"Se o cinema é así, eu repito cando queiran". Janet Novás (O Porriño, 1982) é bailarina, coreógrafa, profesora e actriz. Con máis de quince anos de carreira artística no eido da danza, abriu un camiño novo na interpretación da man da cineasta Jaione Camborda, que a reclamou para o papel da protagonista d'O Corno, coa que gañaron a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e coa que Novás vén de facerse co premio Goya á Mellor actriz revelación. Atopábase nun momento de crise creativa cando aceptou probar no cinema e os recoñecementos chegaron en cadea, agora está inmersa na dirección da peza de danza PROTO (SN1806), que se poderá ver en Galicia no mes de setembro, e conta que non se preocupa polo que está por vir.
Como segue a vida despois de recibir un premio Goya?
Pois segue igual, son dous ou tres días de moita efusividade, pero despois hai que volver ao traballo. Estou cunha peza de danza nova, PROTO (SN1806), que presentei no Mercat de les Flors en Conde Duque o ano pasado, retomando un pouco esta parte do meu traballo. No cinema iremos vendo que cousas van pasando.
"Como artista tes que sentir unha dignidade, senón parece que non ten valor o que facemos"
Cando aceptou a proposta de Jaione Camborda para O Corno atopábase nun momento que definiu como de certa crise creativa e profesional, en parte derivada pola precariedade das traballadoras das artes, como está agora?
Síntome moi agradecida polo recoñecemento –sobre todo do público– e da alegría colectiva que recibín por parte do sector da danza e do cinema. Creo que houbo unha certa empatía porque dalgunha maneira a miña representa a carreira de moitas. É unha carreira de moitos anos, a pesar de que eu non veño do mundo do cinema, pero levo moito tempo nas artes escénicas e hai moito de resistencia nunha maneira de funcionar precaria que nos afecta a todas.
Tiven moitísima sorte de entrar neste proxecto con Jaione, coidáronme moitísimo e foi cunhas condicións marabillosas, pero a realidade é que moi poucas veces o traballo é así; é moi difícil que se reúnan as condicións para que un artista poida traballar coa mellor calidade que ten. Agora, cun Goya na man, non sei como vai repercutir isto na miña carreira. Penso que podo dicir que son unha privilexiada porque podo vivir disto, a pesar de que non sempre da maneira que se corresponde coa calidade do traballo ou á entrega das artistas en xeral.
Quero empregar o altofalante que teño agora para darlle voz a esta realidade na que nos atopamos moitas artistas e como isto está a repercutir na saúde mental de moitos e moitas. Eu teño a sorte de ter unha familia que me acompaña e me sostén moito no emocional, non sei se tería continuado de non tela. Con isto tampouco quero dicir que esteamos todas fatal, gústanos moito o noso traballo e gozamos con el, pero cando traballas noutros países como Francia, cun estatuto do artista que os coida, ves que alí enfocan o traballo artístico desde outro lugar. Como artista tes que sentir unha dignidade, senón parece que non ten valor o que facemos.
"Foi moi bonito todo o que rodeou aos Goya: todo o agarimo que recibín tamén lle dá sentido ao que fago"
A gala dos Goya é un bo altofalante, pero alí parece que todo está ben.
O dos Goya é un momento súper bonito, para min foi fermoso. Creo que é importante celebrar e premiar, aínda que quen non é premiado non significa que teña menos calidade. O problema vén cando o único que se ve é isto. E que todo o mundo traduza que o cinema é iso e que ser artista é iso, cando está súper lonxe da realidade da rutina dun artista. Hai xente que está moi recoñecida e mantén o seu caché moi alto durante anos, pero son os menos. Con todo, para min foi moi bonito todo o que rodeou aos Goya: todo o agarimo que recibín tamén lle dá sentido ao que fago. Pero é certo que hai un contraste grande, tres días de subidón e despois segue todo igual. Esperas que te chamen para presentar os teus traballos e iso non sucede así. Non me gusta caer na queixa, pero creo que debemos visibilizar o que hai.
Traballou a personaxe de María desde o corpo, onde atopou o maior reto de expresión?
