Unha ducia de momentos na historia do .gal, o dominio galego
O dominio galego (o .gal) está a a celebrar o seu décimo aniversario. Hoxe parécenos a cousa máis normal do mundo ir a un rexistrador e mercar o dominio sechovequechova.gal, por exemplo, pero hai un par de décadas semellaba unha arela case imposible. O traballo foi longo e colectivo. Dende 2006 a Asociación PuntoGal comezou a moverse para acadar un dominio propio que chegou finalmente en 2013. Os primeiros 93 dominios foron unha realidade o 25 de xullo de 2014. Dez anos máis tarde xa somos máis de 7.200, un crecemento lento pero sostido, que se quere acelerar no futuro, convencendo das vantaxes para calquera empresa ou entidade de identificarse como galega no océano sen fin da rede.
-
01
Un traballo colectivo
O obxectivo estaba xa na cabeza de moitas persoas, pero no ano 2006 comezaron a darse os primeiros pasos, seguindo o ronsel aberto polo .cat catalán. Nese momento constitúese a Asociación PuntoGal, impulsada dende o comezo pola Asociación de Editores, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións, a Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), o Colexio de Xornalistas, Eganet, o Galicia Hoxe, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega ou Vieiros.
O mail no que se convidaba a participar na constitución da Asociación Punto Gal como entidade promotora -enviado o 6 de abril de 2006. comezaba así:"Este é o acto inaugural dun proceso participativo no que se quere implicar a colectivos e organizacións vencellados a lingua, cultura e internet galega para constituír a Asociación Punto Gal como entidade promotora do dominio .gal perante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN)..."
Na imaxe, a asemblea fundacional de Puntogal, en xuño dese ano: Lois Rodríguez, Marcus Fernández, Camilo Regueiro e Manuel González.
-
02
O exemplo do puntCAT
Catalunya abriu o camiño para o dominio galego e tamén para o vasco e outros dominios culturais. Os intentos cataláns por acadar un dominio propio comezaran en 1996, un traballo longo que finalizou en 2004 coa presentación da candidatura, finalmente conseguida un ano despois.
Na imaxe, á esquerda, Jordi Iparraguirre, director da Fundació puntCAT, que nesta entrevista con Praza no ano 2012 auguraba o éxito para a candidatura galega, nese momento en marcha: "O puntogal vai existir e vai funcionar ben"
-
03
2006-2008: os primeiros pasos
En 2005 o catalán xa contaba co seu dominio, pero para o galego aínda quedaba un longo percorrido por diante. Constituída a Asociación PuntoGal, comezou o traballo ante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), o organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñecer os dominios.
En 2007, como destacaba Vieiros, unha delegación da Asociación PuntoGal participou en Los Angeles na 30ª edición do encontro internacional da ICANN, tamén o fixo nas xuntanzas de Lisboa, San Xoán de Porto Rico e, xa no 2008 en Nova Dehli, París e O Cairo.
Nesas xuntanzas buscábase “dar a coñecer e a recabar apoios entre os membros da ICANN” e, ademais, “trasladar unha mensaxe contundente: o dominio .gal é moi importante para a lingua e a cultura galegas e por tanto precísase contar con el o antes posíbel”, destacaba Vieiros.
-
04
Un camiño longo
Porén, non ía ser doado. Se o catalán tivera que agardar case unha década, o percorrido do dominio galego tamén ía ser longo, de sete anos. "Houbo que asistir a ducias de reunións, congresos de ICANN, pasar múltiples procesos e filtros, obter recursos e preparar documentos. Houbo que contar a historia de Galicia e da súa lingua propia moitas veces, en idiomas distintos", destácase dende a Asociación PuntoGal (na imaxe, á esquerda, Camilo Regueira nunha desas xuntanzas).
Ata ese momento o número de extensións era moi limitado (com, .edu, .net, .gov, .mil, org...), ademais das que identificaban Estados. No ano 2000 entraron os dominios xenéricos (.aero, .biz, .coop, .name, .info e .museum) e no 2005 .cat, a primeira experiencia para unha comunidade cultural e lingüística.
En novembro de 2008 Vieiros daba conta de que "a lentitude da ICANN" adiaba o .gal, cando menos ata o ano 2010. Finalmente, aínda houbo que agardar un pouco máis
-
05
2013: anuncio da aprobación do dominio galego
Mentres en Galicia o PP chegaba ao Goberno da Xunta (aínda que o novo Executivo mantivo o seu apoio ao dominio galego) e desaparecían medios de comunicación como Vieiros, Galicia Hoxe, A Nosa Terra ou Xornal de Galicia, o traballo silandeiro de PuntoGal continuaba.
No ano 2012 relanzouse a carreira por acadar o .gal. En maio presentouse oficialmente a candidatura galega e enviouse -alén de múltiples informes e documentación- a proposta definitiva (contan que un día, de madrugada, nunha oficina de Compostela na que tres integrantes do equipo premeron o botón de submit).
