en marcha a edición dixital de Interviú e logo foi redactor xefe desta revista, para ocupar finalmente o cargo de subdirector de Tiempo.

En 2013 pasou a formar parte do equipo fundador do dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como director de investigación

En 2007, coa posta en marcha do xornal Público, entrou a traballar como redactor xefe de política, ocupando posteriormente os cargos de xefe de redacción e subdirector. En 2009 foi demandado xunto a outros xornalistas de Público por Ignacio González, tras teren publicado informacións que detallaban o seu papel en adxudicacións públicas sospeitosas. A demanda foi rexeitada por varios tribunais. En 2013 pasou a formar parte do equipo fundador do dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como director de investigación.

O Colexio de Xornalistas comunicará proximamente cal é o formato co que se vai realizar este ano a entrega do premio, que dependerá en todo caso da evolución da crise sanitaria

O Colexio de Xornalistas comunicará proximamente cal é o formato co que se vai realizar este ano a entrega do premio, que dependerá en todo caso da evolución da crise sanitaria, de cara a que se celebre con totais garantías para a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes. 

O galardón lembra e homenaxea o cámara ferrolán José Couso, disparado por soldados estadounidenses no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5. Nas dezaseis edicións anteriores os gañadores e gañadoras foron Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.