Non separo o corpo da faciana, para min o traballo físico está na expresión do corpo enteiro, e o corpo está tamén na mirada. Non me resultou difícil porque Jaione fixo unha dirección moi boa, eu tiña moito da personaxe de María e ela xerou situacións para que iso que a ela lle interesaba para construír a personaxe estivera presente. Foi un traballo de moita concentración, de confiar neses lugares que propoñía Jaione e eu apostar por eles. Non foi difícil facer esta película, é con iso non quero que pareza que vou de sobrada e que para min foi todo súper doado, non. Pero creo que non foi difícil porque houbo un equipo moi bo que o fixo fácil. Ademais, había unhas directrices claras para eu poder entregar todo. Foi unha gozada, era un tema que me toca profundamente ademais. Se o cinema é así, eu repito cando queiran. Encantoume, foi un agasallo incrible para min.
"Creo que Jaione e mais eu vibramos nunha sintonía moi parecida"
Como construíu a personaxe de María? Xa coñecía o traballo no campo pola súa experiencia na casa familiar, pero tamén se achegou as mariscadoras para ver como traballan.
É que Jaione creou os escenarios. Organizaron para que eu puidera estar traballando coas mariscadoras en Vilanova. Estando alí ía observando e fun atopando similitudes co meu entorno familiar, de cando estou na casa cos meus pais e como traballamos no campo. Ao final as formas, a maneira de ancorarse na terra é moi parecida e o único que cambia é a humidade. Hai algo desa confianza, desa entrega á terra que está moi presente en Galicia, que hai unha conexión coa natureza pola que o corpo realmente se apoia nela. Hai algo aínda moi animal na cultura galega, que vén de moi atrás e fai da nosa cultura algo moi especial.
Sente que non foi casualidade o feito de dar o paso á pantalla grande con esta película e da man de Jaione Camborda?
Creo que as dúas somos moi intuitivas e nos deixamos guiar moito. Probablemente este encontro de nolas dúas e esta película lévase xestando moitísimos anos a través de amizades comúns, porque creo que te vas xuntando coa xente que ten que ver contigo, que ten miradas e intereses moi similares. Creo que Jaione e mais eu vibramos nunha sintonía moi parecida, aínda que haxa cousas nas que somos moi opostas: eu son moi explosiva a ela máis de contención.
"Tiña a sensación de que facía pouco, pero iso vén porque son bailarina e estás acostumada a que cando traballas tes que suar"
Precisamente, na película tivo que traballar na contención para interpretar a María e transmitir tanto só coa mirada.
Si, era unha desas cousas que Jaione tiña súper claras. Eu tiña a sensación de que facía pouco, pero iso vén porque son bailarina e estás acostumada a que cando traballas tes que suar. E aquí había moito de mirar e de soster o corpo. Supuxo reafirmarme en cousas que creo, pois o corpo é unha potencia en si. E creo que Jaione soubo plasmar iso nesta película dunha maneira brutal. Eu ía guiándome polas súas indicacións e conténdome desde aí, pero non era consciente da forza que tiña cara a fóra; e foi súper bonito ver como a miña forza non só está na explosión, senón tamén na contención. Isto é algo que me din moito sobre os meus traballos, pero como eu non me miro desde fóra non o percibo como agora puiden facelo a través do cinema.
E como foi para vostede verse na pantalla convertida noutra por primeira vez?
Custoume moito ao comezo da rodaxe porque me resultaba moi raro. Aínda non estaba acostumada a asumir que o que estaba mirando era unha personaxe e mirábame moito máis maior, pero unha vez que familiaricei coa imaxe da personaxe de María foi incrible verme despois na película. Namorei de María como namorei de Luísa, Carmen, Teresa, Siobhan, Ánxela... Creo que todas forman un prisma e actúan como diferentes espellos nos que a miña personaxe se ve reflectida, todas elas poderían ser María.
"Jaione fixo unha aposta por propoñer un tempo máis pausado ao espectador e sabía que se podía atopar cun menor recoñecemento por iso"
Como asimilou a boa acollida de O Corno desde as primeiras proxeccións fóra e o paso por Donostia coa Cuncha de Ouro?