E, finalmente, o 15 de xuño de 2013 anunciouse oficialmente a aprobación do dominio galego, que o ICANN comunicara o día anterior. O instituto Rosalía de Castro de Compostela acolleu unha rolda de prensa na que Manuel González, presidente da asociación, salientou a "importancia histórica desta nova", destacando que "é unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos".
-
06
Apoio institucional
Aínda houbo que agardar un ano para ver as primeiras webs co .gal. En novembro de 2013 a ICANN asinou o contrato, que deu paso a un período transitorio de 9 meses para levar a cabo reservas de nomes e outras accións.
Nese tempo visibilizouse o apoio institucional á iniciativa, cun acto na Cidade da Cultura o 16 de maio de 2014 no que se presentou a primeira web co .gal (www.dominio.gal). E, ademais, coa aprobación por unanimidade no Parlamento galego dunha declaración institucional (na imaxe) que destacaba que o .gal é unha “ferramenta chave para potenciar o uso do galego na internet, dotar a nosa cultura dun novo instrumento para aumentar a súa visibilidade e facilitar que as empresas gañen en proximidade co público galego”
-
07
As primeiras 93 webs que empregarán o dominio .gal
O 22 de xullo de 2014 presentáronse no Museo do Pobo os 93 dominios pioneiros que ían comezar a usar o .gal a partir do 25 de xullo. Había entidades sociais, empresas e administracións públicas e tamén medios de comunicación, como Praza.gal
A partir de setembro abriuse a fase Abrente, na que entidades públicas e privadas puideron exercer "o dereito preferente de solicitar o seu dominio", que lles corresponde por tratarse de marcas rexistradas. E tamén a fase Carreira, na que o público xeral poderá acceder aos "enderezos que non teñan dereitos preferentes", poxando "por direccións especialmente atractivas".
Finalmente, o 2 de decembro de 2014 activouse nun acto na Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo a fase Aberta, na que as solicitudes se asignan por orde de chegada, como sucede en calquera outro dominio
-
08
"O dominio é voso"
Nunha destas presentacións Puntogal, ademais de agradecer o apoio institucional, subliñou que todo este apoio e recoñecemento "non tería sido suficiente" para lograr o obxectivo "de non contar co respaldo de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet". "O dominio é voso", remataba.
E así era: o dominio era xa de toda a sociedade galega e era o momento de espallalo e de facelo crecer. En 2015 había 2.500 webs co dominio galego, en 2018 eran 5.000 e na actualidade a cifra supera as 7.200. Un número que posiblemente é inferior ás expectativas iniciais e que nesta recente entrevista o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, aposta por facer medrar.
-
09
Reverter en Galicia no país os beneficios xerados polo dominio
Ademais da xestión diaria do dominio e da representación de Galicia nos organismos internacionais que deciden o presente e o futuro de Internet, coma a ICAAN, a asociación PuntoGal levou a cabo nesta última década un gran número de iniciativas sociais, vencelladas sobre todo ao apoio da cultura, a lingua e a tecnoloxías en Galicia, revertendo no país os beneficios económicos que o dominio vai xerando.
O apoio ao fútbol gaélico é un destes proxectos, unha aposta polo deporte de base mediante as GaélicoEscolasPuntoGal e polas seleccións galegas femininas e masculinas e a súa proxección internacional.
-
10
Múltiples proxectos
Son moitos ps proxectos que nestes anos veu apoiando PuntoGal, dende a colaboración co Museo do Videoxogo (MUVI) de Cangas, a Folkoteca Galega, os Premios SpinOff PuntoGal, feiras de autoedición como a coruñesa Autobán, o certame de microrrelatos convocado coa RAG, convenios con podcasts en galego, co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo ou a colaboración coa FIRST LEGO League Galicia
-
11
Colaboración entre Puntogal e Vinte
Entre os proxectos e colaboracións con medios de comunicación están os desenvolvidos coa revista VINTE, como Vinte na Rede ou VINTE na rúa.
-
12
Levar o dominio galego á sociedade
O obxectivo de PuntoGal é convencer á sociedade das vantaxes do dominio galego: "O puntogal permite que todo o mundo identifique a túa páxina con Galicia. Se ti tes un selo distintivo e ese selo está ademais asociado a algo que se recoñece como calidade, iso convértese nun valor engadido moi importante", dicía nesta entrevista en 2015 Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación Puntogal.
De Lorenzo destacaba nestoutra conversa que "no mundo de Internet, se tes algo que te diferencia é máis doado que te atopen".
-
13
A imaxe da segunda década do puntogal
Hai uns días PuntoGal deu a coñecer a súa renovada imaxe, cada ás actividades de conmemoración do dominio galego. En conversa con Praza.gal, o actual director xeral da entidade xestora, Darío Janeiro, facía fincapé na necesidade de facer crecer o dominio especialmente no mundo empresarial: "O dominio é bonito, cando menos a nós parécenos bonito polo que representa: cando compras un .gal estás dicindo que formas parte dunha comunidade, dun sentimento, dun adn galego na rede. Pero, ademais, é un dominio útil; en primeiro lugar, tes unha maior dispoñibilidade de nomes entre os que elixir que se axusten mellor á túa marca que se mercas por exemplo un .com; é, ademais, identifica a túa actividade con Galicia".