A expansión do coronavirus covid-19 e a declaración do estado de alarma condiciona, como non podería ser doutro xeito, o traballo informativo de Praza.gal. Nestes días de illamento domiciliario agás desprazamentos indispensables, gustaríanos explicarvos como estamos a traballar para estarmos informativamente aínda máis preto de vós, achegarmos información útil e tamén entreter.
O teletraballo é o sistema que aplicamos en Praza.gal dende o inicio do xornal, hai oito anos; así e todo, mentres dure a emerxencia sanitaria aplicaremos cautelas adicionais
Entre as mudanzas que implica esta situación excepcional non está, no noso caso, a cuestión do teletraballo. Esta é a fórmula que en Praza.gal temos implantada dende o inicio da andaina do xornal, hai oito anos. Foi unha aposta cun duplo motivo, de conciliación da vida persoal e laboral e tamén para concentrarmos os recursos económicos dispoñibles no pagamento da redacción e das colaboracións.
Así e todo, mentres dure a emerxencia sanitaria aplicaremos cautelas adicionais, como o seguimento de comparecencias e roldas de prensa só a través de internet ou a realización de entrevistas unicamente por teléfono ou videoconferencia. Tamén estamos a reorganizar os nosos horarios, porque a actualidade así o require e tamén para unha mellor adaptación ás necesidades das contornas familiares da redacción.
Ante un desafío descoñecido é aínda máis importante a información precisa e veraz
Ademais da información sobre o espallamento do virus e as súas repercusións, nestes días tamén procuraremos acompañarvos con contidos doutro tipo. En Praza.gal e tamén en VINTE recompilaremos noticias, vídeos, reportaxes e ligazóns, tanto novas como xa publicadas en materia de cultura, sociedade ou tendencias que poidan acompañarvos.
Sabemos que nos enfrontamos a un desafío descoñecido, que fará aínda máis importante se cabe a necesidade de información precisa e veraz sobre o que está a pasar. Praza estará aí.
As socias e socios sodes aínda máis esenciais; grazas, outra volta, polo voso apoio
Non queremos despedirnos sen darvos as grazas outra volta polo voso apoio. Moi especialmente ás socias e socios e aínda máis ás persoas que decidistes facervos socias nos últimos días. A crise do coronavirus vai traer tamén consigo importante turbulencias económicas e estas terán, inevitablemente, unha repercusión directa no mercado publicitario. Por este motivo, as socias e socios sodes aínda máis esenciais para contarmos máis, mellor e sen cancelas e para facérmolo protexendo as condicións laborais nuns días no que os nosos contidos son, integramente, abertos.
Unha forte aperta da redacción de Praza.gal e de todo o equipo da Fundación Praza Pública