Álvaro Gago e María Vázquez, finalistas dos Goya por 'Matria' e Janet Novás por 'O Corno'

Álvaro Gago e María Vázquez, na estrea de 'Matria' no Festival de Berlín © Javi Quiroga

Matria opta a dous premios nas categorías de mellor dirección novel e de mellor actriz protagonista e a protagonista de O Corno opta ao galardón á mellor actriz revelación

2023 está a ser un ano excepcional para o cine galego, con premios en grandes festivais (coma o máximo galardón de Donostia para O Corno, que tamén arrasou no OUFF), o éxito de público nas salas comerciais para este filme (máis de 65 mil espectadores e espectadoras) e para outros coma Salta! (case 40 mil) ou Matria (case 40 mil), ademais do recoñecemento da crítica acadado por películas como Sica ou O home e o can. E este bo quefacer do cine galego vai ter tamén oco nos Premios Goya, que este xoves deron a coñecer os seus e as súas finalistas.

Entre os filmes que optan a algún galardón está, precisamente, Matria e O Corno. Álvaro Gago é finalista na categoría de mellor dirección novel por Matria, filme polo que tamén está nominada María Vázquez na categoría de mellor actriz protagonista. 

Pola súa banda, Janet Novás é finalista na categoría de mellor actriz revelación por O Corno, que fica cunha única opción de premio, despois de que nin o filme fose finalista na categoría de mellor película nin a súa realizadora Jaione Camborda fose considerada para as categorías de dirección.

María Vázquez protagoniza 'Matria' ©
Janet Novás, nun momento de 'O Corno' © Elastica Films

O cine galego pode obter tamén un galardón nas categorías animación, onde son finalistas El sueño de la sultana e To bird or not to bird (ambas de Abano Producións), de novo coa presenza de Chelo Loureiro como produtora

Ademais, o cine galego pode obter tamén un galardón nas categorías animación, onde son finalistas a longametraxe El sueño de la sultana e a curtametraxe To bird or not to bird (ambas de Abano Producións), de novo coa presenza de Chelo Loureiro como produtora

Son a sétima e oitava nominacións que acada a ferrolá, que xa atesoura dous premios Goya pol a curta Decorado (dirixida por Álberto Vázquez en 2016 e producida por ela) e pola longametraxe Valentina, que dirixiu a propia Chelo Loureiro. 

El sueño de la sultana, dirixida por Isabel Herguera, parte dun relato feminista indio escrito en 1905 por Begum Rokeya Hussein. Pola súa banda To bird or not to bird, dirixida por Martín Romero (A Coruña, 1981), fai unha radiografía da sociedade contada a través das traxicómicas e esperpénticas vivencias duns paxaros cunha mirada crítica e caleidoscópica do mundo actual.

Tamén é finalista Xoel López na categoría de mellor canción polo seu tema 'Eco' para o filme Amigos hasta la muerte, dirixida por Javier Veiga. 

Igualmente, poden gañar premios en categorías técnicas Curru Garabal, nominada en mellor dirección de arte, e Noé Montes, finalista en maquillaxe.

Tamén hai presenza galega en Aunque es de noche, finalista na categoría de mellor curtametraxe e que conta na produción con Marina García López, afincada en Noia.

20.000 especies de abejas e La sociedad de la nieve son as producións que optan a máis premios

O galego Luís Tosar foi o encargado, xunto á actriz Anna Castillo, de dar lectura ás nominacións dos Premios Goya. Fixérono nun estudio de RTVE, o do magacín Mañaneros, e non na habitual localización da Academia do Cine, onde si foron convocados os e as xornalistas que desexaban seguir o acto, neste caso a través dunha pantalla. 

Tamén é finalista Xoel López na categoría de mellor canción polo seu tema 'Eco' para o filme Amigos hasta la muerte, dirixida por Javier Veiga

20.000 especies de abejas, de Estíbaliz Urresola, con 15 finalistas, e La sociedad de la nieve, de Juan Antonio Bayona, con 13, son as producións que optan a máis premios. Cerrar los ojos (Víctor Erice), Saben aquell (David Trueba) e Un amor (Isabel Coixet) son tamén finalistas na categoría de mellor película.

A cerimonia da 38ª edición dos Premios Goya celebrarase o vindeiro 10 de febreiro en Valladolid, presentada por Los Javis (Javier Calvo e Javier Ambrossi) e Ana Belén.

Na súa categoría, Álvaro Gago terá que competir con Estibaliz Urresola Solaguren, por 20.000 especies de abejas; Itsaso Arana, por Las chicas están bien; Alejandro Marín, por Te estoy amando locamente; e Alejandro Rojas y Juan Sebastián Vásquez, por Upon Entry.

Igualmente, poden gañar premios en categorías técnicas Curru Garabal, nominada en mellor dirección de arte, e Noé Montes, finalista en maquillaxe

Mentres, María Vázquez ten como rivais a Patricia López, por 20.000 especies de abejas; Malena Alterio, por Que nadie duerma; Carolina Yuste, por Saben aquell; e Laia Costa, por Un amor. Finalmente, Janet Novás comparte nominación con Xinyi Ye, por Chinas; Yeju Ji, por Chinas; Clàudia Malagelada, por Creatura; e Sara Becker, por La contadora de películas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.