O Festival de Cans presentou este mércores a programación completa da súa XXIII edición, que se celebrará entre o 19 e o 23 de maio
O Festival de Cans presentou este mércores a programación completa da súa XXIII edición, que se celebrará entre o 19 e o 23 de maio. O cineasta Julio Medem estará no certame, que proxectará máis de 100 obras, contará con 30 estreas e 25 actuacións musicais. O outro gran protagonista da cita será o actor Celso Bugallo, finado hai uns meses e Premio Pedrigree en Cans no 2005, que será homenaxeado cunha Rúa Efémera e unha retrospectiva de curtametraxes.
Ademais, no festival recibirán premios Jaione Camborda, Premio Pedigree, e Janet Novás e Paco do Buraco, Chimpíns de Prata. Representantes de institucións, patrocinadores, veciñanza e membros da organización participaron este mércores no Torreiro de Cans na rolda de prensa que deu a coñecer todas as novidades do evento.
Na liña editorial do certame aparecen temáticas como o despoboamento, o medioambiente ou as narrativas LGTBIQ+
O festival proxectará máis de 100 obras e contará con 30 estreas e unha programación que recolle as reflexións da sociedade contemporánea. Na liña editorial do certame aparecen temáticas como o despoboamento, o medioambiente ou as narrativas LGTBIQ+, abordadas desde múltiples linguaxes e xéneros. Haberá 35 curtametraxes que competirán nas diferentes seccións oficiais, e outras 20 pezas na sección de videoclips, ademais de varias seccións paralelas, entre elas o avance por vez primeira da serie documental El balance de los daños, sobre o final do grupo Siniestro Total, coa presenza do director Mikel Clemente e de Julián Hernández.
As competicións de ficción e animación contarán con ata sete cineastas debutantes, como Juan Barbazán, Varo López ou Bea Lema, xunto a autoras e autores máis experimentados como Guillermo de Oliveira ou Virginia Curiá.
O festival manterá os seus espazos característicos, como o Torreiro ou o Jalpón de Aurora, e incorporará o Día das Novísimas (20 de maio), dedicado a cineastas menores de 25 anos
O festival manterá os seus espazos característicos, como o Torreiro ou o Jalpón de Aurora, e incorporará o Día das Novísimas (20 de maio), dedicado a cineastas menores de 25 anos. Ademais, o certame reforza o seu papel como espazo de conexión profesional, recibindo a máis de 200 profesionais do sector audiovisual. A metade participarán na presentación do Hub Audiovisual da Zona Franca consolidando o festival como ponte entre creación e industria, con presenza de axentes de Galicia, Portugal e outros territorios.
Julio Medem participará no coloquio central do Torreiro e colocará a súa estrela. Ademais, o día 19 proxectarase o seu último filme, 8. Medem é unha das referencias do cinema español contemporáneo, cunha traxectoria de máis de tres décadas e títulos como Vacas, La ardilla roja ou Lucía y el sexo.
A dimensión internacional verase reforzada coa presenza da cineasta canadense Andrea Bussmann e co Foco Internacional dedicado ao portugués Paulo Carneiro, un dos realizadores con maior proxección do cinema luso actual
A inauguración oficial terá lugar o xoves 21 no Círculo Recreativo co filme La buena hija, de Júlia de Paz, coa presenza da directora, dos actores Janet Novás e Julián Villagrán, e do produtor Sergio Grobas.
A dimensión internacional verase reforzada coa presenza da cineasta canadense Andrea Bussmann e co Foco Internacional dedicado ao portugués Paulo Carneiro, un dos realizadores con maior proxección do cinema luso actual. Caneiro foi seleccionado en 2024 na Quincena de Cineastas do Festival de Cannes co seu filme A Savana e a Montanha.
Ambos participarán tamén nos coloquios do certame, por onde pasarán actrices e actores como María Vázquez, Manuel Manquiña ou Uxía Blanco; cineastas como Jaione Camborda, Rafa de los Arcos, María Yáñez, Eloy Domínguez ou Álvaro Gago.
A programación musical contará con 25 actuacións de estilos diversos, moitas delas vinculadas ás proxeccións, con artistas como Víctor Coyote, Mounqup, De Ninghures, Nat Simons e Aurora Beltrán, Arizona Baby, Alana, Laura LaMontagne ou o regreso de The Homens
A programación musical contará con 25 actuacións de estilos diversos, moitas delas vinculadas ás proxeccións, con artistas como Víctor Coyote, Mounqup, De Ninghures, Nat Simons e Aurora Beltrán, Arizona Baby, Alana, Laura LaMontagne ou o regreso de The Homens.
O músico, debuxante e realizador Víctor Coyote terá un especial protagonismo nesta edición. O artista de Tui será recoñecido co Chimpín de Prata á súa traxectoria, marcada por máis de catro décadas de creación nas que desenvolveu unha obra persoal e heterodoxa, tanto na música como nas artes visuais. Ademais, o Invernadoiro Rei Zentolo de Juan e Mucha do Peso acollerá o sábado 23 de maio, Día Grande do festival, as actuacións de Víctor Coyote e Mounqup, en dous concertos moi especiais e conectados con contidos da programación.
As entradas están dispoñibles na web do Festival de Cans. As entradas individuais para o concerto de Víctor Coyote xa están esgotadas e no caso de 360 Curvas quedan xa moi poucas localidades dispoñibles e restan arredor de 100 entradas para as sesións de ficción e animación. Tras esgotarse os 200 packs iniciais, puxéronse á venda 100 adicionais, tamén a piques de esgotarse.
A imaxe gráfica desta nova edición, é obra de Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo. O cartel pon o foco no río Couso como elemento vertebrador da identidade do territorio e provoca unha reflexión sobre a amenaza dos verquidos incontrolados que sofre a aldea desde hai varias décadas.