Medio cento de persoas participaron na mobilización, que partiu da Casa do Concello e fixo paradas ante o xulgado e o centro de saúde para agradecer o traballo desenvolvido polo persoal sanitario.
Dende finais do mes de maio todos os domingos os familiares das persoas que viven na residencia de DomusVi en Cangas levan a cabo mobilizacións para denunciar a xestión realizada por este centro durante a crise do coronavirus, na que as instalacións desta empresa foron as que rexistraron máis mortes en Galicia. Este domingo, unha vez máis, unha manifestación percorreu as rúas da vila canguesa, reclamando "xustiza" para as persoas falecidas, esixindo "transparencia" para coñecer todo o sucedido entre marzo e maio nas residencias e apostan por un cambio de modelo de residencias en Galicia.
Ao redor de medio cento de persoas participaron na mobilización, que partiu da Casa do Concello de Cangas e fixo paradas ante o xulgado e o centro de saúde, neste caso para agradecer o traballo desenvolvido polo persoal sanitario. Finalmente, a protesta rematou ante as portas da propia residencia de DomusVi.
"Queremos saber se houbo, igual que en Madrid, orde de abandonalos e deixalos morrer na residencia", di Vellez Digna
A Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) denuncia que "a día de hoxe aínda non sabemos oficialmente, nin sequera, a cifra de mortos na residencia de Aldan nin de ningunha outra". "Queremos que se nos diga por que dos 274 mortos de residencias, mais de 130 morreron dentro delas sen que se derivasen aos hospitais, por que se lles negou unha oportunidade cando máis o precisaban e quen decidiu que se lle podían arrebatar os seus dereitos. Queremos saber se houbo, igual que en Madrid, orde de abandonalos e deixalos morrer na residencia", sinalan.
Hai uns días, tras unha querela presentada polas fillas de dúas usuarias da residencia de Aldán, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Cangas abriu dilixencias penais previas contra a conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a directora da residencia de Aldán e dous altos cargos da Xunta, a xefa de Inspección de Maiores e Discapacidade, Berta Bicada, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa.
REDE demanda "que se recupere de inmediato a xestión pública das residencias públicas"
A entidade reclama unha investigación xudicial "seria" sobre as mortes nestas instalacións e a creación dunha comisión parlamentaria de investigación, destacando que "en só catro residencias: as de DomusVi de San Lázaro con 53 falecidos, Barreiro con 47 e Aldán con 38 a da Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo cun numero aínda indeterminado entre 35 a 45 suman 178, que son o 65% dos mortos nas residencias e a terceira parte de todos os mortos en Galicia".
Así mesmo, REDE aposta por un cambio do modelo de residencias, demandando "que se recupere de inmediato a xestión pública das residencias públicas". "Queremos unha nova lei de dependencia que eleve a atención a dependencia a ser considerado como un dereito fundamental e aos dependentes como cidadáns de primeira, con todos os seus dereitos", din e critican que "aínda estamos a esperar que a xunta se digne dirixirse aos familiares e que deixe de vernos como elementos hostís cando non somos mais que vítimas da privatización e da corrupción da administración".
InfoLibre desvela este luns que DomusVi desvía ao paraíso fiscal de Jersey parte dos beneficios obtidos nas 138 residencias coas que conta en España
Este luns InfoLibre publica que DomusVi desvía ao paraíso fiscal de Jersey parte dos beneficios obtidos nas 138 residencias coas que conta en España. O xornal desvela a trama societaria de máis de 20 compañías en catro países montada para mover o diñeiro desde calquera das residencias de DomusVi ata a sociedade dominante do grupo en Jersey. Explica, igualmente, que a conselleira delegada de DomusVi en España, Josefina Fernández Miguélez, ten as súas accións a través dunha sociedade montada en Francia que se denomina Mancare I SAS.
DomusVi finalizou o ano 2019 cuns beneficios antes de impostos de 19,5 millóns de euros, algo menos que no ano 2018 (22,3 millóns). En Galicia, as residencias da antiga Geriatros acabaron no conglomerado DomusVi e nas mans de fondos de investimento multinacionais tras o colapso de Novacaixagalicia.