Coa concesión do Premio Pedigree, o Festival de Cans "quere recoñecer a traxectoria dunha cineasta xa imprescindible no audiovisual galego" que "constrúe relatos profundamente enraizados no territorio, cunha mirada que sitúa ás mulleres no centro da historia e que explora os límites do ser humano"
O 2023 foi o grande ano de Jaione Camborda. Con O corno gañou a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia, acadando un éxito de crítica e público tanto en festivais coma nas salas. Á espera do seu próximo traballo, Camborda será unha das protagonistas da 23ª edición do Festival de Cans, onde recibirá o Premio Pedigree de Honra. O festival, que se celebrará do 19 ao 23 de maio, anunciou tamén que o Chimpín de Prata “Pepe Puime” será nesta edición para Janet Novás e que o Chimpín de Prata “Divina Campos” será para o veciño Francisco Novás, coñecido na aldea como Paco do Buraco.
Coa concesión do Premio Pedigree, o Festival de Cans "quere recoñecer a traxectoria dunha cineasta xa imprescindible no audiovisual galego" que nos seus filmes, como O Corno e anteriormente Arima, "constrúe relatos profundamente enraizados no territorio, cunha mirada que sitúa ás mulleres no centro da historia e que explora os límites do ser humano", destaca a organización do certame.
Ademais, o festival destaca "a súa aposta pola lingua galega como vehículo para o seu cinema"
Ademais, o festival destaca "a súa aposta pola lingua galega como vehículo para o seu cinema, contribuíndo a levar o idioma a unha visibilidade internacional case sen precedentes, cun percorrido por máis de corenta festivais en todo o mundo".
Nacida en Donostia en 1983, Camborda reside en Galicia desde hai máis de quince anos, onde fundou a produtora Esnatu Zinema. Ademais do seu traballo como directora, tamén desenvolveu unha intensa actividade como guionista, directora de arte e produtora en proxectos vinculados a cineastas galegos como Lois Patiño, Alfonso Zarauza ou Ángel Santos. A cineasta mantén ademais unha relación estreita co Festival de Cans, onde participou en diferentes edicións e presentou parte dos seus traballos.
O Chimpín de Prata “Pepe Puime” será nesta edición para Janet Novás (O Porriño, 1982) e o Chimpín de Prata “Divina Campos” será para o seu pai, o veciño Francisco Novás (Atios, 1949), coñecido na aldea como Paco do Buraco
Nesta edición, ademais de recibir o Premio Pedigree e participar nun encontro co público, o festival dedicará un Foco que revisará o traballo en pezas curtas da autora. Camborda recibirá o Premio Pedigree e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas de Cans, á beira de homenaxeados de anos anteriores como os cineastas Alfonso Zarauza e Margarita Ledo, a actriz María Vázquez ou os actores Luis Tosar ou Javier Gutiérrez.
Chimpíns de Prata
Os Chimpíns de Prata do Festival de Cans recoñecen cada ano a personalidades do cinema, da música ou das artes que destacaron pola súa defensa e promoción do festival, así como pola súa vinculación coa aldea.
O Chimpín de Prata “Pepe Puime” será nesta edición para Janet Novás (O Porriño, 1982), actriz, bailarina e coreógrafa, que destacou polo seu papel protagonista en O Corno, de Jaione Camborda, co que obtivo o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación.
Na entrega de ambos premios a pai e filla, o festival agarda vivir unha das noites máis emotivas desta edición na Noite das Homenaxes, que terá lugar no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río o venres, 23 de maio
Nas entrevistas previas aos Premios Goya ou no seu discurso ao recibir o Premio Ojo Crítico de RNE, Janet Novás tivo sempre moi presente a aldea de Cans, o lugar onde se criou e ao que regresa sempre que pode para participar no festival. Para o mundo do cinema é Janet Novás; para a aldea segue sendo a filla de Juanita e de Paco do Buraco, e unha das grandes embaixadoras de Cans.
O Chimpín de Prata “Divina Campos” será precisamente para o veciño Francisco Novás (Atios, 1949), coñecido na aldea como Paco do Buraco. O galardón destaca o compromiso de Paco Novás coa defensa do patrimonio histórico e tradicional da aldea. O festival quere recoñecer especialmente o seu traballo na loita por preservar e loitar pola reconstrución do Muíño do Froxán, así como a súa implicación en iniciativas veciñais en defensa do medio ambiente e do río de Cans, como a recollida de sinaturas para denunciar os verquidos que o río sofre periodicamente por parte dunha fábrica de cementos.
Na entrega de ambos premios a pai e filla, o festival agarda vivir unha das noites máis emotivas desta edición na Noite das Homenaxes, que terá lugar no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río o venres, 23 de maio.