Día da Liberdade de Prensa na pandemia: "Nunca houbo tanta demanda de información que cambia a túa vida"

Datos sobre a evolución do coronavirus nun ordenador CC-BY-SA Clay Banks/Unsplash

"A medida que a pandemia se estende, tamén abrollou unha segunda pandemia de desinformación, dende nocivos consellos para a saúde ata salvaxes teorías da conspiración". Son palabras do secretario xeral da ONU, António Guterres, co gallo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, que como cada ano dende hai máis de dúas décadas se conmemora este 3 de maio, aínda que neste 2020 inevitablemente marcado, como todo o demais, pola crise do coronavirus.

O manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, asinado por María Piñeiro, constata que, xunto a un histórico incremento da demanda de información, a crise do coronavirus trae consigo a enésima vaga de precariedade laboral e restricións informativas

Guterres pide na súa mensaxe oficial que os medios de comunicación ofrezan información rigorosa sobre a pandemia e aos gobernos de todo o mundo, a que "protexan" o persoal da prensa e a liberdade de información. "É esencial para un futuro de paz, xustiza e dereitos humanos para todos", enfatiza Guterres nunha xornada que, no caso galego, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia combina a constatación de que "nunca houbo tanta demanda de verdadeira información" coa alerta do enésimo incremento da precariedade laboral e dos riscos sobre o control dos medios.

O manifesto do CPXG polo Día da Liberdade de Prensa está asinado neste 2020 pola xornalista María Piñeiro, traballadora de El Progreso, e nel a entidade profesional evoca o paradoxo de que, xunto a esa crecente demanda "de información que cambia a túa vida" ao fío da pandemia, cheguen tamén numerosos "problemas para traballar", dende "ERTEs e redución de pagas" ata, "cando se levante o estado de alarma", unha nova vaga de "despedimentos, xornadas máis longas por salarios máis curtos, (aínda) menos compañeiros arredor".

Sala de prensa de San Caetano, con acceso restrinxido por mor do coronavirus (a prensa participa nas comparecencias a través de internet) CC-BY-SA Xunta

"Leremos, asombrados", resultados do Estudo Xeral de Medios "como hai décadas que non se vían" e "farémolo dende a cola do paro", reflexiona Piñeiro. "Perdéndonos por enésima vez neses camiños da fantasía que a todos nos teñen levado nalgún momento a insospeitados destinos: estudar unhas oposicións, emprender, ensinar... Esprememos os miolos sobre por onde tirar se isto se acaba; se, como ás veces pensamos, este foi o último baile".

"Coñecemos o interior dos centros máis tocados noutras comunidades, pero só vemos os nosos cando os seus traballadores nolos mostran"

Nesta crise "temos tamén dificultades de acceso", resalta o manifesto do Colexio de Xornalistas. "A moitos datos, a expertos que non sabemos quen son, a centros de saúde e hospitais", ata o punto de que "coñecemos o interior dos máis tocados noutras comunidades" pero "só vemos os nosos cando os seus traballadores nolos mostran". "O xornalismo máis puro, ese de “ir, ver e contar” custa máis ca nunca", evidencia. E isto non é contraditorio, matiza, co feito de que este sexa "un oficio que leva ei crise décadas, tantas que xa non sabes se é unha  morte lenta ou unha desas existencias complicadas, un sachar eterno".

María Piñeiro finaliza o manifesto deste 2020 cunha reflexión que parte da base de que "nunca tivemos que traballar tan rápido sabendo tan pouco, con tantísima incerteza, e nunca tivemos tan claro que non se podía parar". "Nunca entendemos tan pouco, pero nunca se nos recolocaron as prioridades con tanta precisión" e, daquela, "nunca quedou tan claro, pero tanto, que “producir contido” non é xornalismo; que o xornalismo cidadán non é xornalismo (e moi probablemente tampouco é cidadán); que a reprodución mimética do que che contan sen contraste nin filtro non é xornalismo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.