O Premio José Couso de liberdade de prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol e que chega á súa 16ª edición, vén de presentar as súas catro candidaturas, entre as que aparecen xornalistas e activistas que se distinguiron na súa defensa do dereito á información.
A mexicana Lydia Cacho, as bielorrusas Daria Chultsova e Katerina Bakhválova, a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información e Manuel Rico, director de investigación de InfoLibre son as catro candidaturas
Trátase da xornalista, activista e escritora mexicana Lydia Cacho; as informadoras bielorrusas condenadas recentemente a dous anos de cadea Daria Chultsova e Katerina Bakhválova; a Plataforma na Defensa da Liberdade de Información, que agrupa organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais; e Manuel Rico, actual director de investigación de InfoLibre, cunha longa traxectoria no xornalismo de investigación. Foron propostas polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos asociados e asociadas ao Club de Prensa de Ferrol, que agora poderán votar ata o vindeiro 30 de marzo para escoller un gañador ou gañadora.
O galardón lembra e homenaxea o cámara ferrolán José Couso, disparado por soldados estadounidenses no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003
O galardón lembra e homenaxea o cámara ferrolán José Couso, disparado por soldados estadounidenses no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5. Nas dezaseis edicións anteriores os gañadores e gañadoras foron Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
As candidaturas
- Lydia Cacho, xornalista, activista e escritora mexicana, denunciou a mafia da pederastia en México, o que a levou a sufrir ameazas, ser secuestrada polo gobernador de Puebla Mario Marín Torres en 2005, e finalmente exiliarse. O pasado 3 de febreiro, Mario Marín, que levaba prófugo dous anos, era por fin detido polas torturas e a detención ilegal de Cacho.
- Daria Chultsova e Katerina Bakhválova son dúas xornalistas bielorrusas de Belsat, condenadas este 18 de febreiro a dous anos de prisión por gravar as manifestacións en Minsk tras a morte dun mozo opositor en estrañas circunstancias. A súa condena significa un paso máis nos ataques do réxime de Belarús, que mantén outros once xornalistas encarcerados, á liberdade de prensa.
- A Plataforma na Defensa da Liberdade de Información (PDLI) nace en 2014 pola preocupación dun grupo de organizacións e persoas do ámbito xurídico, do xornalismo e dos movementos sociais ante as ameazas aos dereitos de liberdade de información e de expresión en España. Recentemente, foi unha das impulsoras do Manifesto en defensa da liberdade de expresión e creación e o dereito á protesta.
- Manuel Rico, fundador e actual director de investigación de infoLibre, é un destacado xornalista de investigación, autor de numerosas exclusivas ao longo da súa traxectoria profesional. Nos últimos meses denunciou a dramática situación das residencias de maiores durante a pandemia, moitas das cales están en mans de grandes grupos privados.