Cans bota a andar unindo xeracións: lembranza a Celso Bugallo e oportunidade para as 'novas camadas'

"Rúa efémera" dedicada a Celso Bugallo, este martes en Cans © Festival de Cans

A XXIII edición do Festival de Cans comezou este martes cunha primeira xornada marcada pola emoción da homenaxe ao actor, finado o pasado decembro e a proxección do último filme de Julio Médem, 8

A XXIII edición do Festival de Cans comezou este martes cunha primeira xornada marcada pola emoción da homenaxe ao actor Celso Bugallo, finado o pasado mes de decembro, unha das figuras máis queridas do audiovisual galego e moi vencellada ao certame, ao que acudiu en numerosas ocasións. 

A inauguración da tradicional Rúa Efémera dedicada a Celso Bugallo reuniu amizades e persoas próximas ao festival nun acto especialmente emotivo arredor da figura do actor, falecido o pasado decembro. A homenaxe completouse coa retrospectiva de curtametraxes protagonizadas por Bugallo, recuperando algunhas das súas colaboracións máis destacadas co cinema galego e reivindicando o seu compromiso cos novos creadores e co formato curto. 

Celso Bugallo, na súa última visita ao Festival de Cans © Festival de Cans

Este mércores chega o Día das Novísimas, dedicado ás novas xeracións do audiovisual galego, e o Día das Veciñas e Veciños. A apertura oficial do certame chegará este xoves

A primeira xornada completouse coa proxección de 8, o último filme de Julio Medem, outro dos protagonistas desta edición, que nos vindeiros días participará no coloquio central do Torreiro e colocará a súa estrela.

O filme, estreado en 2025, constrúe un percorrido por 90 anos da historia de España a través de oito planos secuencia situados en momentos decisivos entre 1931 e 2021. Os destinos de Octavio e Adela, nacidos o mesmo día da proclamación da Segunda República en vilas veciñas, avanzan en paralelo ao longo das décadas, unidos simbolicamente pola forma dun oito mentres ao fondo transcorre a transformación do país. 8 conta no reparto con Ana Rujas, Javier Rey, Álvaro Morte, Tamar Novas, Loreto Mauleón, Carla Díaz e María Isasi, entre outros intérpretes, e supón o regreso de Medem á longametraxe.

Novas Camadas

A partir das 21 horas, o Torreiro acolle a tradicional Noite das Veciñas e Veciños, coa presentación dos guías dos camiños, do Xurado dos Veciños e do Xurado da Mocidade, ademais das actuacións das Pandereteiras de Cans e de Acordecans

O festival continúa este mércores coa celebración do Día das Novísimas, dedicado ás novas xeracións do audiovisual galego. A sección oficial Novas Camadas reunirá once obras de realizadoras e realizadores menores de 25 anos e converterase nun escaparate da creación emerxente galega actual. A selección está marcada polas estreas e por unha ollada moi ligada ás preocupacións dunha nova xeración de cineastas: desde a nostalxia e a emigración en El Columpio, de Silvia Martín, ata os incendios forestais en Galicia non arde, de Martín Rothardt, ou a representación queer na literatura galega en Maronda, de Blanca Navarrete e Antía Rodeiro.

Entre as pezas programadas destacan tamén Amor líquido, drama íntimo rodado no Porriño sobre a ruptura dunha parella; O mar é o meu chan, arredor dos pioneiros do surf en Galicia; ou Unha persoa, un obxecto, documental construído a partir dos recordos máis valiosos da veciñanza de Trabada. A sección incluirá ademais propostas que exploran o dó, a memoria e a identidade, como Ausencia, de Gema Rodríguez, unha peza autobiográfica sobre a perda e a aceptación; ou A xerarquía das ausencias, de Eva Vaeli, unha viaxe simbólica e fantasmagórica arredor da dor e o consolo.

Participantes en Cans do futuro © Festival de Cans / Cris Andina

A partir deste luns 25 as curtas das Novas Camadas pódense ver a través de VINTE. Estrearemos cada día unha obra ás 12:00 h. (de luns a venres), que estará dispoñible durante 24 horas para a súa libre visualización

Tamén haberá espazo para a animación con Patacas, de Luís Alejandro Riveiro, unha fábula protagonizada por unha pataca antropomórfica creada xunto a alumnado universitario; e Nuno, de Antía Iglesias, unha reflexión sobre a lingua e a aprendizaxe infantil a través dunha familia galegofalante ou aiM, da ponteareá Sabela Mar.

A partir deste luns 25 as curtas das Novas Camadas pódense ver a través de VINTE. Estrearemos cada día unha obra ás 12:00 h. (de luns a venres), que estará dispoñible durante 24 horas para a súa libre visualización. As proxeccións en VINTE acabarán o luns, 8 de xuño, coa curta gañadora desta edición. En VINTE podes ler un resumo de cada traballo.

Noite das Veciñas e Veciños

A partir deste xoves comezan as xornadas principais do festival, que reúnen un maior número de actividades e de público, especialmente o venres e o sábado. O xoves, de feito, é cando se leva a cabo a apertura oficial do festival coa proxección ás 20 horas de La buena hija, de Júlia de Paz

A partir das 21 horas, o Torreiro acolle a tradicional Noite das Veciñas e Veciños, coa presentación dos guías dos camiños, do Xurado dos Veciños e do Xurado da Mocidade, ademais das actuacións das Pandereteiras de Cans e de Acordecans.

Un dos momentos máis esperados será a estrea absoluta da curta Non me movas os marcos, dirixida por Juanma LoDo dentro do Proxecto Cans 303. Por primeira vez, o realizador abandona o rexistro documental para presentar unha ficción ambientada no rural arredor dun conflito pola auga. Na peza participaron máis de 40 persoas da comunidade local diante e detrás das cámaras, converténdose nun dos proxectos máis representativos do espírito colectivo do festival.

Unha das proxeccións en 'Cans do futuro' © Festival de Cans / Cris Andina

O resto da semana

A partir deste xoves comezan as xornadas principais do festival, que reúnen un maior número de actividades e de público, especialmente o venres e o sábado. O xoves, de feito, é cando se leva a cabo a apertura oficial do festival coa proxección ás 20 horas de La buena hija, de Júlia de Paz. Chega tamén a música, co concerto de Laura LaMontagne, ás 21.30 horas, e co tradicional Concurso de Videoclips.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.