Unha ducia de festivais de música para este verán en Galicia
Achégase o verán e xa temos aquí os primeiros festivais, que ata o mes de setembro se espallan por todo o país. Este ano coa polémica da participación do fondo israelí KKR en varios deles (pero en ningún dos recollidos nesta ducia). De pago ou de balde, dun estilo ou doutro ou de todos a un tempo, a oferta de eventos musicais en Galicia é amplísima. Xa sabes a cal vas ir?
-
01
6 e 7 de xuño. Surfing the Lérez Festival (Pontevedra)
A música comeza xa esta fin de semana co festival Surfing the Lérez, que se celebra en Pontevedra de venres a sábado. Na programación hai un pouco de todo, dende Grande Amore a King África, pasando por María Grep, Miguel Costas, Cristalino, Shego, Alba Reche ou Ángel Stanich, ata Arizona Baby, Capital Voskov, Las Dianas, Levitants e Ortiga.
Ademais, do 20 ao 21 de xuño Pantón acolle o Trece Roeis Fest, con Ilegales, Sés, Dakidarría ou Caamaño&Ameixeiras, entre moitos outros nomes.
-
02
27 e 28 de xuño. Festival do Pasatempo (Betanzos)
Rematando o mes, a música viaxa a Betanzos, onde os días 27 e 28 se celebra o Festival do Pasatempo, no parque do mesmo nome. Na programación destaca a presenza de Tanxugueiras, Zetak, Caamaño&Ameixeiras, Carlos Núñez ou Antía Muíño.
-
03
Do 3 ao 5 de xullo. Portamérica (Caldas de Reis)
Unha semana despois é a quenda do PortAmérica de Caldas de Reis, no recinto da Azucareira de Portas. Tres días de música, do 3 ao 5 de xullo, co esperado concerto de CA7RIEL y Paco Amoroso. E tamén os de Melendi, Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Molotov, Viva Suecia, Mikel Izal, Duncan Dhu, Alcalá Norte, Carlos Ares, La La Love You, Los Tigres del Norte, No te va a gustar ou Recycled J.
Esa mesma fin de semana ten lugar en Ponteareas o Rock in Río Tea, con Def con Dos, Ariel Rot ou Parquesvr.
-
04
Do 6 ao 13 de xullo. Atlantic Pride (A Coruña)
Se hai unha cidade na que a música é protagonista durante o verán, esa é A Coruña. As rúas e prazas de cidade acollen do 6 ao 13 de xullo o festival Atlantic Pride de cultura LGTBI+, con concertos gratuítos coma os de Jimena Amarillo, De Ninghures, Edurne ou David Civera.
Pero, ademais, o Coruña Sounds trae á cidade herculina os concertos de Leiva (12 de xullo) ou Arde Bogotá (19 de xullo) e Son do Nordés programa a Luis Fonsi, Il Divo ou Diego el Cigala. E en agosto chega o Noroeste Estrella Galicia e en setembo o Recorda Fest.
-
05
Do 9 ao 13 de xullo. Festival de Ortigueira
Do 9 ao 13 de xullo celébrase o Festival de Ortigueira, que se achega aos 40 anos de historia. Milleiros de persoas pasarán polo Festival Internacional do Mundo Celta, coa participación de Capercaillie, Fillas de Cassandra, Alana ou Dervish.
-
06
Do 18 ao 20 de xullo. Ribeira Sacra Festival
E dun escenario inmellorable a outro. Varios espazos da Ribeira Sacra acollen do 18 ao 20 de xullo unha nova edición do Ribeira Sacra Festival que este ano trae no seu cartel a Julieta Venegas, The Jayhawks, Exsonvaldes, Ángel Stanich ou Alondra Bentley.
Esa mesma fin de semana en Ourol ten lugar o Festival Aturuxo, con O Sonoro Maxín ou Belém Tajes.
-
07
Do 18 ao 20 de xullo. Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa)
Tamén do 18 ao 20 de xullo, desta vez en Vilagarcía de Arousa, o Atlantic Fest trae un ano máis unha coidada selección de pop, rock e indie, encabezada por Primal Scream, The Jesus & Mary Chain, Slowdive e Los Planetas
Unha semana máis tarde a Illa de San Simón acolle a edición 2025 do Sinsal SON Estrella Galicia, coma sempre cunha programación secreta. E en Ribadeo o Vendaval Fest trae á Mariña a Boikot, Lendakaris Muertos ou Reincidentes,
-
08
Do 31 de xullo ao 3 de agosto. SonRías Baixas (Bueu)
Chega agosto, outro mes de música en Galicia. Ábreo o SonRías Baixas de Bueu, entre o 31 de xullo e o 3 de agosto. Unha cita cunha amplísima programación na que destacan La Raíz, Dani Fernández, Sen Senra, Carolina Durante, Baiuca, Alizzz, Delaporte, Niña Polaca, Capital Voskov, Cariño, Carlos Ares, Grande Amore, Shego ou The Rapants.
-
09
Agosto. Noroeste Estrella Galicia (A Coruña)
Como diciamos antes, a cidade da Coruña respira música ao longo de todo o verán. Aos eventos que se celebran en xullo hai que sumar un mes de agosto cheo de concertos, comezando polo Noroeste Estrella Galicia e as súas tradicionais actuacións na praia e en rúas e prazas, cunha programación aínda por anunciar.
Ademais, todos os concertos das Festas de María Pita. E, finalmente, o Recorda Fest, do 5 ao 6 de setembro, coa presenza de Álvaro de Luna, Kate Ryan, Leire Martínez, Lori Meyers, Xoel López ou Nena Daconte.
-
10
Do 14 ao 16 de agosto. Nachiños Fest (Ferrol)
O Nachiños Fest naceu hai cinco anos en Covas, na zona rural de Ferrol, e este ano consolida a súa aposta movéndose ata o peirao de Curuxeiras. Alí, do 14 ao 16 de agosto, estarán Sexy Zebras, Malmö 040, Karavana, Ortiga, Inazio, Barry B, Filloas ou Zavala.
-
11
Do 29 ao 31 de agosto. Festival da Luz (Boimorto)
En Boimorto Luz Casal leva anos impulsando o Festival da Luz , un macroevento que cada verán trae un gran número de artistas de moi diversos estilos. Este ano, do 29 ao 31 de agosto, destaca na programación Rozalén, Califato 3/4, Heredeiros da Crus, Depedro, Dulce Pontes, Triana, Mondra, Rebeliom do Inframundo, Boyanka Kostova, A Banda da Balbina ou Los Jinetes del Trópico.
-
12
Do 5 ao 7 de setembro. Osa do Mar (Burela)
Chegamos a setembro. En Burela levan máis dunha década organizando o Osa do Mar, un evento pequeno, organizado con cariño e que foi gañando un lugar no calendario de festivais. Do 5 ao 7 de setembro pasarán pola vila mariñá Baiuca, Mujeres, Ortiga ou Sanguijuelas del Guadiana.
Esa mesma fin de semana Rianxo acolle o Rock in Rian, con Boikot, Dakidarría, Nadie González ou High Paw
-
13
Do 11 ao 14 de setembro. Revenidas (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa)
O verán musical adoita rematar en Vilaxoán de Arousa, nun nun festival Revenidas que cada ano atrae máis público e que nesta edición, do 11 ao 14 de setembro, terá a Riot Propaganda, Dubioza Kolektiv, SÉS, Heredeiros da Crus, The Baboon Show, Hugo Guezeta, Fermin Muguruza ou Dakidarría na súa programación.