É dunha felicidade incrible porque se recoñeceu todo o traballo do equipo. Como tamén dirixo, sei o difícil que é manterse firme nas ideas, propoñer unha temporalidade e crer nunha maneira de facer que ao mellor non é acorde aos tempos. Jaione fixo unha aposta por propoñer un tempo máis pausado ao espectador e sabía que se podía atopar cun menor recoñecemento por iso. Sinto moito orgullo ao ver a mulleres coma ela, que apostan por unha mirada propia e logran ese recoñecemento.
A repercusión de O Corno foi moi importante, eu destaco moito a acollida nos cinemas, que foi unha aposta moi forte. Grazas a moitas (e moitos) que van empurrando cada vez chegamos máis alto. O que precisamos é que todos estes logros se apoien e se valoren no tempo desde as institucións, é importante acompañar as traxectorias dos artistas: que pasa agora co traballo de Jaione ou de Álvaro Gago, ou de María Vázquez, ou de tantos e tantas outras. Non é cuestión de nomes só, pero dándolle visibilidade ás persoas dáselle valor ao sector.
Para min é fundamental o labor que fan no Teatro Ensalle, o colectivo RPM, Mercedes Peón ou Natalia Balseiro porque fixeron que non desconectara nunca de Galicia. Estes son os que acompañan, paréceme importante darlle visibilidade porque unha chega a un Goya grazas a todo isto.
Como é o espectáculo de danza PROTO (SN1806) que dirixe agora?
É a primeira vez que estou fóra do espectáculo, que o dirixo. Hai tres bailarinas en escena e unha persoa de son e outra de luces. Ten que ver moito co momento no que estaba antes de O Corno. Xuntóuseme ese momento de crise do que viña coa peza Where is Janet?, na que propoñía estar fóra pero non podía e falaba da idea de que era un corpo pero Janet xa non estaba, precisaba tomarse un descanso. Nese desprazamento meu, preciso empezar a mirar outros corpos desde fóra coas ferramentas que utilicei eu durante todos estes anos.
Hai moita coherencia entre o que pensa e como vai actuando no seu traballo.
Toda a produción parte da idea das supernovas –unha explosión, a morte dunha estrela–, nun xogo co meu apelido. Así que realmente está tendo todo moita coherencia, e iso tamén me dá unha pista de que algo estou facendo ben. Cando encaixa tanta coherencia é porque está habendo moita escoita, a pesar de que non sempre sexa fácil. É fácil precipitarse cando che vén todo xunto, hai que estar todo o tempo poñendo o peso atrás, como fai María [a súa personaxe en O Corno], que está sempre observando e deixando que a vida flúa.
"O sistema cultural ten que equilibrarse cos artistas, non se pode estar dando, dando, dando e recibindo pouco"
Semella que o seguinte proxecto que faga será onde cristalice todo o sementado na súa carreira.
Si, creo que as crises son marabillosas. Cando están sucedendo non as queres, pero son moi potentes se te sentas nelas e miras que che queren contar. Do que vai vir non teño nin idea, ao mellor non vén nada, pero non teño medo. Creo que se me dá bastante ben non ter présa e que as cousas vaian tomando formas inesperadas: isto da película pasou por iso. Nunca pensei en tomar esta forma que teño agora, pero moita xente me di desde fóra que tiña que suceder. Non sei o que pasará, pero sei que non me quero esforzar máis.
A que se refire con "esforzar"?
Levo moito esforzo durante moitos anos e agora xa non me quero esforzar, quero estar e que as cousas sucedan co que se sementou. Non vou forzar máis, se teño que dedicarme a isto irá xurdindo e senón dedicareime a outra cousa. O sistema cultural ten que equilibrarse cos artistas, non se pode estar dando, dando, dando e recibindo pouco. Quen me escoite dirá, 'recibiches un Goya'. Si, pero un Goya non vén cun cheque debaixo. Creo que ofrecín moito e mantiven un compromiso grande, a ver que pasa agora.
É un momento de expectación.
Bastante, abriuse un camiño novo. Dende logo, é un momento de transición e, como experiencia, é moi bonito. Síntome moi afortunada, aínda que sigo na loita de sempre.