"Que papel deben cumprir os medios de comunicación na nosa sociedade? Informar ou educar? Existe a censura? Que é iso da guerra informativa?". Son algunhas das preguntas que formulou a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega para lanzar a xornada Censuras e silencios nos medios de comunicación, que este 5 de maio xunta na sede da institución unha ducia de xornalistas de diversas traxectorias, xeracións e medios. Todas as intervencións pódense seguir tamén ao vivo a través de internet.
A coordinadora desta sección do CCG, Carme Adán, e mais a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, son as encargadas de inaugurar unha xornada que abre (10:00h) co relatorio de Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza.gal e membro fundador deste xornal, coa conferencia A(s) censura(s) na prensa galega, de onte a hoxe nunha mesa conducida por María Xosé Porteiro, xornalista, escritora e actual adxunta á Valedora do Pobo.
A produción xornalística en lingua galega centra a segunda mesa, dende as 11. Facer xornalismo en galego. É posible, é o título do debate que compartirán o presidente da Real Academia Galega e tamén xornalista, Víctor Freixanes, e mais a directora do xornal Nós Diario, María Obelleiro. Luís Álvarez Pousa, profesor xubilado de Xornalismo Especializado e director da revista Tempos Novos, modera esta mesa.
Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza.gal, abre a xornada co relatorio 'A(s) censura(s) na prensa galega'
As sesións da mañá conclúen, ás 12:30, coa conversa A liberdade de prensa en Galicia. Derivas e ameazas. Xuntará a Sonia Vizoso, xornalista de El País e vicedecana primeira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes.
Xa pola tarde, dende as 16:30, será a quenda para a sesión Xornalismo de partido? Particularidades (sombras) do xornalismo español. Lara Graña, xefa da sección de Economía do Faro de Vigo, modera o diálogo entre a xornalista e escritora Rosa María Artal e a directora corporativa de Público.es, Ana Pardo de Vera.
A sesión final da xornada céntrase no "prezo de informar en países inseguros". María Solar, xornalista da TVG e escritora, conduce o diálogo entre Rosa Meneses, redactora da sección internacional do xornal El Mundo, e mais Nacho Carretero, reporteiro no xornal El País.