A BNE conclúe a oitava recolección de contidos aloxados baixo o dominio galego en internet "para a súa conservación a longo prazo" con máis de 1,8 terabytes de información, trece veces máis que na primeira ocasión
A finais de 2017 a Biblioteca Nacional de España realizou, por encargo da Biblioteca de Galicia, a primeira recolección masiva de sitios web co dominio .gal, que botara a andar en 2014 despois de anos de traballo da Asociación PuntoGal para o lograr. Como resultado daquel traballo, a BNE incorporara ao seu Arquivo da Web uns 140 xigabytes de información de algo máis de 4.000 dominios dos que arredor da metade aínda non tiñan actividade.
Nos primeiros días deste decembro de 2024 a BNE "finalizou con éxito" a oitava recolección masiva de dominios .gal. Doutra volta da man da Biblioteca de Galicia e mais de PuntoGal, o traballo precisou de dous días. Os dominios agora son máis de 7.000 e a información recompilada, máis de 1,8 terabytes "de información dixital para a súa conservación a longo prazo". Isto é, multiplica amplamente por 13 os 140 xigas da primeira recolleita.
Como os anteriores procesos, explican dende a BNE, a preservación destes contidos web "permite garantir o acceso futuro aos recursos dixitais que reflicten a identidade cultural galega". Entre eles, todos os contidos de Praza.gal.
O traballo, en colaboración coa Biblioteca de Galicia e PuntoGal, permite "salvagardar a historia dixital de Galicia" e garantir "o acceso futuro aos recursos dixitais"
Con este traballo, detallan, as dúas bibliotecas e PuntoGal "dan un paso máis na salvagarda da historia dixital de Galicia". O que perseguen, especifican, é "garantir que a riqueza da lingua e a cultura galega siga sendo accesible para investigacións, estudos e cidadanía do futuro".
Á recolleita dos sitios .gal engádense outras accións como a preservación, dende a Biblioteca de Galicia, de sitios web "relativos a enquisas, sondaxes, estudos electorais e información" sobre os comicios galegos do pasado febreiro. Engádense á unha colección de máis de 1.000 webs ligadas co noso país baixo dominios diversos.
Todas as coleccións do Arquivo da Web da BNE pódense consultar dende os ordenadores da propia institución en Madrid ou nos equipos habilitados no conxunto da rede de centros de conservación, que no caso galego se corresponde coa Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. A razón para non divulgaren os arquivos en aberto en internet, explican, é que moitos dos contidos teñen dereitos de autor vixentes